
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Hoxe a maioría da xente bota enriba do sistema financeiro as responsabilidades da crise actual, e ten toda a razón, porén esta análise non olla máis que a punta do iceberg. Tamén é certo que o capitalismo fíxose nas últimas décadas cada vez máis especulativo e menos baseado na produción, e polo tanto máis afastado dos problemas dos pobos. Co agravante de que un país pode perder anos de traballo e ficar sumido na pobreza grandes sectores da poboación por mor dun ataque especulativo baseado na difusión de falsos rumores. O xuízo contra un dos maiores bancos do mundo, o Goldman Sachs, deixa en evidencia o xeito marrulleiro de axer por parte das clases dominantes.
A crise actual tamén é resultado dun problema de sobreprodución, como consecuencia da queda do consumo, por mor da concentración e centralización estrema da renda nun sector social cada vez máis reducido. Durante a globalización neoliberal o consumo só se mantivo en base ao enorme endebedamento das familias das clases populares (a burbulla inmobiliaria é unha expresión máis desta circunstancia, na procura do capital de atopar novas fontes de lucro). Era unha situación que non podía durar. Hai que engadir ademais que a clase traballadora non foi quen de evitar esta trampa malia traballar máis persoas, máis tempo e a un maior ritmo. Porén tamén unha franxa importante dos autónomos e dos pequenos empresarios perderon ingresos, véndose obrigados a pechar ou a subsistir en condicións moi precarias.
Agora ben, se nos conformáramos con está última caracterización, que insire por lóxica a loita de clases na contextualización da crise, esqueceriamos outros feitos que son moi relevantes. Nomeadamente que ao abeiro da globalización xermolaron novas potencias (China, Brasil, India e Rusia) que esixen un novo reparto do poder a nivel mundial. Porén ademais temos que sumar factores da máxima importancia como é o esgotamento do petróleo (que deu base material á globalización neoliberal e a este modelo de sociedade), do uranio e outros recursos enerxéticos. E, como se non fora abondo, temos que engadir os graves problemas climáticos, de estragamento da biodiversidade, e os evidentes límites demográficos.
Todo o poder militar das potencias (encetando polo imperialismo estadounidense), o control férreo dos grandes medios de información, e a represión a toda alternativa distinta ao capitalismo neoliberal, xa non pode garantir neste contexto a reprodución do modelo hexemónico das últimas décadas por moito tempo. O mundo non ten recursos nen capacidade para soportalo. Polo tanto, compre máis que nunca analizar axeitadamente o concreto e o xeral, estudar o devir histórico, albiscar os posíbeis escenarios futuros, e sermos capaces de socializar estas reflexións para construír masa critica abondo e mudar a correlación de forzas.
[Artigo tirado do sitio web do ‘Xornal’, do 9 de maio de 2010]