
Licenciado en dereito, é membro do Gabinete Técnico da CIG. Ademais, representa a central sindical nacionalista no Consello Económico e Social no Estado español, na Comisión Consultiva de Convenios Colectivos e no Comité de Seguimento do Fondo Social Europeo.
O Real Decreto 10/2009, de 13 de agosto, coñecido como o dos 420 euros, deixa fora das axudas a todas aquelas persoas que houbesen extinguido as prestacións contributivas e/ou os subsidios de desemprego antes do 1 de agosto, así como aquelas persoas que non chegaran a cobrar prestacións nen subsidios por non ter xerado eses direitos en anteriores empregos.
O carácter restrictivo desta medida, que ademáis é temporal , ten xerado unha notable polémica. En primeiro lugar pola discriminación que introduce no colectivo de parados, beneficiando a aquelas persoas que menos tempo levan en situación de desamparo. En segundo lugar polo espectacular agravio comparativo en termos económicos ( representa un gasto estimado de 640 millóns de euros), en relación a outras que se teñen tomado como os 8.000 millóns do Fondo de Investimento Local (FEIL) ou os máis de 200.000 millóns destinados a axudar ao sector financiero. En terceiro lugar porque políticamente manifesta unha improvisación inadminisble, xa que a súa aplicación involucra ás Comunidades Autónomas e non se contou con elas para nada. Finalmente tamén hai que sinalar que técnicamente é unha auténtica chapuza que dificulta a súa aplicación e mesmo introduce novos conceptos en relación á carencia de rendas, un dos requisitos sine quanon para acceder a este subsidio.
Ben, todo isto está dito e recollido nos meios de comunicación de moitas formas. De feito, o PSOE tivo que negociar coas formacións parlamentarias da súa esquerda e nomeadamente co BNG unha ampliación das axudas, tomando como referencia temporal o 1 de xaneiro de 2009, o que supón sen dúbida unha mellora considerable na súa aplicación. Ista negociación permitiralle ao Governo español convalidar o Decreto no Congreso e iniciar a súa tramitación como lei incorporando a devandita mellora e outras que poidan propor os distintos grupos parlamentarios.
¿ERA NECESARIA ESTA MEDIDA?
Pero ainda así, dende unha organización sindical como a nosa deberiamonos facer outras preguntas, porque realmente é necesaria esta medida?
A Renda Activa de Inserción.
Xa houbo quen sinalou que en vez de improvisar un Decreto e engadir unha nova lei de carácter temporal sería moito máis oportuno reformar a RAI (Renda Activa de Inserción) eliminando o requisito de ter 45 anos para acceder ao programa. Desta forma, toda aquela persoa que se atopase en paro sen direito a prestacións ou subsidios e carecerá doutras rendas, poderían cobrar o 80% do IPREM (421,79 euros) durante once meses, o que supón unha maior cobertura ademáis de ter un carácter permanente. Está craro que precisamente por iso non se fixo e optouse por este Decreto e futura lei de carácter restrictivo e temporal.
As Rendas Mínimas de Inserción
Por outra parte, tamén hai que ter en conta a existencia en prácticamente todo o territorio estatal, agás Ceuta, dun mecanismo autonómico de loita contra a exclusión social que baixo distintas denominacions garante un "salario social" para atender situacións de necesidades vitais a través duns recursos económicos mínimos e do fomento da reincorporación das persoas beneficiarias ao medio social, especialmente no eido laboral. Ë verdade que este sistema de protección é moi desigual nas distintas Comunidades Autónomas, xa que oscila entre os 300 euros de Murcia ou 370 de Madrid ata os 640,64 do País Vasco ou 561,70 de Navarra, pasando polos 432,09 de Asturias ou os 421, 79 euros de Cantabria; pero en todo caso o tema asistencial é competencia exclusiva autonómica e cada Comunidade opta políticamente, en exercicio da súa competencia, por unha opción máis ou menos social.
