Grecia estase a converter nun experimento para a nova fase da corrección de curso que o neoliberalismo quere realizar aproveitando o ronsel da crise económica e financeira. As medidas fiscais e impositivas de "estabilidade" veñen continuar un conxunto de dogmas económicos milagreros que, mesmo se crebados en 2008, seguen dominando o mundo mental dos dirixentes políticos europeos.
Paul Bremer, o primeiro vicerrei norteamericano, impuxo a un estragado Iraq políticas económicas que The Economist cualificou como un réxime "de capitalismo de ilusión". Dificilmente se atopa unha locución mellor para describir as medidas do plan de "estabilidade" sometidas por Grecia á apobación da Comisión Europea, e aprobadas hai uns días. O plan contempla unha redución do déficit orzamentario grego, que pasaría do actual 12,7% do PIB ao 2,8% en 2012, prometendo, ademais, inmediatamente, un recorte do 10% no orzamento ministerial, unha conxelación das contratacións de funcionarios públicos, a abolición de distintos impostos directos e un incremento da fiscalidade indirecta. E por se con iso non abondase, o primeiro ministro socialista George Papandreu anunciou, nun dramático discurso televisado á nación, posteriores medidas de austeridade sen precedentes, entre elas, o aumento inmediato dos impostos aos carburantes, o aumento da idade de xubilación e recortes na remuneración dos empregados públicos que significarán unha diminución do 10% do salario para a maioría de funcionarios do Estado, e do 40% no caso dos académicos. Como en Gran Bretaña, as universidades reciben o primeiro golpe; a tan cacarexada "economía do coñecemento" non é óbice para consideralas un luxo de todo punto secundario.
E todo iso vai pórse por obra no país máis pobre da vella Europa, que conta cun desemprego xuvenil do 25%, cun crecemento estancado e cos seus tradicionais sectores da industria navieira, o turismo e a construción sometidos a unha enorme presión. Esas medidas pecharán o círculo vicioso de crecente desemprego, minguantes ingresos fiscais e políticas económicas sometidas ao capricho da especulación nos mercados financeiros. Empurrarán a un país que está xa en profunda recesión ao abismo dunha depresión duradeira e sen saída.
"Grecia está no ollo do furacán dunha tormenta especulativa", lamentou Papandreu na súa comparecencia televisiva. Estábase referindo á degradación da cualificación do crédito grego por parte de tres empresas privadas de valoración de riscos -ningunha das cales está sometida a control ou supervisión ningúns- e á consecuente especulación nos mercados ao redor da débeda pública grega destinada a financiar o déficit, especulación que elevou os tipos do empréstito soberano grego un 4% por riba da liña de base. Trátase dunha repetición intensificada do ataque que lanzou Soros contra a moeda británica en 1992 (que levou ao Reino Unido á súa humillante saída do Mecanismo Europeo de Cambio) e do ataque dos especuladores á banca británica en 2008. E é índice capital dunha terríbel situación galanamente aceptada pola Unión Europea e os gobernos: un feixe de megacapitalistas fondos de cobertura hedge, que xa se cargaron con esa práctica a grandes bancos, aposta agora á bancarrota dun país na esperanza de que a propia aposta axude a cumprir a profecía e lles permita gañar posicións de vantaxe na venda curtopracista.
Non cabe a menor dúbida de que tanto Papandreu como Karamanlis, as dinastías políticas dominantes na Grecia de posguerra, se serviron do emprego no sector público e do mecenado para beneficio político propio, contribuíndo a aumentar monstruosamente o volume da débeda. Non cabe a menor dúbida de que unha substanciosa evasión fiscal, a corrupción e o clientelismo contribuíron significativamente ás actuais coitas. Pero o remedio é moito peor que a enfermidade, e será custeado, como sempre, polas usuais vítimas: traballadores asalariados, grupos de baixos ingresos, campesiños con cultivos de subsistencia e desempregados.
Nun horizonte máis amplo, Grecia estase convertendo nun experimento para a nova fase da corrección de curso que o neoliberalismo quere ealizar no ronsel da crise económica e financeira. As medidas fiscais e impositivas de "estabilidade" veñen continuar un conxunto de dogmas económicos milagreros que, mesmo se crebados en 2008, seguen dominando o mundo mental dos dirixentes políticos europeos. A maxia negra da privatización, a desregulación e a financeirización foi teoricamente rexeitada por moitos fieis da primeira hora, pero aínda impera nos ambientes dunhas cantas escolas de negocios de elite e na Comisión Europea. Obama lanzou o ano pasado un estímulo fiscal de 787.000 millóns de dólares, que incluían recortes fiscais, expansión da cobertura do desemprego e incremento do gasto en educación, sanidade, infraestruturas e sector enerxético; a europea Grecia vese condenada á inanición fiscal. A débeda pública de Xapón representa o 225% do seu PIB, e finánciase mediante empréstito interno, deixando só o 6% en mans estranxeiras; Grecia vese condenada a tomar empréstito en mercados estranxeiros, servindo uns intereses que só poden cualificarse como usureiros. O comisario económico Joaquín Almunia foi cinicamente claro respecto do propósito do plan de "estabilidade" ao dicir que Grecia necesita "máis reformas nas pensións, na sanidade e no mercado de traballo". É un desvergoñado intento de aproveitar un problema relativamente pequeno de débeda, a fin de alterar radicalmente os equilibrios de clase e a relación Estado/sociedade nun país coñecido pola súa militancia sindical e a fortaleza da súa esquerda radical.
