Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
11/8/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Kósovo: Independencia para albergar a maior base militar ianque do mundo

A recente decisión do Tribunal Internacional de Xustiza abenzoando a independencia de Kósovo (aínda que hai uns anos dicían o contrario), trae de novo ao primeiro plano da actualidade a traxedia da ex-Iugoslavia. É un bo momento para achegar algúns elementos de reflexión que nos permiten denunciar que a independencia de Kósovo obedece, máis que á “vontade dos pobos”, a turbios intereses militares e económicos dos países occidentais.

 

Camp Bondsteel

Kósovo debe a súa existencia como país independente á necesidade dos Estados Unidos de dispor dunha base militar na zona. Esta base militar chámase Camp Bondsteel e é a maior e máis cara de todas as que teñen despregadas os Estados Unidos por todo o mundo desde a guerra de Vietnam.

Antes do comezo da guerra contra Iugoslavia, The Washington Post sinalaba que “dada a crecente fraxilidade da situación en Oriente Medio, necesitamos novas bases e dereitos de utilización do espazo aéreo para protexer os nosos intereses relativos ao petróleo do Caspio”. E é que por aquelas datas xa estaba decidida a construción da base militar de Camp Bondsteel como un dos obxectos esenciais da guerra que se ía desatar. Se miramos un mapa, facilmente nos decataremos de que Kósovo é un punto estratéxico de primeira orde, pois desde o seu territorio pódese actuar sobre Oriente Medio, o Caucaso, Iraq, Irán, ou -e tampouco hai que pasalo por alto- sobre Moscova.

A base está situada preto da fronteira con Macedonia. Alberga a uns 10.000 solados norteamericanos.

O paro entre a poboación kosovar da zona chega ao 80%. Os salarios do persoal nativo contratado son extraordinariamente baixos, entre 1 e 3 dólares a hora; todo iso para que a inflación non se dispare, segundo fontes norteamericanas.

Debido á forte presenza de forzas da OTAN en Kósovo, a prostitución converteuse nun dos negocios máis lucrativos. Kósovo ten a triste marca de non “exportar” putas a todos os prostíbulos de Europa, como sucede cos outros países ex-socialistas, senón que ten que “importar” mozos de Europa central e oriental para que se prostitúan a maior gloria das tropas da OTAN. A explotación infantil forma parte desta dura realidade: como sinala Christine Dolan, da Campaña Internacional Humanitaria contra a Explotación Infantil, “os empregados dos subministradores do exército norteamericano déitanse coa mafia e compran nenos como obxectos sexuais”.

Os corredores enerxéticos

A base de Camp Bondsteel serve tamén de can gardián dun corredor enerxético que atravesa a ex-Iugoslavia, un feito que constitúe unha das razóns fundamentais da agresión occidental a este país: nos plans imperialistas a traída de petróleo e gas do Cáucaso e Asia Central a Occidente pasa pola ex-Iugoslavia.

Hai dous proxectos de corredores. Un é alemán: nace en Constanta (porto romanés no Mar Negro) e segue a liña Belgrado-Hamburgo. O outro proxecto é dos Estados Unidos e segue o trazado Bulgaria-Macedonia-Albania. En 1999 o xeneral Jackson, que daquela dirixía a OTAN, era moi claro cando dicía que “sen dúbida permaneceremos moito tempo para garantir a seguridade dos corredores enerxéticos que atravesan este país”.

En 2004 asinouse o acordo AMBo, que permitía construír un oleoduto desde Burgas, en Bulgaria, a Albania (proxecto estadounidense). En 2007 os ministros de Economía de Romanía, Serbia e Croacia asinaron a posta en marcha do “Corredor 10” (proxecto alemán), un oleoduto de 1.200 km.

Os trazados de estradas seguen os intereses económicos que mencionamos, segundo a potencia que os patrocina. Así, a Axencia Europea para a Reconstrución investiu 47 millóns de euros nas estradas e autoestradas de Kósovo, mentres que a Axencia Norteamericana para o Desenvolvemento Internacional investiu 30 millóns de dólares na ruta Bulgaria-Macedonia-Albania. Estas “axudas” occidentais estanas pagando moi caras as poboacións dos países ex-socialistas, que son as que finalmente deben devolver o investimento realizado. O gasto social destes países e milleiros e milleiros de empregos están sendo o prezo.

