Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
12/3/2010
Escritor e responsábel técnico do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Bate que bate na lingua

Con máis ruído que finalmente noces, o Parlamento galego aprobaba, por unanimidade das tres forzas presentes no Parlamento galego, un 22 de setembro de 2004 un Plan xeral de normalización da lingua galega, que pretendía ser a “folla de ruta” para garantir uns mínimos no proceso de recuperación lingüística do galego, isto é, na súa instauración como lingua normal de uso nos diferentes ámbitos da vida social galega.

Pasados cinco anos e medio, a virtualidade deste Plan para a lingua naufraga polo feroz acoso que o PP no goberno da Xunta emprendeu contra o idioma do país, acoso que vén suplir a indolencia en materia lingüística que no seu día amosou o PSOE en calidade responsábel desta área sendo socio maioritario dun goberno a dúo co BNG.

O certo é que o PSOE non deixa de estar incómodo, e así se remexe, cando ten que abordar a espiñenta cuestión lingüística aínda non resolta no que a Galiza se refire. Os últimos días espellan con clareza isto, e a disposición da filial galaica do socialismo español á hora de apoiar ou non calquera movemento, por tímido que sexa, en favor da lingua do país.

Deste xeito, o pasado 1 de marzo o PSOE da cidade coruñesa unía os seus votos aos do PP para rexeitar en pleno unha moción do BNG, co que cogoberna en María Pita, na que se pretendía plasmar por escrito as responsabilidades derivadas, a nivel institucional, da consideración do galego como lingua propia de Galiza e, xa que logo, plenamente oficial. Do que resulta que a alongada sombra do ex alcalde (e hoxe embaixador español perante a Santa Sé) Francisco Vázquez está a perseguir aínda aos edís herculinos do PSOE, polo que o galego se volve en lingua ignorada -cando non proscrita- nas áreas de goberno que desenvolven non Concello da Coruña, e que representan uns dous terzos da actividade do Executivo municipal, fronte ao outro terzo en mans xestionadoras do nacionalismo. Así, outro síntoma máis desa desidia lingüística do PSOE coruñés segue a se ver nos aberrantes casos de toponimia deturpada que enfeitan (é un falar) a coñecida como Cidade de Cristal.

Se cadra non contentos con isto, as preclaras mentes do PSOE galego, decidiron dar unha nova volta de parafuso na cuestión da lingua e, desta volta na Mesa do Parlamento, aliáronse coa maioría que ostenta o PP para, baixo a escusa dun máis que cuestionábel informe dos servizos xurídicos da Cámara, impedir que fose adiante a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola plataforma social Queremos Galego. Unha ILP do máis medida e encamiñada a lles lembrar aos poderes públicos galegos as súas obrigas legais a respecto do idioma do país.

Así as cousas, parece que non corren bos tempos para o galego, sobre todo no referido aos planos máis institucionais, xa que o que debera ser apoio decidido á lingua propia de Galiza está a se transformar en inacción, cando non en acoso premeditado. E aí os sectores máis declaradamente españolistas das forzas políticas maioritarias no noso país, PP e PSOE, semellan rivalizar na suma de actuacións galegófobas que nos retrotraen a períodos históricos que xa se consideraban superados.

E se no seu día, tanto a Lei de Normalización Lingüística do ano 1983 como o Plan Xeral de 2004, eran unha tentativa de balizar os mínimos dun consenso lingüístico que cando menos optase pola preservación e a promoción da lingua propia de Galiza, hoxe por hoxe o consenso saltou certamente polos aires. Sendo certo que o actual PP gobernante ten no seu debe o que se chegase a esta situación, tamén a franquía galega do PSOE vai esvarando paseniñamente cara a posicións que se desmarcan da asunción da legalidade vixente en materia lingüística.

Uns e outros están a tempo aínda de frear esa deriva lingüística, que denota no ideolóxico a asunción dun único campo de xogo, a España centrípeta que nega a actual realidade de pluralidade nacional, lingüística e cultural... Están a tempo, tamén, de non esganar aínda máis as posibilidades de desenvolvemento e normalización da lingua propia dos galegos e galegas, tantos e tantos anos negada para usos públicos e sendo padecedora dunha mala saúde que moitos e moitas queremos de ferro, malia as interferencias que unha parte do poder político emite irresponsabelmente.

[Galiza, 10 de marzo de 2010]

cig.prensa@galizacig.com