A lexitimidade da Unión Europa fúndase en principios de xustiza social e de solidariedade. Joseph Stiglitz recordou aos europeos esas tradicións nunhas páxinas recentes, chamando a unha emisión de bonos en euros para salvar a Grecia e a outras economías endebedadas. Un paliativo inmediato así faría as veces dun tráxico deus ex machina; o que pasa é que a pantasma neoliberal expulsou a deus da máquina.
Aínda hai un aspecto máis preocupante nestes acontecementos catastróficos. Papandreu resultou elixido hai catro meses sobre a base dun programa de redistribución e xustiza social. Agora acaba de aceptar un programa que é exactamente o contrario. E iso constitúe un ataque radical á política, e a mellor expresión do odio neoliberal á democracia. O comisario Almunia aconsellou aos políticos e á opinión pública de Grecia aceptar as medidas propostas engadindo unha apenas disimulada ameaza reveladora da asombrosa idolatrización dos mercados e a finxida natureza da impotencia regulatoria. Pois o certo é que os mercados poderían especular con éxito contra os bonos gregos, levando a cotas insostíbeis o custo dos empréstitos, só porque a UE fixou un irrealista límite do 3% para o déficit orzamentario. O resultado é que a UE empurra a Grecia desde un extremo e o mercado, desde o outro. É unha tormenta perfecta, pero movida por man humana. Os políticos e os eurócratas aceptaron o papel de xogadores de pouca monta nunha economía de casino que se declara por riba dos procesos políticos.
A violenta pauperización das masas, a rampante privatización dos servizos públicos a través da redución radical do sector estatal, así como a crecente dependencia dos mercados exteriores no servizo da débeda, equivale a unha perda de soberanía tal, que admite comparanza coa dun Estado sometido a ocupación estranxeira, e trae consigo unha ampla reestruturación dos activos nacionais a favor do capital e unha grave crise de lexitimación europea.
Os gregos son un pobo orgulloso. foron masivamente sometidos ao bombardeo dos medios de comunicación, do goberno e de académicos adocenadamente submisos, a fin de os facer crer culpábeis dos erros dun sistema ao que ninguén votou. En Gran Bretaña estamos xa moi afeitos á retórica do TINA ["Non-Hai-Alternativa", polas súas siglas en inglés; T.]; pero tamén sabemos que sempre hai unha alternativa. A situación pola que atravesan os gregos colócaos en primeira liña dun ataque en toda regra aos principios europeos de democracia, xustiza social e solidariedade, principios que, aínda que nunca deixaron de ser un pouco retóricos, hoxe están crebados por todas as partes. Idealmente, o que o goberno grego debería facer é esquecerse da falsa ortodoxia que converte a Grecia nunha nación tan pouco soberana como Iraq e chamar a unha fronte nacional de resistencia fronte ao bárbaro ataque. Unha iniciativa así mobilizaría o orgullo e o sentimento de inxustiza da nación. Apartaría o nacionalismo grego da súa patolóxica evolución recente cara ao extremismo dereitista e xenofóbico e achegaríao máis á tradición helénica, que é a da defensa da democracia. Islandia convocou un referendo para decidir sobre a devolución da súa débeda; o mesmo debería facer Grecia.
Pero non é probábel, porque o partido gobernante está demasiado comprometido co vello clientelismo e o neoliberalismo. A falta dunha reacción encabezada polo goberno aumenta os desafíos para a esquerda grega, unha das máis fortes de Europa. A esquerda ten a responsabilidade histórica de mobilizar a opinión pública grega contra este tsunami de idiocia e inxustiza antidemocráticas. Os gregos demostraron que saben como resistir, desde Antígona até a Atenas de decembro de 2008. Os campesiños xa bloquearon varias estradas en dirección norte e Bulgaria, obrigando a Barroso a ameazar con accións legais. Convocáronse para o próximo mes folgas de funcionarios públicos e unha folga xeral.
A esquerda debe ser capaz, ademais, de mobilizar á opinión pública europea. Se o ataque ás comunidades mineiras e á NUM [Unión Nacional de Mineiros, polas súas siglas en inglés; T.] resultou en Gran Bretaña emblemático do primeiro neoliberalismo, o ataque a Grecia representa o comezo da súa segunda fase. Se Grecia cae, non ofrece dúbida que os mercados pasarán a atacar a España, Portugal, Italia e Gran Bretaña, e a Comisión Europea vestida coa toga dun coro tráxico e lavando as mans como Poncio Pilatos. O que está en xogo é o futuro da democracia e da Europa social; os gregos deben loitar por todos nós.
[Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 8 de febreiro de 2010]