Kósovo no paraíso capitalista

Kósovo é unha froita gorentosa para as grandes potencias occidentais, pois dispón de grandes reservas de carbón, cinc e níquel. Estas minas están sobre todo nas zonas de maioría serbia, o que explica un dos motivos da limpeza étnica contra os serbios.

A Kosovo Trust Agency, dependente da ONU, organizou o proceso privatizador da economía kosovar: minas, instalacións eléctricas, correos, aeroporto, camiños de ferro, e un longo etcétera, foron privatizadas a prezo de saldo. Interpress News Service dicía nun informe do 20 de xaneiro de 2008 que a venda de 300 empresas públicas desde 2003 só supuxo 344,5 millóns de dólares.

As subidas de prezos son imparábeis. Como exemplo, sinalemos que entre 2007 e 2008 o prezo do pan pasou de 4 a 30 dinares; o quilo de carne de porco, de 180 a 260 dinares (con Milosevic estaba a 60, e a proporción vale para todos os produtos que apuntamos); as patacas, de 7 a 12 dinares o quilo; o azucre, de 25 a 50 dinares; o litro de aceite, de 36 a 70; o metro cúbico de gas, de 3 a 11,20 dinares.

Michael Collon relata un caso de Belgrado, que é aplicábel para Kósovo e o resto do mundo ex-socialista: “Os meus vellos amigos, unha parella de intelectuais de Belgrado, mercan un plátano ou un iogur, xa que non poden pagar máis. O café xa non se vende en paquetes de medio quilo, senón só en paquetes de cen gramos. Pero xa non o toman, converteuse nun luxo (...) Si, estamos ben, imos tirando, dinme, pero perderon dez quilos. Unha comida consistía nunha lata de sardiñas para tres, algunhas páprikas, pan... E xa non se contabilizan os suicidios de anciáns que xa non poden mercar os seus medicamentos” (Michael Collon, Rebelion, 21-01-03).

“Acabouse o acceso aos medicamentos a baixo prezo das farmacias estatais; estes medicamentos volvéronse case inencontrábeis. En cambio, hai que ter uns ingresos moi importantes para poder pagar os medicamentos das farmacia privadas...” (Michael Collon, Rebelion, 21-01-03)

A propaganda occidental fixo crer a sectores da poboación dos países ex-socialistas que o capitalismo traería unhas condicións de vida superiores ás do socialismo. Seguimos con Michael Collon en 2003: “unha gran ilusión domina actualmente a mocidade iugoslava, porque é sobre todo ela a que máis ilusións alimenta respecto das promesas de Occidente. A gran ilusión é crer que, aceptando as vontades das multinacionais e os dirixentes occidentais, a prosperidade virá recompensar a poboación iugoslava. A cuestión decisiva segue sendo canto valen as promesas de Estados Unidos e dos seus aliados. Tentados polas promesas de prosperidade feitas en 1989, países como Rusia, Bulgaria ou Albania puxéronse de xeonllos ante o imperialismo occidental. E logo os seus pobos viven mellor hoxe? Os feitos responderon? (Michael Collon, Rebelión, 21-01-03).

Kósovo e as mafias

Kósovo está en mans das mafias. O informe de 2007 de Maceij Zaremba, xornalista do diario sueco Dagens Nyheter, tras pasar 6 meses en Kósovo, revela as estreitas relacións entre os dirixentes internacionais da UNMIK (a misión da ONU) e a mafia albanesa, co visto e prace da ONU: Kósovo é un lugar sen lei, un centro de comercio de mulleres e droga; vindo do aeroporto hai unha gasolineira cada 6 quilómetros, "un record fantástico que, desgraciadamente, serve unicamente para o branqueo de diñeiro do contrabando de droga e armas, e da escravitude sexual" (Rebelión, Esp, 19-12-07); só hai electricidade unhas horas ao día, "Como, entón", preguntámonos, "mentres que o Estado está dirixido por Nacións Unidas que investiu 700 millóns de euros nas dúas centrais eléctricas nunha rexión tan rica en lignito que podería alumar todos os Balcáns, Kósovo non pode producir bastante electricidade e, en cambio, contamina o aire 70 veces máis que a norma permitida pola Unión Europea?" (Rebelión, Esp., 19-12-07); os sete "gobernadores", os xefes da UNMIK, só falaron nos seus informes da estabilidade e dos progresos da situación, pero as fontes británicas sinalaron a Zaremba que a sede das forzas de policía da ONU está desbordada de informes sobre a criminalidade, que ninguén abriu nunca. "A maioría dos crimes non se investigaron nunca, pero, vendo a composición da UNMIK, quen ía facelo aínda que o desexase?" (Rebelión, Esp., 19-12-07); "se rouban a alguén non hai practicamente ningunha posibilidade de que se atope ao ladrón, a pesar de que Kósovo teña o maior número de policías por habitante de Europa. Nos tribunais esperan 300.000 casos non resoltos. Se un é serbio ou xitano, pódenlle queimar a un a casa mentres que os soldados da ONU miran tranquilamente o incendio. E isto ocorreu moitas veces". (Rebelión, Esp., 19-12-07).

