
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Castelao sintetizou como ningún outro os valores do galeguismo da primeira metade do século XX, o que lle acadou respeito político e presenza social, e súas ilustracións e análises pódense considerar como os alicerces do ideario do nacionalismo galego actual.
Vai agora sesenta anos que morría en Bos Aires, no exilio, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, sen dúbida unha das figuras sobranceiras da nación galega. Nado en Rianxo en 1886, foi emigrante de rapaz na Arxentina, na provincia de La Pampa, entre os anos 1885 e 1900, e a partires de 1908 comezou a publicar seus debuxos na revista ‘Vida Gallega’. En 1912 adheriuse a ‘Acción Gallega’, dirixida polo polémico e destacado axitador social Basilio Álvarez, abade de Beiro. Na súa andaina de persoa que procura colaborar no rexurdimento nacional de Galiza ingresa nas ‘Irmandades da Fala’ en 1917, cando se constitúen.
Na Segunda República foi elixido deputado por Pontevedra, como independente, aínda que axiña se integra na Minoría Gallega formada pola Federación Republicana Gallega-Organización Republicana Gallega Autónoma. Pouco despois tanto el como o deputado pola provincia de Ourense, Ramón Otero Pedrayo, deixan a Minoría Gallega pra formar o Partido Galeguista (PG), en decembro de 1931, ao comprobar que FRG-ORG non responde como debera aos intereses de Galiza, especificamente por relegar o obxectivo de conseguir un Estatuto. Daquela Castelao xa era unha figura moi coñecida popularmente, as súas ilustracións chegaban coa mensaxe galeguista a todos os estamentos sociais, mesmo á aquelas persoas que non sabían ler, naquel intre unha grande parte da povoación. Lembremos algunhas obras súas como: ‘Cousas’ en 1919, ‘Un Ollo de Vidro’ e ‘Memorias dun Esquelete’, de 1922, e ‘As Cruces de Pedra na Bretaña’ do ano 1930.
Da primeira etapa do PG salientan figuras como Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo e Risco. Este último ingresará na Dereita Galeguista, formada en 1935 como unha escisión do PG cando este ratifica na súa IV asembleia a alianza cos republicáns e socialistas. Todos eles son persoas que teñen entre 43 e 47 anos e un longo historial na actividade da concienciación galeguista. Agás Alexandre Bóveda, nomeado secretario de organización do PG, nado en Ourense e con só 28 anos nas súas costas, e que xa daquela era un mozo moi cualificado e activo. Valores e feitos que lle axudarán a Bóveda, por exemplo, pra ter unha relación privilexiada coa Federación de Mocidades Galeguistas.
Castelao sintetizou como ningún outro os valores do galeguismo daquela etapa, o que lle acadou respeito político e presenza social, e súas ilustracións e análises pódense considerar como os alicerces do ideario do nacionalismo galego actual. Nomeadamente, obras como ‘Cincoenta homes por dez Reás’ (1925) son unha aguda e descarnada fotografía da sociedade galega, e ‘Galiza Mártir, ‘Atila en Galicia’ e ‘Milicianos’, feitos entre 1937 e 1938, amosan con enorme forza o drama da barbarie fascista, e a súa obra fundamental, ‘Sempre en Galiza’ (1944), é unha reflexión clarificadora encol do evoluir histórico do país, das virtudes e atrancos, e do camiño que compre percorrer no futuro.
Falando con compañeiros dirixentes da Irmandade Galega de Bos Aires, fai uns corenta anos, chamoume sempre a atención o respeito que todos tiñan por Castelao, tanto pola súa actitude persoal como política.
E esta valoración faciana malia que alí había comunistas, anarquistas, socialistas, social católicos... e que uns eran arredistas e outros só federalistas ou autonomistas (cando a min parecíame moi morno, vendo o tema cos ollos dun mozo de vinte anos e no contexto da época na Arxentina). Nunca escoitei criticas por parte de Da Presa, Cupeiro, Ricardo Flores, Daniel Nogueira, Lois Guede, Ricardo Montero, Alonso Ríos e moitos outros. Algúns deles auntaban que as súas eivas máis que persoais eran consecuencia dos malos consellos ou presións de persoas ligadas ao Partido Galeguista no exilio.
Castelao tivo a virtude de unilos a todos eles na andaina do galeguismo. Porén ademais deixou un modo de facer as cousas, un xeito de analizar a realidade daquel intre e de ollar a nosa historia, que son unha contribución moi importante na construción nacional de Galiza. Castelao non está morto!!!, xa que deixou pensamento e práctica.
[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 12 de xaneiro de 2009]