Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
12/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Avellentamento, pensións: contra o reducionismo neoliberal

Están claros os intereses sociais dos promotores das reformas das pensións, defensores da creación dun sistema obrigatorio, suplementario, de fondos de pensións que daría unha enorme posibilidade de negocio ao sistema financeiro...

I. Os fundamentos das políticas de benestar estriban en garantir a seguridade económica das persoas, na súa capacidade de satisfacer necesidades básicas ao longo de toda a súa vida, mediante a combinación de emprego e prestacións públicas. Estas deben deseñarse co obxectivo de cubrir todas aquelas eventualidades en que o emprego non é posíbel, ben por circunstancias persoais (enfermidade, discapacidade, xubilación), ben porque a actividade económica é incapaz de ofrecer emprego. Nas súas orixes, ao final da Segunda Guerra Mundial, formaban parte dun verdadeiro pacto social no que o capitalismo ía ser mantido a cambio de garantir esta seguridade económica básica ao conxunto da poboación. É obvio que o neoliberalismo significou a ruptura unilateral deste pacto aducindo falsas razóns.

 Asistimos a unha nova ofensiva contra unha parte destas políticas, as de xubilación, alegando que o avellentamento da poboación obriga a un novo axuste. Como é habitual neste tipo de formulacións, “naturalízanse” os problemas para xustificar políticas que apelan a dilemas sociais máis complexos. Contamos xa con diversas achegas críticas (de Josep González Calvet, Miren Etxezarreta, Juan Torres, Vicenç Navarro...) que permiten cando menos discutir aspectos chave do discurso dominante, e que permiten explicar en parte por que erraron as anteriores previsións (realizadas polas mesmas persoas e os mesmos centros de opinión), como as que se refiren á simple extrapolación da evolución demográfica.

 Seguramente, canto maior é o período estimado de tempo no que se fan as previsións, maiores son as posibilidades de que estas erren e, xa que logo, menor é a fiabilidade das extrapolacións simplistas. Igual ocorre con outras variábaeis chave nos modelos, como a do emprego ou a do aumento da produtividade per capita. Se algunhas das variábeis dos modelos son incertas, é así mesmo discutíbel que a única forma de financiar a seguridade social sexa a actual, baseada en contribucións sobre os salarios. E boa parte das xustificacións do axuste actual se basean en manter inalterado o modelo de financiamento (baseado en contribucións salariais), o que xustifica a vía do recorte como a única posíbel.

 Así mesmo, están claros os intereses sociais dos promotores das reformas, defensores da creación dun sistema obrigatorio, suplementario, de fondos de pensións que daría unha enorme posibilidade de negocio ao sistema financeiro (por non repetir notas anteriores, sigo aconsellando entrar na web de Fedea e ver quen son os seus patróns, que intereses teñen). Paga a tamén a pena estudar cal foi a evolución real destes fondos, que ocorreu en países como Chile (onde constitúen o centro do modelo de xubilación), e debería aínda considerarse o papel que desempeñou a expansión dos fondos de pensións na financeirización do sistema económico e, en definitiva, na xeración do caos financeiro actual. Todo isto xa se comentou, aínda que paga a pena afondar niso, afinalo e discutilo.

II. Aínda que as razóns esgrimidas para oporse ás actuais reformas son potentes e axeitadas, coido que hai outras cuestións que deben darse, tanto para erosionar as razóns do exército de propagandistas do capital financeiro como para empezar a buscar solucións aos problemas nos que fundamentan a súa posición.

 Unha primeira cuestión que hai que discutir é a visión acerca do mercado laboral que lexitima as propostas de alongar a idade de xubilación e calcular a retribución sobre a base do conxunto da vida laboral. O suposto subxacente na súa análise é que a vida laboral de cada cal é un simple proceso de elección individual, que a xente se xubila cando quere. Pero, polo que sabemos do mercado laboral, as cousas son bastante diferentes, e iso por razóns diversas. O emprego é máis ou menos estábel en función do tipo de actividade que cada un realiza, o que á súa vez garda unha estreita relación coa posición social de cada cal, o xénero, a nacionalidade, etc. Algúns sectores de actividade están máis suxeitos a variacións que outros, e, en xeral, as persoas que ocupan moitos dos empregos de baixos salarios están máis expostas a experimentar períodos de desemprego que outras mellor situadas na xerarquía social (especialmente porque, ao deseñar estes empregos, as empresas tentar cargar o risco e a variabilidade de moitas actividades sobre as costas e os petos da poboación asalariada máis débil socialmente). Sabemos tamén que as ofertas de empregos a tempo parcial ou estacionais, característicos do mercado laboral feminino, están asociadas a esta mesma lóxica. Ao final, o que cada un cotizou é o resultado dunha vida laboral máis ou menos azarosa na que as decisións persoais tiveron un papel secundario.

 Así mesmo, as condicións de saúde ás que un chega a partir dos sesenta anos son moi diferentes en función da vida laboral anterior (incluída a dobre presenza -no espazo mercantil e no doméstico- que, polo menos até hoxe, caracteriza a experiencia vital da maioría das mulleres). Propugnar que todo o mundo pode alongar da mesma forma a súa vida laboral até os 67 anos é unha mostra non só do clasismo que impera na Academia económica, senón tamén do descoñecemento dos datos sobre saúde que expresan unha relación clara entre os anos de vida e a experiencia laboral. Todo iso sen contar tamén con que, no período final da vida laboral, as persoas experimentan desigualdades enormes nas súas posibilidades de emprego: mentres que algúns poden elixir libremente alongar a vida laboral (caso dos profesores de universidade) e outros negociar razoábeis sistemas de prexubilación (o persoal de grandes empresas, especialmente en sectores como o financeiro), a outros, en cambio, a perda do emprego suponlles unha vida de paro e precariedade nos anos finais da súa vida laboral mercantil...