Marie Fuchi, que dirixiu a Kosovo Trust Agency en 2003-04 afirma que a axuda internacional vai parar a mans da mafia local; Francia conseguiu que a telefonía se privatizase a favor de Alcatel: os prezos son os máis altos da zona e os beneficios van parar a Francia e Mónaco, co visto e prace da ONU. Der Spiegel reproduce as declaracións duns policías alemáns destacados en Kósovo: "Un indígnase cando ve como os peores mafiosos gozan aí manifestamente da protección dos estadounidenses" (Rebelión, M.Collon, 24-03-04). En Pristina, unha lexión de "funcionarios" occidentais, que non traballan pero que cobran soldos desorbitados, protexen as mafias locais que trafican na heroína afgá (outro país ocupado pola OTAN).

Nos últimos anos a comunidade internacional levou a Kósovo uns 20 millóns de euros, pero ninguén sabe onde están. En xullo de 2002 investigadores da Unión Europea descubriron en diversas contas en Xibraltar 4,5 millóns de euros.

Tamén as tropas españolas se viron involucradas na trama mafiosa. Reproducimos varios parágrafos dunha carta que dirixe Pedro Javier Sánchez Zarca, Secretario de Prensa da Unión Federal de Gardas Civís a Michael Collon: "O caso que nos ocupa é que a seis compañeiros, que integraron o continxente de Kósovo até o 2 de agosto de 2007, foron repatriados sen explicación ningunha de Istok, por descubrir unha serie de irregularidades que puideron ser constitutivas de delito, quedando a base sen policía militar nin órgano de control ante a corrupción, que non nos atrevemos a cualificar de xeneralizada, no propio Exército Español. (?) "Os compañeiros estiveron recompilando probas que demostraban que o persoal que contratan as empresas da UTE (Unión Temporal de Empresas) estaban baixo o dominio das mafias, sen control ningún, sen seguro médico e sen contrato, como o ministerio de Defensa Español esixe.(?) "Tamén localizaron un posíbel delito de tráfico de anabolizantes na base, de contrabando de tabaco e alcol, que se vendía sen o control fiscal, nin a precinta (certificado do seu pagamento a Facenda), que as subministracións que se mandaban desde España vía Grecia se desviaban a un almacén sen control do Exército, onde se descargaban sen control ningún, podendo estar as empresas da UTE desviando o devandito material para a súa venda fóra da base, ou facer contrabando co devandito material.(?) "Mesmo lle dou unha pista, houbo un cargamento de carne procedente de Paraguai que non cumpría os requisitos sanitarios, que se detectou na fronteira, que sospeitamos ía ser revendido en España a través da Base Española.(?) "O caso é que da Base España se subtraía (ou roubaba) mesmo o gasoil da gasolineira, xa que a encargada da mesma tamén mantén unha relación sentimental co empregado do cátering da base. Posuímos fotos do devandito gasoil no almacén onde se desviaba todo o material que o Goberno español mandaba como trebellos aos nosos soldados". (Rebelión, 31-01-08)

Como afirma Chossudovsky "os baróns da droga de Kósovo, Albania e Macedonia convertéronse nas novas elites económicas, frecuentemente vinculadas a importantes intereses comerciais occidentais. Os ingresos financeiros procedentes do tráfico de drogas e armas recicláronse a outras actividades ilegais como as redes de prostitución. Altos responsábeis do réxime do Presidente albanés Berisha estiveron implicados no tráfico de drogas e no tráfico ilegal de armas con Kósovo. Tráficos que puideron florecer impunemente a pesar da presenza, desde 1993, dun importante continxente de tropas norteamericanas. Nos últimos anos, este tráfico de drogas permitiu á UÇK pór en pé de guerra a trinta mil homes en pouco tempo. A OTAN fixo un matrimonio de conveniencia coa mafia". Os servizos de policía europeos confírmano, especialmente a Axencia Criminal Federal de Alemaña: "Os albaneses son actualmente o grupo máis importante para a difusión da heroína en Occidente".

