
Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.
El País de Madrid publica un editorial sobre o masacre de indíxenas na selva peruana que é todo un poema ao esperpento, á mentira e á manipulación. En tres parágrafos, mal escritos por certo, mete nunha batedora os indíxenas da selva peruana, cos “serranos” (que El País bautiza como quechuas), aderézaos con Evo Morales, Daniel Ortega e o infaltábel Hugo Chávez (“o eixo do mal” do grupo empresarial español Prisa) para despois, ao final, engadir que o líder indíxena Alberto Pizango “buscado por la justicia” tiña recibido unha carta dun “indíxena aimara” chamado Evo Morales en que “exhortaba a sus hermanos peruanos a la revolución".
El País hai moitos anos que non pasa a proba do algodón. Cada vez que a aplicamos… sae manchado. Escribir un editorial sobre as matanzas de indíxenas no Perú e non citar a Alan García é toda unha arte de malabarismo. Tamén é unha arte baixar o presidente boliviano, eleito polo pobo boliviano democraticamente, do rango de presidente ao de líder indíxena aimara, á mesma e respectábel altura que Pizango.
Mentres o Perú acolle canto golpista e ladrón foxe de Venezuela, sen lle dar explicacións a ninguén, e sen que Venezuela llas pida; El País asegura que a concesión de asilo diplomático a Pizango, e unha nota que enarbola un pouco fiábel e anónimo deputado peruano de Morales a Pizango, traerá problemas diplomáticos entre o Perú, Bolivia e Nicaragua.
Nada conta El País dos meses de asedio nin do roubo que representa que un Estado, coma o peruano, que nunca se fixo cargo dos seus cidadáns, veña e lles roube unhas terras que son deles, ademais de condenalos a morrer de fame, pois as terras cultivábeis serían destinadas a encher o tanque de gasolina a europeos e estadounidenses.
A dolorosa espiña que ten cravada El País con Bolivia non é que Morales escriba notas revolucionarias ( que El País considera folclóricas e anacrónicas), nin que sexa indio, senón que lle prohiba á editorial Santillana, do grupo Prisa, vender libros de texto en Bolivia. O presidente Evo Morales acaba de decidir que os libros de texto serán escritos por mestres e profesores bolivianos para nenos bolivianos.
Na linguaxe colonial española de El País, é dicir, actual e aberrantemente prepotente, os libros de texto serán escritos por mestres indíxenas aimaras e profesores indíxenas aimaras para nenos indíxenas aimaras, de acordo cun decreto dun presidente indíxena aimara nun país indíxena aimara. Lóxica aplastante. Santillana non venderá máis libros en Bolivia e eu alégrome.
[A Coruña, 11 de xuño de 2009]