Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
12/1/2012

Membro do Gabinete Vasco de Análise Internacional (GAIN).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A longa carreira cara á Casa Branca púxose en marcha

O proceso para alcanzar a presidencia dos Estados Unidos xa comezou. O pistoletazo «oficial» de saída foi o caucus de Iowa para nomear o candidato republicano que deberá enfrontarse a Obama para chegar á Casa Branca. Unha vez máis, este longo proceso electoral que caracteriza a política norteamericana está en mans dos dous grandes partidos políticos do país: os demócratas e os republicanos.

 O sistema electoral, longo, e en ocasións complexo, salienta tamén a escasa ou nula oportunidade que o sistema deixa para terceiras vías ou candidatos independentes, o que non fai senón aumentar o descontento e a apatía de boa parte da poboación cara ás eleccións, como ben mostran os índices de participación destas, polo xeral bastante baixos.

 O sistema de primarias, que agora parece seducir a boa parte dos partidos políticos europeos, está inzado de mecanismos que lonxe de servir ás súas supostas intencións participativas, non fan senón entorpecelas. A importancia desmedida que se concede ás primeiras citas en Iowa e New Hampshire é parte dese circo electoral que o sistema norteamericano vén desenvolvendo desde hai moito tempo.

 Así, comezar ben colocado na carreira para o nomeamento é moi importante, xa que iso posibilita, ademais de seguir pelexando polo posto, unha maior atracción mediática, a posibilidade de recadar máis apoios (en forma de fondos económicos para a campaña e voluntarios), e sobre todo fai que algúns rivais desistan e pasen a engrosar outras fileiras. Como sinalaba un medio local, «diñeiro, organización e mensaxe» son os beneficios dun bo comezo nas primarias.

 Pero, ademais, este sistema electoral que combina caucus locais, primarias e convencións nacionais, non é idéntico en todos os estados ou nos dous principais partidos. Cómpre salientar a influencia dos chamados super-delegados entre os demócratas, o uso da representación proporcional ou o seu rexeitamento para elixir os delegados da convención nacional e os diferentes discursos dos candidatos ao nomeamento, que moitas veces buscan atacar o seu contrario, afastándose se é necesario da ideoloxía do partido que din representar.

 A meirande parte dos candidatos comezan dous ou tres anos antes a deseñar a súa campaña, con viaxes a Iowa e New Hampshire, en busca de activistas e doadores para a súa causa. Isto reflicte a importancia de saír ben colocado e acabar esta primeira cita nunha posición que deixe abertas as expectativas. Tamén convén salientar o papel dos medios de comunicación, que necesitan desa longa campaña para lograr ingresos publicitarios e para iso é necesario manter o debate e a tensión o maior tempo posíbel.

 Como apuntaba un analista republicano, «as cousas parecen terse aclarado na carreira polo nomeamento, pero aínda algúns medios persisten en buscar divisións e enfrontamentos, ou resaltando as posibilidades dalgúns candidatos, todo iso para fomentar os seus propios intereses».

 O Partido Republicano presenta este ano unha situación ben distinta á de 2008. Daquela, a rápida vitoria de McCain permitiulles aglutinar a toda a súa base ao redor dese candidato, mentres que os demócratas mantiñan até o final o pulso entre Obama e Clinton, a pesar de que ao final esa suposta vantaxe diluíse polo triunfo de Obama.

 A maioría das fontes sinalaban ao comezo de ano a Mitt Romney como o home a bater dentro do nomeamento republicano. Porén, non se descartaba a posibilidade de que se desen algunhas sorpresas, xa que un dos riscos que debe afrontar é que os seus apoios aínda non son moi elevados (sobre todo para competir con Obama, e a pesar de que é o candidato republicano que segundo as enquisas estaría máis preto da vitoria).

 Tras Iowa, Romney puido saír reforzado (máis aínda co apoio público de McCain), aínda que haberá que ver se Rick Santorum é capaz de trasladar o seu bo resultado ás próximas citas en New Hampshire (a próxima semana) e Carolina do sur (21 de xaneiro). Como di a prensa local, «foi unha boa noite para Romney, pero, de momento, non é o único na carreira, e Santorum pode representar o futuro do Partido Republicano.

 Os republicanos veñen defendendo un abano de medidas que pode representar o futuro rumbo de EEUU en caso de vencer en novembro. Unha redución do gasto do goberno, derrogación e reforma da lei sanitaria de Obama, explotación dos recursos enerxéticos de EEUU, o libre comercio, son algunhas desas liñas mestras.

 Tamén incidirán no incumprimento das promesas por parte de Obama (a pesar de que é no fondo o que eles queren), aínda que algúns sinalan que as dúbidas son moi altas sobre a posibilidade final dunha vitoria republicana. Segundo esas fontes, a actual división republicana pode beneficiar a Obama (aínda que outros apuntan ao que aconteceu en 2008, que era o contrario, e finalmente os demócratas impuxéronse). De momento, como sinala un analista conservador, «Romney é o nomeado, aínda que a prensa demócrata intenta desesperadamente persuadirnos de que aínda hai unha longa batalla, e iso é porque o rival máis forte de Obama é Romney».

 As augas do Partido Demócrata parece que baixan máis tranquilas este ano. A candidatura de Obama pódelles permitir unha relativa relaxación, aínda que non deberían esquecer o acontecido hai catro anos. A pesar de que Obama segue sendo favorito, a conxuntura cambiou considerabelmente. Nesta ocasión o desgaste de gobernar deberao asumir el e os soportes da súa anterior campaña (raza, xero, doazóns ou o uso de internet) non parece que se sitúan ao nivel de entón.

 As dificultades económicas, o incumprimento das súas promesas electorais (moitos manteñen que a política de Obama é a que podería asinar calquera republicano) son factores que xogan na súa contra. A división dos seus rivais pode ser unha baza que favoreza ao actual presidente (sempre que a atención mediática non se centre nesa pugna e «oculte» a campaña de Obama).

 Os últimos movementos de Obama, como unha hipotética reforma de impostos, mostran a intención de atraer apoios de liberais e independentes, é dicir, as forzas menos conservadoras do electorado tradicional. No entanto a súa política exterior (calco da de Bush) e outras medidas nestes catro anos non lle van a facilitar o labor. É cedo para anticipar o futuro, pero algúns atrévense a prognosticar que en caso de derrota, as novas caras do partido podían centrarse en Nancy Pelosi ou Harry Reid.

 Neste contexto, a posibilidade de que o sistema abra as súas portas a terceiras vías ou candidaturas é impensábel, tal e como foi a tónica xeral durante décadas. Máis de cen partidos intentárono sen éxito. Hai catro anos foron 21 os que competiron con Obama e McCain, sen lograr apenas apoios. Polo xeral apenas logran o 1% dos votos, e adoitan virar ao redor dunha figura, o que os converten en partidos moi personalistas.

 Ao máximo que poden aspirar é a que os dous grandes partidos modulen o seu discurso na súa mesma clave, para atraer os seus potenciais apoios.

 De momento, e á espera das próximas citas das primarias, nada indica que a loita por alcanzar a cadeira de brazos da Casa Branca saia do guión doutras citas. Novamente republicanos e demócratas van autoalimentarse, co visto e prace doutras forzas do sistema, para manter atado e ben atado o actual establishment.

 

[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 10 de xaneiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com