Se exceptuamos a Rugova, os dirixentes de Kósovo dos últimos anos teñen un currículo pouco envexábel.

- En decembro de 2004 é nomeado primeiro ministro Ramush Haradinaj. Antigo guerrilleiro, é responsábel de crimes de guerra contra a poboación serbia de Kósovo entre 1998 e 1999. En Serbia ten 108 acusacións por "crimes en guerra e en paz". O seu nomeamento é impugnado por Solana, Alto Representante para a Política Exterior e de Seguridade Común da Unión Europa, pero a administración civil da ONU opinou o contrario. Finalmente, o Tribunal Penal Internacional acusa o primeiro ministro de Kósovo de crimes de guerra, polo que ten que dimitir.

- Agim Ceku, novo primeiro ministro de Kósovo en maio de 2006, está acusado por un Tribunal de Belgrado de crimes en Croacia e en Kósovo. Os norteamericanos obrigaron a Interpol a retirar a orde internacional de busca e captura, aínda que isto só pode facelo o tribunal que emitiu a orde.

- Hashim Tachi, vencedor nas eleccións de 2008, é un criminal de guerra do UÇK e un dos dirixentes do cártel criminal de Kósovo. Forma parte do Grupo Drenica, sindicato criminal asociado ás mafias albanesas, macedonias e italianas dedicadas ao tráfico de heroína procedente de Turquía, Paquistán e Afganistán.

O UÇK

Na agresión a Iugoslavia, a CIA e o Bundes Nachrichten Dienst (BND, servizo secreto alemán) foron da man. Os primeiros pasos na creación da UÇK déronos os alemáns: os terroristas kosovares utilizaron uniformes e armamento alemáns... e diñeiro da droga.

O financiamento das operacións imperialistas coa droga é o modelo que se utilizou en América Central con Oliver North, Haití ou Afganistán. Apareceu por primeira vez na guerra do Vietnam, co financiamento ás forzas reaccionarias de Laos nos anos 60 do século pasado. En Rambouillet (negociacións de paz) os dirixentes da UÇK ían da man de Madeleine Albrigtht, secretaria de Estado Estados Unidos, á vez que a Europol (a Organización da Policía Europa) reunía probas e informes da conexión da UÇK cos traficantes de drogas albaneses.

Arabia Saudita e Kuwait financiaron abertamente o UÇK, con fondos e mercenarios. Na invasión a Kósovo instrutores alemáns, turcos e afgáns adestraron o UÇK. O comandante das forzas de elite do UÇK era Mohamed Al-Zawahiri, irmán do médico exipcio Ayman Al-Zawahiri, número dous de Osama bin Laden.

Antes da invasión de 1999 Holbrooke, secretario de Estado Estados Unidos, chegou a un acordo con Milosevic en 1998, polo que as forzas de seguridade iugoslavas se retiraban de Kósovo e eran substituídas por unha Misión de Verificación de Kósovo (KVM en inglés), proporcionada pola OSCDE. Así se atrasaba, polo menos uns meses, a agresión bélica a Iugoslavia. Quen non se retirou de Kósovo foi o UÇK, que realizou todo tipo de tropelías, e preparou, xunto coa KVM, o incidente de Racak, que xustificaba a agresión da OTAN. O enlace da KVM coa UÇK foi William Walker, ex embaixador no Salvador de 1988 a 1992, creador dos escuadróns da morte e autor intelectual do asasinato de 6 xesuítas en 1989.

A UÇK é unha organización fascista, separatista e racista que quería a guerra (está escrito nos seus propios documentos) para impor unha "Gran Albania" etnicamente pura.

A opinión de Occidente sobre a UÇK era moi distinta nos anos 90 do século pasado. En febreiro de 1998 o enviado especial de Estados Unidos na rexión, Robert Gelbard, declarou en tres ocasións ante a prensa internacional: "Non hai a menor dúbida de que a UÇK representa un grupo terrorista". O que confirmou o ministro de asuntos exteriores norteamericano: "Responsábeis da UÇK ameazaron con asasinar a campesiños e incendiarlles as casas se non se unían ás súas fileiras. A ameaza representada pola UÇK adquire tales proporcións que os habitantes de seis pobos da rexión de Stimlje se preparan para fuxir".

