
Cando o próximo 20 de xaneiro, o novo Presidente de Estados Unidos Barack H. Obama tome posesión do seu cargo no Capitolio de Washington, se cadra lembre que ese edificio foi construído por escravos negros. E cando, horas máis tarde, se aloxe coa súa familia na Casa Branca, probabelmente rememore que esa residencia tamén foi edificada por escravos.
El non descende de escravos. Nin forma parte do que algúns chaman os "negros furiosos" que asustan os brancos. Se unha soa vez, durante a campaña electoral, o candidato demócrata alzase a voz para denunciar o racismo cara á minoría de cor, ao momento tería sido acusado de resentido ou de rancoroso. E perdería as eleccións.
Por iso, a súa táctica consistiu en repetir que a identidade racial non era a súa bandeira, que ser negro non significaba ser o representante dos negros. Iso non lle impedirá pensar, no momento da súa toma de posesión, que cando el naceu, en 1961, aínda existían leis racistas en varios estados do seu país e que moitos afroamericanos nin sequera podían exercer o seu dereito de voto. Medirá o camiño percorrido. Marcado por sanguentas loitas e por líderes de excepción como Malcolm X e Martin Luther King, asasinados ambos por grupos racistas.
A elección de Barack Hussein Obama é tamén un signo do vitalismo da sociedade estadounidense. Unha demostración de que o "soño americano" segue vivo. Que alí case "todo é posíbel". Un momento de aire fresco logo de oito anos de cheiros fedorentos e de prácticas repugnantes da Administración de Bush. Por iso, prohibir a tortura e pechar a cadea de Guantánamo serán as primeiras decisións do novo Presidente.
A súa singular biografía, o seu xorne elegante, a súa oratoria máxica e os seus dotes de líder carismático convertérono en pouco tempo nunha estrela política para a opinión pública mundial. Por vez primeira, un Presidente de Estados Unidos (aínda sen gobernar) é popular no mundo árabe-musulmán, en África e en América Latina. Rexións onde, por experiencia histórica, existe unha desconfianza bastante xeneralizada cara ao Tío Sam. Moitos intelectuais críticos, dentro e fóra de Estados Unidos, celebraron a súa elección (como Howard Zinn, Michael Moore e Tariq Alí). Nelson Mandela, primeiro Presidente negro de Sudáfrica, nunha mensaxe de parabéns declaraba: "Estamos convencidos de que vostede vai poder finalmente realizar o seu soño de converter a Estados Unidos nun socio verdadeiro da comunidade internacional que se consagrará á paz e á prosperidade para todos. Confiamos en que loitará vostede en todas as partes contra os flaxelos da pobreza e da enfermidade" (1).
Unhas esperanzas tan colosais e tan universais non poderán ser senón defraudadas. Por iso, en base á súa experiencia de ter bregado con nada menos que dez Presidentes estadounidenses, Fidel Castro suxeriu acougar os ánimos: "Sería sumamente inxenuo acreditar en que as boas intencións dunha persoa intelixente poderán cambiar o que séculos de intereses e egoísmo crearon. A historia humana demostra outra cousa" (2).
E é que o máis duro para Obama empeza agora. En primeiro lugar, porque o inicio do seu mandato coincide co peor colapso económico nun século. Os estadounidenses esperan del e do seu equipo que consigan sacar o país do enguedello da crise (inmobiliaria, bancaria, bolsista) no que a Administración de Bush o sumiu. Tamén lle suplican que evite o naufraxio industrial dos tres grandes fabricantes de vehículos, Ford, General Motors e Chrysler. E a perda de millóns de empregos.
Ademais, el mesmo prometeu instaurar un seguro médico universal que ansían como auga de maio os máis de 40 millóns de cidadáns desprovistos de cobertura médica. Sen contar o traballo de Hércules que significará o lanzamento dun ambicioso "Green New Deal". Un gran plan de desenvolvemento de novas tecnoloxías verdes para romper a petróleo-dependencia. E para acelerar un salto cara á innovación técnica que volva obsoleto o uso de enerxías fósiles. Como cando, contra 1880, a electricidade substituíu o vapor e o carbón.
Todo iso non se fará da noite para a mañá. Custará moi caro e os beneficios non serán evidentes a curto prazo. Haberá impaciencias nun contexto social duramente afectado e alporizado polas crises. O entusiasmo de hoxe podería entón trocar en decepción, frustración e carraxe.
Tampouco non lle será doado ao novo Presidente aplicar as súas ideas de cambio na política exterior estadounidense. A era Bush marcou se cadra o apoxeo da hexemonía mundial de Estados Unidos. Un poder que resultou efémero e en definitiva pouco eficaz. Porque as guerras en Iraq e Afganistán puxeron de manifesto que a supremacía militar non se traduce automaticamente en vitoria política. Por outra banda, o auxe de China e da India permite deducir que os días de Estados Unidos como primeira economía están contados.
Ou sexa, que a Obama vaille tocar xestionar a "nova decadencia" (3) do seu país. O cal sempre resulta perigoso. Porque pode atoparse á mercé de escaladas e tirapuxas. En América Latina as cousas poderían ir rapidamente mellor se Wáshington aliviase ou suprimise o embargo comercial a Cuba e reestabelecese unha relación construtiva con Venezuela e Bolivia. Aínda que non será tan sinxelo.
Mais é en Oriente Próximo onde a situación seguirá sendo moi perigosa. E mesmo pode empeorar. Por exemplo, se retira as tropas estadounidenses de Iraq, como prometeu facelo, o vencedor da guerra será obxectivamente Irán pois os xiítas, aliados de Teherán, quedarán ao mando en Bagdad. Aceptarao Arabia Saudita, gran inimigo de Irán ao que acusa de expansionismo? Admitirao Israel, ameazado de aniquilación por Teherán, e onde en febreiro próximo se celebran eleccións que poderían ver a vitoria do á máis dura da dereita ao redor de Benjamín Netanyahu e os seus amigos "falcóns"?
Que fará Obama se estes dous Estados fan por obstaculizar a retirada de Washington?
_________________________________________________________
Notas:
(1) Le Monde, París, 8 de novembro de 2008.
(2) Fidel Castro, "La reunión de Washington", Granma, A Habana, 14 de novembro de 2008.
(3) The Financial Times, Londres, 18 de novembro de 2008.
_________________________________________________________
[Artigo tirado da versión española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 158, decembro de 2008]