 Unha política xusta debería ser capaz de recoñecer todas estas desigualdades e tratar de palialas, algo que podería facerse de formas diversas: variando as idades de xubilación segundo os empregos e as condicións obxectivas, establecendo medidas compensatorias (vía impostos) en favor dos colectivos afectados por maiores alteracións no emprego, establecendo escalas de pensión aceptábeis para todo o mundo... Unhas propostas que esixen non só intervir nas políticas de xubilación, senón tamén reorganizar a vida empresarial e laboral. Trátase de algo que resulta evidente cando se considera a necesidade de alcanzar unha axeitada articulación entre actividade mercantil e actividade doméstica, adaptándoas a ciclos de vida e necesidades cambiantes e co obxectivo de reducir substancialmente as desigualdades de xénero. Ou cando se propón que todo o mundo debe ter dereito a unha vida social digna (de traballo, relacións sociais e participación social). Ou cando, simplemente, formulamos a necesidade de introducir medidas xustas en eidos como a saúde.

 A estilización do mercado laboral da que parten os defensores dunha soa medida non é máis que a proxección das súas condicións de empregados académicos de elite a un mundo real moito máis diverso (e, para moitas persoas, inhóspito). Sen dúbida, desenvolver políticas como as que propoño non só constitúe unha confrontación de clase, senón que obriga a cambiar a situación relativa de certos grupos de traballadores, o que pode xerar tensións e resistencias no seo das mesmas organizacións obreiras. Por pór un exemplo, computar toda a vida laboral no cálculo das pensións empeora claramente a pensión dos empregados que puideron manter un emprego ao longo da súa vida laboral (ou que experimentaron unha carreira ascendente), pero pode mellorar, en cambio, a pensión daquel traballador que perdeu un “bo” emprego relativo e nos últimos anos da súa vida laboral tivo que sobrevivir en empregos peores. Aínda que as reformas se propoñen co claro obxectivo de reducir o tamaño das prestacións e, xa que logo, merecen un rexeitamento frontal, hai que aproveitar o debate para introducir melloras que xeren máis equidade; como o recente aumento das cotizacións dos autónomos, un sistema que no pasado favoreceu inxustamente os pequenos empresarios baixo a coartada de protexer os traballadores autónomos menos afortunados.

III. Tomemos en serio o avellentamento, un éxito en gran medida das sociedades modernas. Se moitos imos vivir máis anos e a partir dun certo momento imos ter menos vigor laboral (aínda que, insisto, posibelmente hai unha enorme variedade de situacións e, en parte, unha posibilidade de reorganizar a vida laboral), é lóxico que unha parte maior da renda global se distribúa vía pensións. O problema radica en como organizar un novo sistema máis igualitario, de distribución da renda. Se a renda total segue crecendo, iso significa que estaremos en condicións de distribuír maior produto entre todos. Se a renda se estanca ou diminúe, por mor da caída demográfica ou simplemente porque a crise ecolóxica impide manter os niveis de destrución/malgasto actuais, seremos globalmente máis pobres, e parece razoábel que tamén neste caso a austeridade se reparta entre todos. Por isto parecería lóxico que, cada vez máis, as políticas distributivas se debatesen na súa globalidade e non que, como se fai co recorte das pensións, simplemente se obrigue a un colectivo a cargar sen máis con todo o axuste. Isto é especialmente inxustificado no Estado español, no que que, a pesar de ter unha porcentaxe de poboación maior de 65 anos algo superior á media dos países da OCDE (o 25% fronte ao 24%), dedica a pensións 3 puntos menos do PIB (o 9,2% fronte ao 12,3%), o que supón que unha porcentaxe maior da poboación reparte unha menor proporción da renda total. Coido que no futuro vai ser difícil manter o actual nivel de malgasto produtivo, aínda que existen enormes posibilidades de racionalizar o noso modelo de vida e alcanzar niveis de vida satisfactorios, pero precisamente por iso considero que debemos introducir o debate da distribución xeral, que inclúe non só as pensións, senón tamén os salarios, as rendas do capital e os impostos.

 Hai outro aspecto do avellentamento que se pasa por alto. O que xa sabemos é que nunha sociedade avellentada non só se requiren máis pensións, senón tamén máis traballo, especialmente para atender á franxa de persoas maiores, necesitadas de grandes doses de coidados. Trátase dunha atención que hoxe segue cargándose inxustamente sobre as mulleres (incluída a nova “subcaste” das inmigrantes pobres), unha situación que debe xerar un novo debate acerca de como cubrir estas necesidades sociais, de como repartir xustamente esta carga de traballo, de como garantir un final de vida digno a todo o mundo. Algo que a Lei de Dependencia propuxo sen resolver satisfactoriamente, e algo que esixe tamén cambios na esfera laboral, as políticas públicas e os roles de xénero. Tamén aquí os partidarios do axuste descoñecen ou ignoran unha dimensión básica da cuestión.

IV. Parar a ofensiva do recorte vai custar. Vímolo en Francia, en Alemaña e no Reino Unido. E a pesar de todo hai que responder. Non só con políticas defensivas do statu quo, senón tamén propondo alternativas que recoñezan a complexidade dos dilemas aos que hai que dar respostas. Que propoñan xustiza, equidade fronte ao que na súa meirande parte son brutais intereses crematísticos xustificados por intelectuais de elite que nunca van experimentar en carne propia os padecementos que propoñen como “medidas necesarias”.

 

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 6 de novembro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com