Os axustes de contas tamén chegaron aos albaneses despois da guerra, como sinala o semanario alemán Der Spiegel o pasado 21 de setembro, en entrevista a Bujar Bukoshi, ex-"primeiro ministro" dos kosovares albaneses no exilio. "Despois da guerra as eliminacións máis crueis tiveron lugar entre albaneses. Baixo o pretexto de que eran "colaboradores", os dirixentes da UÇK liquidaron os seus adversarios políticos"

Kósovo e Milosevic

Milosevic, asumindo a súa autodefensa no xuízo a que foi sometido polo TPI responsabilizou a Alemaña da desintegración de Iugoslavia e de financiar a guerrilla albanokosovar: "Alemaña instigou a desintegración e Estados Unidos prendeu a chama" (El País, 16-02-02); o senador ianque Bob Dole "colaborou co ELK "(El País, 16-02-02), así como o equipo negociador de paz Rambouillet (neste equipo estaba Solana, aínda que Milosevic non o menciona polo seu nome); Klaus Kinkel, que era ministro alemán de exteriores, organizou o financiamento do UÇK a través dos servizos de intelixencia alemáns; tamén Bin Laden colaborou desde Albania axudando ao UÇK. Engade que "as guerras civís en Croacia -entre serbios e croatas- e en Bosnia -entre serbios, croatas e musulmáns- son a consecuencia das chamas que se avivaron fóra das fronteiras de Iugoslavia" (La Jornada, 19-02-02).

Milosevic interrogou a testemuña da acusación Mahmut Bakali, antigo gobernador comunista de Kósovo. Bakali tivo que aceptar que en Kósovo a maioría albanesa fora manipulada para atacar a minoría serbia. Milosevic documentou o caso de miles de serbios expulsados de Kósovo, centos de asasinados, secuestrados e desaparecidos e ataques contra monumentos serbios. Bakali tivo que recoñecer que en Kósovo había tráfico de armas e que o UÇK aínda estaba operativo e atacando o sur de Serbia e Macedonia. Bakali non puido demostrar a tese occidental de que os albanokosovares foran apartados dos postos clave das empresas e a administración, en época de Milosevic. Dous días máis tarde o TPI presenta a Agim Zeqiri como testemuña das "atrocidades" cometidas contra os albanokosovares. Fixo un relato confuso, cheo de acusacións; cando Milosevic o interroga para sacar á luz que se trata dun elemento do terrorista UÇK, Zeqiri di sentirse indisposto e pide irse.

Outra testemuña, Halit Batari, presentou unha lista presuntamente elaborada pola policía serbia, sobre os "Albaneses que deben ser sumariamente executados". Milosevic di que o documento é falso, baseándose en que está cheo de erros ortográficos e gramaticais, e que os ditos erros só poden ser atribuídos a "estranxeiros, especialmente albaneses" (Yahoo 01-03-02).

Uns días máis tarde Milosevic presentou documentación do FBI de decembro de 2001 que demostra a implicación de Bin Laden e Al Qaeda na guerra de Kósovo, Bosnia e Chechenia.

En sesións posteriores, Milosevic aborda outro tema chave: afirma que en Racak (Kósovo) se colocaron os corpos de 45 combatentes do UÇK nunha fosa común para que parecese unha matanza. Este feito serviu como pretexto á OTAN para iniciar os bombardeos contra Iugoslavia en 1999. Días máis tarde presenta unha serie de fotografías sen manchas de sangue no chan (que proban a montaxe da suposta "matanza") e unha fotografía dun mesmo cadáver con e sen sangue.

Rugova tamén saíu fuxindo dos interrogatorios de Milosevic. Este lembroulle que a prensa occidental falaba do UÇK como unha "cuadrilla de gángsters e mercenarios". Os xuíces impediron que continuase o interrogatorio o luns seguinte porque as preguntas de Milosevic eran "irrelevantes".

