
Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.
Xornais, televisións, analistas e «entendidos» falan da medra económica constante da economía peruana durante estes últimos dez anos. Engaden a esa medra e saneamento económico a desesperada situación de millóns de peruanos aos que esa macroeconomía saneada, na cal a inflación está controlada, non hai déficit público (porque o Estado non fai ningún gasto social) e se privatizaron todos os servizos (incluídas as pensións e a sanidade).
Eses millóns de peruanos cargan co lastre dos mil e un gobernos peruanos que nun baile de cifras prodixiosas quitan símbolos negativos ás cifras estatais para pasalas ao paupérrimo pobo peruano, obrigado a emigrar ao Estado español, Estados Unidos, Arxentina, Xapón, Venezuela e Chile. Máis dun 10% da poboación peruana, 3.000.000 millóns, reside legal e ilegalmente no exterior. O Estado español é un dos grandes beneficiarios desta man de obra barata e semicualificada que na Galiza traballa na pesca, na construción e na madeira, a través dun convenio bilateral que permite a traída de traballadores peruanos sen ter que rexerse pola situación do mercado laboral español ou polo Catalogo de Difícil Cobertura.
A entrega dos recursos naturais, principalmente minerais, ao capital estranxeiro. A obrigatoriedade por parte dos traballadores da contratación de fondos de pensións (principalmente de compañías españolas e chilenas) e o traslado de todos os anos cotizados ao Estado a eses fondos que se apropiaron deles é unha das cargas máis pesadas que tivo que soportar a poboación peruana desde o goberno de Fujimori.
Nunha catalogación aséptica os analistas electorais peruanos dividen as clases sociais peruanas entre o A e o E. Mentres o A e o B representan o 10% da poboación e o 80% da riqueza, nunha operación matemática insultante o 90% por cento restante ten que conformarse con sobrevivir co 20% restante. Esta situación, típica de todos os Estados e Gobernos latinoamericanos, foi mudando, primeiro en Cuba e hoxe en Venezuela, Bolivia e se cadra mañá en Perú. O cambio depende de Ollanta Humala, ningún dos outros candidatos representa nada distinto para o 90% da poboación que considera todo un premio ter a posibilidade de emigrar.
O pobo peruano que no nome da macroeconomía e das contas saneadas sufriu en carne propia a miseria como unha receita vinda de fóra merece mudar o seu destino.
[A Coruña, 11 de abril de 2011]