Na Galiza , a RISGA (Renda de Integración Social) garante unha prestación básica do 75% do IPREM (395,43 euros) a aquelas persoas que cumpran os requisitos de estar empadroados durante alomenos 1 ano, ter constituida unha unidade de convivencia independente, ter unha idade entre os 25 e os 65 anos e dispor de recursos económicos inferiores á contía da prestación da RISGA. Ademáis, como ocorre noutros moitos lugares, tamén existen unhas prestacións complementarias ben de carácter familiar, en función do número de persoas dependentes da titular, ou ben para favorecer a inserción, de xeito que segundo os casos a contía pode ser superior e chegar ata os 659,05 euros, sen contar a indemnización por gastos prevista no programa. A prestación garántese, en principio, durante catro anos, sempre que se manteña a situación de necesidade. Por outra parte, a grande maioría das persoas beneficiarias deste programa proveñen do desemprego, nada menos que o 94,85%, mentres que o 65,38% son mulleres.
Parece pois que tanto coa reforma da RAI como con pequenos retoques na RISGA poderíase dar cobertura a todas aquelas persoas que agotaron todas as posibilidades deobter recursos económicos derivados do feito de traballar. Deste xeito estaríase dando cumprimento ao dito polo Presidente Zapatero, cando prometía que nesta crise nengunha persoa vai quedar na cuneta. Pero o certo é que el quedouse a medio camiño, optou por un parche asistemático e legalmente complicado, pensando seguramente máis nos réditos electorais que na solución dunha situación que se fai cada vez máis insostible. E o máis importante é que a rectificación a que se ve agora obrigado, con ser mellor tampouco é a solución adecuada.
Reformas necesarias na Risga serían, por exemplo, aumentar a contía do 75 ata o 100% do IPREM, obxectivo establecido, por certo, no II Plano Galego de Inclusión Social. Tamén habería que rebaixar a idade de 25 anos para posibilitar o acceso a menores desa idade así como modificar o actual criterio de incompatibilidades para facelo máis laxo, de xeito que as cuantías percebidas por outros conceptos sumados aos cobrados pola Risga non superen o Salario Mínimo Interprofesional. Tamén sería comenente precisar máis o que se entende por unidade de convivencia, xa que baixo unha mesma casa poden convivir unidades familiares independentes. Tamén hai que considerar, para cambiar ese carácter, que a RISGA se financia cun orzamento anual pechado que pode non ser suficiente para garantir todas as prestacións solicitadas, polo que na práctica soe atenderse so aquelas máis dramáticas ou ben aquelas informadas como prioritarias polos servizos sociais amigos. Hai que garantir polo tanto que todas as solicitudes presentadas que cumpran cos requisitos esixidos dean lugar ás prestacións correspondentes.
UNHA OPCION PROPIA
Parece que tanto coa reforma da RAI como da RISGA poderíase chegar a obxectivos idénticos. Sen embargo a opción non é políticamente neutra. A RAI é unha normativa estatal; as prestacións recoñense polo servizo estatal de emprego a través das súas oficinas provinciais e os compromisos de inserción involucran ás CCAA, polo que prácticamente apenas funcionan o o fan deficientemente, ante a falla de coordenación evidente.
A RISGA, pola contra é exclusivamente galega, e todo o itinerario, o recoñecemento das prestacións, o programa de inserción e a financiación é competencia da Xunta de Galicia.. Isto significa que a posibilidade de mobilización e negociación está máis perto, está no noso marco nacional .
Outra cuestión a considerar é o marco financiero e competencial. O programa da RAI é financiado polo Estado, polo Servizo Público de Emprego estatal e a RISGA pola Xunta de Galicia. Agora a estes mecanismos se lle suma o programa temporal de protección ao desemprego e inserción laboral do RD 10/2009, tamén de financiación estatal pero que involucra, como dixemos ás CCAA nos temas de inserción. Estamos pois ante unha pluralidade de mecanismos que se solapan e inciden nunha morea de situacións esencialmente semellantes, que ben poderíamos considerar globalmente como de asistencia social. Asistencia, inserción, inclusión social...conceptos todos que son competencia autonómica. O sentido común reclama a unificación destes instrumentos nun salario social de inserción, salario social de cidadanía ou como finalmente se lle quería chamar que se configure como un direito subxectivo garantido polos poderes públicos competentes, neste caso a Xunta de Galicia. Para iso é necesario unha negociación co Estado de forma que pondo todas as cartas enriba da mesa en función da realidade existente, chégese a un acordó de financiación, establecendo o que pon cada parte. Non pode ser que en base á suposta carencia de recursos autonómicos e coa excusa de unificar as prestacións básicas o Estado aprobé cando lle parece medidas e instrumentos políticos que inciden na asistencia social, competencia autonómica.