A testemuña da acusación Radmir Markovic, ex xefe de Seguridade do Estado, vese obrigado a manter unha das principais liñas de defensa de Milosevic: que non houbo crimes de guerra en Kósovo contra os albanokosovares, que non se proxectou ningunha expulsión masiva e que non houbo ningún plan de desaparición de cadáveres. Markovic era a gran esperanza dos acusadores a Milosevic. "Recibiu algunha vez algún tipo de informe," preguntoulle Milosevic, "ou oíu algunha vez falar dunha orde, de expulsar os albaneses de Kósovo?" "Non, nunca oín algo semellante. Endexamais ninguén ordenou que se expulsase os albaneses de Kósovo," replicou Markovic. "Recibiu algunha información sobre algún plan, suxestión ou influencia de facto de que había que expulsar os albaneses?" preguntou Milosevic. Resposta: "Non, nunca escoitei unha suxestión semellante, de que se expulsase os albaneses de Kósovo." "Nas reunións nas que participou, é verdade que se dixo exactamente o contrario, é dicir, que sempre insistimos en que había que protexer os civís, e que non debían ser afectados no proceso das operacións antiterroristas?" "Por certo," dixo a testemuña, "a tarefa non era só a protección dos serbios, senón tamén dos civís albaneses." "Non é certo que tratamos de persuadir os refuxiados de que quedasen, e de que o exército e a policía os protexería?" preguntou o antigo presidente. "Si, foi a instrución que recibimos e foron esas as tarefas." "Sabe que o Exército de Liberación de Kósovo lle dixo á xente que se fose, e que organizasen un éxodo?" "Si," dixo Markovic. "Son coñecedor dese feito." (Rebelión, 11-09-02 John Laughland, The Mail on Sunday).

Markovic acaba confesando que as novas autoridades iugoslavas, despois de torturalo, lle prometeron liberalo da cadea e unha nova identidade en Occidente se testemuñaba contra Milosevic. Ademais, engadiu que o Tribunal falsificara e modificara a declaración escrita que presentara.

Anteriormente, outra testemuña "crucial" afundiuse nas súas propias contradicións. Radomir Tanic resultou ser un axente secreto dos países capitalistas occidentais e non tiña relación coas autoridades iugoslavas como para declarar nada.

Malia as manobras dos xuíces (quitáronlle a palabra a Milosevic en varias ocasións) e que a "enfermidade" de Milosevic comezaba a manifestarse, ninguén puido probar no TPI que o goberno de Belgrado agredise o máis mínimo a poboación kosovar. Lord Owen, ex mediador da Unión Europea nas guerras de Croacia e Bosnia, declarou como testemuña da acusación a Milosevic, e dixo que o dirixente iugoslavo "non era daqueles que quería expulsar a todos os musulmáns fóra de Serbia nin da República Sprska (a entidade serbia de Bosnia)" (El Mundo, 03-11-03)

"O TPI está financiado polo goberno de Estados Unidos, por multinacionais norteamericanas e polo supermillonario especulador George Soros, que tanto en Iugoslavia como no leste financiou, a golpe de centos de millóns de dólares, os medios para atacar a Milosevic e a fundacións para promover o capitalismo. Tamén financiou os separatistas albaneses. Pódese ser á vez xuíz e parte?" (Michael Collon, Resumen Latinoamericano, 21-02-02)

En Kósovo houbo limpeza étnica, pero contra os serbios

“Unha auténtica limpeza étnica expulsou de Kósovo a maioría dos non-albaneses: serbios, xudeus, xitanos, musulmáns, turcos, exipcios....Todas estas nacionalidades son expulsadas sistematicamente por medio do terror: atentados con bomba, asasinatos, destrución das súas casas, ameazas permanentes...230.000 persoas tiveron que se refuxiar en Serbia, Montenegro, Macedonia ou noutros lugares. Os que quedaron víronse bloqueados en pequenos enclaves-ghetto dos que só raramente poden saír escoltados polas tropas da OTAN." (Michael Collon)

Reafírmao James Bisset, ex embaixador canadense en Iugoslavia: "Kósovo segue sendo unha sociedade sen lei, completamente intolerante respecto das minorías étnicas e un dos lugares máis perigosos da terra".

O 13 de febreiro de 2008 publicáronse as Declaracións do Grupo Pro-Dereitos das Minorías: «En ningún outro lugar de Europa hai tanta segregación como en Kósovo... En ningún outro lugar existen tantas cidades e pobos "etnicamente puros" diseminados nunha zona tan pequena. En ningún lugar reina semellante nivel de temor por parte de tantas minorías de verse fustigadas simplemente por ser quen son. Mentres seguen as discusións sobre o futuro estatuto, os serbios e as outras minorías, que sofren a expulsión dos seus fogares, as discriminacións e as restricións de falar a súa propia lingua, temen que o modelo de violencia que soportaron durante tanto tempo se converta en lei no novo Kósovo".

