O gasto en pensións públicas de xubilación por ancián no Estado español é dos máis baixos da UE-15; só 9.227 unidades de poder de compra, u.p.c. (euros estandarizados polo seu poder de compra en países de distinto nivel de vida), comparado con 13.531 en Italia, 13.190 en Suecia, 12.846 en Dinamarca, e así unha longa lista de países...
Existe unha percepción xeneralizada en moitos círculos financeiros, políticos e mesmo mediáticos do país -promovida por pensadores liberais- de que as pensións públicas de xubilación son demasiado xenerosas. Así, vimos, hai uns días, un documento asinado por cen economistas (moitos deles, os mesmos que asinaron recentemente outro documento propondo que se facilitasen os despedimentos dos traballadores) pedindo que, co fin de salvar o supostamente inviábel sistema de xubilacións público, se reduzan tales pensións públicas, consideradas excesivas. Sinalaban como proba de tal exuberancia que os pensionistas, no momento da súa xubilación, reciben no Estado español unha pensión que é equivalente ao 88% dos salarios, un das porcentaxes maiores da UE-15, o grupo de países de semellante nivel económico ao español.
Tal mensaxe -que, como era previsíbel, gozou de gran visibilidade nos medios- adoita estar promovida pola banca, que estivo cuestionando a sostibilidade das pensións públicas desde o momento en que se estableceron, promovendo a mensaxe de que tal sistema de pensións público é inviábel e/ou insuficiente. Non por casualidade, o documento está patrocinado por unha fundación, FEDEA, financiada primordialmente pola banca, desexosa de que se reduzan as pensións públicas para aumentar as privadas.
O problema de tal percepción (de que as pensións públicas de xubilación son excesivas) é que é profundamente erróneo. E, ademais, é doado demostralo. Vexamos os datos. Extráioos do capítulo “El sistema español de pensiones en el contexto europeo” escrito por unha das investigadoras que máis traballaron no tema de pensións a nivel europeo, a profesora Camila Arza, do Programa de Políticas Públicas da Universidade Pompeu Fabra (UPF), publicado no informe La situación social en España, do Observatorio Social de España.
O Estado español gastou en 2005 en tales pensións públicas de xubilación só o 6,9% do PIB, unha das porcentaxes máis baixas da UE-15, que posúe como gasto medio en tal tipo de pensións públicas o 9,4% do PIB. Por que o Estado español gasta moito menos que outros países de comparábel nivel de desenvolvemento económico? Unha causa podería ser a estrutura demográfica, é dicir, que o Estado español tivese unha menor proporción da poboación que fose anciá. Pero este non é o caso, pois a situación é precisamente a oposta. España ten unha das maiores porcentaxes de poboación por riba de 65 anos (16,5%) na UE-15. Deberiamos gastar, pois, máis, non menos, do que a UE-15 gasta en pensións públicas.
En realidade, o gasto en pensións públicas de xubilación por ancián no Estado español é dos máis baixos da UE-15; só 9.227 unidades de poder de compra, u.p.c. (euros estandarizados polo seu poder de compra en países de distinto nivel de vida), comparado con 13.531 en Italia, 13.190 en Suecia, 12.846 en Dinamarca, e así unha longa lista de países. Se vemos a porcentaxe que estas cantidades significan sobre o salario medio vemos, de novo, que o Estado español é unha das máis baixas. Esta porcentaxe, que se chama taxa de reemprazo, é do 65%, máis baixa que a media da UE-15, que é do 68%. Mírese como se mire, pois, non pode chegarse á conclusión de que gastamos demasiado en pensións para os anciáns.
Agora ben, a Comisión Europea, o Banco Mundial, a OCDE e, como non, o Banco de España (todas elas institucións de orientación liberal) utilizan o dato de que a taxa de reemprazo (por pensionista) é unha das máis altas da UE e da OCDE, nada menos que un 88%. E esta é a cifra que utiliza o manifesto liberal dos cen economistas. Existen varios problemas con esta cifra, que está claramente inflada. Os cálculos baséanse nunha situación ideal de vida laboral ininterrompida de 40 anos, cando a realidade é moi distinta. A media de vida laboral no Estado español é de 35 anos (moito menor no caso das mulleres). É máis, os salarios no Estado español son moi baixos, moito máis baixos que na media da UE-15, o cal non se debe, como erroneamente se asume, a unha menor produtividade, senón á debilidade das forzas progresistas no Estado español. Posto que os salarios son baixos, as pensións son tamén moi baixas, aínda que a taxa de reemprazo apareza moi elevada. Esta taxa dá unha idea equivocada da xenerosidade das pensións en termos comparativos. Estas taxas poden ser elevadas e en cambio as pensións poden ser moi baixas, que é o que pasa no noso país.
Outro erro naquela porcentaxe de reemprazo do 88% de salario é que o que aquelas institucións -e o manifesto liberal- definen como salario non é o salario, senón a base de cotización salarial, é dicir, que as pensións non se calculan directamente sobre o salario previo, senón sobre o nivel de cotización do salario, que é unha cifra menor. Esta distancia entre salario real e base de cotización foise reducindo, co cal as pensións foron mellorando, pero distan aínda moito de ser equiparábeis ao resto da UE-15. É máis, as pensións increméntanse segundo o índice de inflación (a fin de non diminuír a capacidade adquisitiva dos pensionistas) pero non a base da media de nivel salarial, como ocorre noutros países. E posto que os salarios crecen, polo xeral, máis rápido que a inflación, resulta que os pensionistas quedan máis e máis atrás, deteriorando o seu nivel de vida relativo.
Outro feito que explica que o gasto en pensións sexa baixo é que a porcentaxe de poboación anciá non cuberta polas pensións públicas financiadas pola Seguridade Social é moi elevada, un 20,6% da poboación anciá, a maioría mulleres (comparada con só un 9% da UE-15). Destes datos derívase que non só o gasto en pensionistas é moi baixo (máis baixo que a media da UE-15), senón que o gasto en todos os anciáns é tamén moi baixo, o cal explica o elevado nivel de pobreza entre os anciáns (23,3%, comparado con só 1,6% en Holanda, 7,7% en Francia, 11% en Noruega, 12% en Dinamarca?). Ningún destes datos aparece naquel manifesto liberal
[Artigo tirado do xornal ‘Público’, do 11 de marzo de 2010]