
Despois da celebración deste 10 de Marzo, que a CIG convocou baixo o lema “O emprego e os salarios deféndense loitando” e que mobilizou a máis de 20.000 persoas en toda Galiza, confirmouse esta data como unha xornada de mobilizacións dos traballadores e traballadoras galegos e un recordo para os traballadores que no ano 1972 saíron ás rúas do noso país a reivindicar dereitos e liberdades: Amador e Daniel, non vos esquecemos.
A crise económica a que nos abocou o Capital Especulativo financieiro foi provocada pola avaricia da obtención de máis benefícios para uns poucos, a custa dos traballadores e traballadoras e dunha sobreexplotación da nosa clase social; afondando máis e máis na precarización e flexibilización das condicións laborais.
Neste ano 2010 miles de galegos (228.000 parados se rexistraron durante o ano 2009, o que representa um aumento de mais dun 17% sobre os apuntados no 2008) están sendo empuxados a engrosar estas cifras de desemprego, pasando de ser un goteo de xente sen traballo, a un “tsunami” que está a destruír o emprego imparabelmente e que elevará as cifras citadas anteriormente a rexistros nuca vistos no noso país.
Este modelo neoliberal de sobreexplotación da clase traballadora, leva consigo a maior precarización das condicións de traballo: a flexibilidade, a desregularización, vai aumentar se non somos quen de paralo. A Xunta do PP é a punta de lanza, o modelo a seguir, o seu afán privatizador non ten límites, están a poñer em perigo servizos fundamentais das persoas. As medidas privatizadoras anunciadas da sanidade pública son unha boa mostra deste modelo. Se tes cartos, tes dereito á saúde; se non os tes, non tes máis dereito que a sufrir.
Pero toda esta situación non sería posíbel sen a colaboración das dúas centrais sindicais españolas CCOO e UGT. Estes sindicatos préganse diante da agresividade da Patronal, son cómplices e axudantes. O Pacto Salarial, asinado ultimamente, é unha boa mostra do que estamos a dicir: a práctica conxelación salarial durante os próximos tres anos. Esta medida que supón unha perda no poder económico das persoas pode ter un efecto moito máis negativo para remontar a crise que positivo, xa que a caída dos salarios e o seu peso no PIB foi un dos factores máis determinantes na actual crise económica.
Diante deste escenario, a CIG está a poñer as bases para a CONVOCATORIA DUNHA FOLGA XERAL. Reiteradamente, esta necesidade foi anunciada publicamente, polo noso Secretario Xeral, e en todas as mobilizaciós e conflitos nas que o noso Sindicato está presente este chamamento á Folga Xeral é continuo.
Esta convocatoria de Folga Xeral ten que ter, no seu horizonte mais próximo, o de parar todas as medidas antiobreiras que se pretenden impor: aumento da xubilación, recortes salariais, flexibilidade..., e nun horizonte próximo um CAMBIO DE MODELO ECONÓMICO E SOCIAL.
Para chegar a conseguir estes obxetivos, necesítase a todols s traballadores e traballadoras de Galiza; necesítase mobilizacións previas, necesítase a todos e cada un dos compañeiros e compañeiras dispostos a mudar este modelo social. Na CIG xa comezamos a camiñar.
[Vigo, 12 de marzo de 2010]