Alvaro Gil Robles, Comisionado para os Dereitos Humanos do Consello de Europa, ao visitar a prisión do campo Bondsteel en 2005, declarou: "O que fun ver alí, a situación dos prisioneiros, era tal que podería absolutamente recoñecerse a partir das fotografías de Guantánamo. Os prisioneiros estaban encerrados en barracas pequenas de madeira, algúns en solitario, outros de dous en dous ou de tres en tres. Cada barraca estaba rodeada de aramados de espiño, e os gardas patrullaban entre elas. Ao redor de todas elas había un muro alto con torres de vixilancia. Como fora o exército o que directamente arrestara a todos aqueles seres, non tiñan dereito ningún a acceder ao sistema xudicial. Non tiñan avogados. Non contaban coa posibilidade de apelar. Non había sequera ordes exactas acerca de canto tempo tiñan que estar alí prisioneiros." (Rebelión, 20-02-08).

En 2006 a OTAN opúxose a que o Comité para a Prevención da Tortura visite os cárceres de Kósovo. Estes feitos foron denunciados polo secretario xeral do Consello de Europa, Terry Davis.

O Informe de Amnistía Internacional é contundente: "Centos de casos de crimes de guerra, desaparicións e crimes interétnicos seguen sen resolver (a miúdo sen que haxa investigación ningunha); centos de casos foron pechados, sen tratar de buscar nin reunir probas efectivas. Os familiares das persoas perdidas e 'desaparecidas' informan de que foron entrevistadas demasiadas veces pola policía internacional e fiscais sen avance ningún. Respecto ao recrutamento de persoal, parece que en ningunha etapa levaron a cabo esforzos serios para identificar e recrutar para os diversos postos de traballo aos candidatos máis cualificados e apropiados e con máis experiencia no mundo. Un elemento de preocupación acerca da equidade dos xuízos dirixidos por xuíces e fiscais internacionais é a falta de atención concedida aos dereitos da defensa. Gran parte do procedemento nos xuízos se desenvolveu nun idioma que o acusado ou o seu avogado non entendían. Non había tradución simultánea, senón meros resumos. Nalgúns casos, non se dispuxo das transcricións dos procedementos xudiciais até moito tempo despois que se esgotou a posibilidade de apelación. É inquietante que nos casos presentados de crimes de guerra, só un se referise a unha vítima non albanesa. Nese caso, unha das 25 vítimas era serbia." (Rebelión, 20-02-08).

Os xuízos levábanse a cabo "en ausencia"; utilizábanse testemuñas anónimas"; "as reconstrucións do crime "tiñan lugar" sen que o acusado nin o seu avogado estivesen presentes"; "escasa tradución e interpretación e utilización de resumos por parte dos intérpretes en lugar da tradución textual"; "decisións pobremente razoadas, confusas e 'incomprensíbeis'; "xuízos baseados en testemuños de testemuñas que entraban en contradición coas probas forenses ou con anteriores testemuños das testemuñas"; "discrepancias entre a proba e o veredicto ou probas insuficientes para apoiar o veredicto"; e "diferenzas importantes entre o xuízo oral e o xuízo escrito." (Rebelión, 20-02-08)

O bispo Artemije, da Igrexa Ortodoxa serbia de Kósovo: "Quedou expulsada nestes anos dous terzos da poboación cristiá: 250 000 serbios, xitanos, exipcios e outros non albaneses" e que, coa protección da OTAN, se produciron "asasinatos, incendios, explosións, secuestros, violacións, profanación de igrexas e mosteiros"; "numerosos cemiterios serbios ao longo de Kósovo e Metohija foron profanados, os crucifixos e as lápidas destruídas, os restos mortais exhumados e dispersados na contorna, sen que ninguén aínda pague por esas falcatruadas". (Granma, 30-10-07).

