marco
12/5/2009
Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Emigrantes no propio país

Resulta perverso, cínico, que haxa quen poida dicir que o galego se impón no ensino ou na sociedade (despois de tantos séculos de persecución). Por cada caso dunha persoa á que se lle esixe contra a súa vontade que aprenda a lingua propia son milleiros os que non poden educar plenamente aos seus fillos en galego, aos que se lles obriga a falar en castelán nas empresas, e aos que se lles considera menos do que valen por facer unha solicitude de calquera cousa no idioma da nación...

Toda a vida lembrarei dúas anécdotas referidas á nosa lingua na emigración galega na Arxentina, país ao que emigrei con cinco anos en 1951, nun viaxe en barco de vinteún días, nun buque de cereais; coido que se chamaba Río Negro ou Entre Ríos. As dúas adegas foran convertidas en grandes camarotes ateigados de liteiras, nunha das adegas iamos 500 mulleres e nenos, e na outra os homes. Na casiña na que vivía o meu pai, emigrado tres anos antes, axuntábanse moitos paisanos da bisbarra de Celanova a falar e comentar cousas. De cando en vez algún preguntaba cando chegaba con certa retranca ‘xa hai moitos falando inglés’. Meu pai tiña un negocio de venda de froitas e verduras, no barrio de Haedo en Bos Aires, daquela as vendas facíanse moito a fiado, e nun caso anotou a débeda dunha paisana do concello de Catoira como ‘la española’, polo que lle preguntei porque a chamaba deste xeito xa que era galega, e contestoume ‘é verdade porén non fala como nós’. Son dúas anécdotas como tantas outras que amosan ate que punto a xente nosa da aldea máis perdida na montaña, que non sabía o que era o nacionalismo, tiña unha conciencia clara de identidade, de cultura e lingua diferenciada, non fai tantas décadas atrás.

A emigración galega cando chegou á Arxentina, despois da Guerra Civil, reaxeu de dúas maneiras distintas fronte ao feito de ter que emigrar por mor da ditadura e da pobreza reinante. Uns fixeron o imposíbel por esquecer a súa orixe, os máis procuraron adaptarse ao país que os acollía porén sen renunciar á patria de nacemento. Uns romperon amarras, outros devecían por voltar e os ollos enchíanselle de morriña (a maioría nunca o puideron facer). Moitos destes últimos asociáronse nos centros galegos existentes e mesmo houbo quen tivo a iniciativa de botar a andar algún novo. Nestas entidades, e cando escoitaban as emisoras con programas galegos, foron sabendo máis sobre a castración e doma do Reino de Galiza, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, María Pita, Castelao, os celtas, os suevos, e tantas outras cousas que lles foron negadas, agochadas, distorsionadas, na historia oficial.

Tampouco podo esquecer cando despois de levar un tempo na escola primaria a direción chamou aos meus pais pra lle pedir que non me falaran máis en galego na casa ‘porque non aprendía ben o castelán’, xa que confundía e pensaba que había unha letra ‘cu’ e outra ‘que’, chamáballe mistos aos fósforos, etcétera. Isto parece duro, aínda que se dera na emigración e nun país que daquela mesmo ignoraba na aprendizaxe que había millóns de persoas que falaban guaraní. Agora ben, falo de todo isto porque resulta máis triste e preocupante cando iso mesmo dáse arreo na propia Galiza, moitas décadas despois e nun momento no que se presume de normalización, porén no que a cotío a presión mediática e todos os mecanismos do poder real contribúen a un proceso de colonización, de alienación social, que pretende converter á cultura e lingua nacionais en marxinais; e onde os pais moitas veces sacrifícanse pra evitar que a lingua sexa un atranco máis no progreso do seus fillos. Un erro! unha barbaridade! unha perda de identidade que non se compensará nunca e que non vale de nada en termos individuais, a non ser pra reflectir un povo submiso, acomplexado, e incapaz de se facer respetar colectivamente, porén tamén como persoas.

Mesmo resulta perverso, cínico, que haxa quen poida dicir que o galego se impón no ensino ou na sociedade (despois de tantos séculos de persecución). Por cada caso dunha persoa á que se lle esixe contra a súa vontade que aprenda a lingua propia son milleiros os que non poden educar plenamente aos seus fillos en galego, aos que se lles obriga a falar en castelán nas empresas, e aos que se lles considera menos do que valen por facer unha solicitude de calquera cousa no idioma da nación... A nosa lingua, a nosa cultura, a nosa historia, son tan validas como a de calquera outro estado. O noso idioma permite que nos relacionemos con máis de 200 millóns de persoas no mundo, e é a lingua dunha das maiores potencias emerxentes: Brasil. Abonda de colonización, de agresión. Normalicemos a situación da nosa lingua e cultura. Non se nos faga tamén emigrantes no noso propio país.

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 12 de maio de 2009]