Human Rights Watch fixo a seguinte declaración, reproducida en El País de 12-12-07: "Despois dunha intervención da OTAN en 1999 xustificada en nome dos Dereitos Humanos, e de máis de oito anos de subsecuente administración internacional, Kósovo segue sendo un caso perdido en Dereitos Humanos, no que a violencia política, a impunidade para os crimes comúns e políticos, a intimidación e a discriminación son moeda común". (...) "As poboacións albanesa e serbia de Kósovo están polo xeral separadas xeograficamente, pero os incidentes contra a seguridade seguen sendo frecuentes nas zonas etnicamente mesturadas, incluídos os asaltos físicos, os roubos e as disputas sobre a propiedade". (...) Por exemplo, "oito igrexas e mosteiros serbios ortodoxos foron atacados e saqueados este ano". (...) "As minorías romaní, ashkali e exipcias seguen sendo vulnerábeis e marxinadas, suxeitas a discriminación e ameazas". (...) "Os refuxiados e desprazados serbios e doutras minorías que desexan regresar aos seus fogares non poden facelo con seguridade e dignidade". (...) "Os abusos contra os Dereitos Humanos en Kósovo débense en parte á debilidade do sistema de xustiza e á falta de vontade por parte da administración da ONU, desde 1999, para enfrontarse aos que utilizan a violencia política". (...) "Os fiscais para crimes de guerra atópanse nunha posición particularmente débil", e "a falta de vontade política, o escaso interese dos xuíces e fiscais internacionais e a negativa dos xuíces locais a perseguir os sospeitosos, aos que se ve como heroes de guerra, supón que en moi poucos casos son levados a xuízo". (...) "A inadecuada protección de testemuñas é un importante impedimento á xustiza, especialmente para os crimes de guerra, o crime organizado e os ataques a minorías". (...) "Cada vez que un defensor dos dereitos das persoas se volve demasiado crítico coa ONU, retíraselle o seu mandato de vixilancia á misión e as súas funcións entréganse ao Goberno provisional" (El País, 12-12-07).

O progrom antiserbio de marzo 2004

A partir do 18 de marzo de 2004 teñen lugar violentos incidentes durante varios días entre albanokosovares e serbios nunha ducia de localidades. Os incidentes peores prodúcense en Mitrovica. Sáldanse con 31 mortos e centos de feridos. Son os peores disturbios desde 1999. Onde estaban as forzas "liberadoras" occidentais?

O esquema xa se deu outras veces: falsos rumores de mortes de nenos albaneses provocan a resposta desta etnia contra os serbios. Ao producirse á vez os disturbios en varias cidades, pénsase nunha acción planificada e coordinada. O portavoz do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, Ron Redmond, declara: "Non quedan moitas minorías étnicas en Kósovo, 220.000 persoas (de orixe serbia) escaparon desde 1999. Non queremos que se vaian máis" (La Jornada, 20-03-04). Mesmo o portavoz do Departamento de Estado de Estados Unidos, Adam Ereli, ten que declarar: "Reafirmamos o noso chamado a todos aqueles que están implicados, pero particularmente á comunidade albanesa de Kósovo, a cesar inmediatamente a violencia " (La Jornada, 20-03-04). O xefe do mando sur da OTAN, Gregory Johnson, fala de "limpeza étnica": "Este tipo de actos equivale practicamente a unha limpeza étnica e non poden continuar. Para iso viñemos a Kósovo no seu día" e que a violencia fora "argallda" (La Jornada, 20-03-04).

Solana tivo a cara dura de declarar en xuño, tras unha inspección persoal, que a comunidade internacional "non pode tolerar nin tolerará" a violencia contra os serbios en Kósovo, e engade que está "arrepiado pola brutalidade" dos ataques: "É terríbel. Destruíron escolas onde deben ser educados os alumnos, mataron a xente, destruíron igrexas" (El Periodico, 25-03-04), aclarando que "a comunidade serbia non estivo ben protexida en Kósovo" (El Periodico, 25-03-04). Tamén dixo que a reconstrución "non terminará nunca" se continúa ao ritmo actual (La Estrella Digital, 08-06-04).

A xeito de resumo

As palabras de George Kenney, alto funcionario para Iugoslavia do Departamento de Estado dos Estados Unidos, nos anos 90 do século pasado, son o mellor resumo para todo o que acabamos de expor: “Na Europa despois da Guerra Fría, non había lugar para un vasto Estado socialista con pretensións independentes e que se resistise á mundialización”.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘ArgenPress’, do 26 de xullo de 2010]

cig.prensa@galizacig.com