Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
12/6/2012

Nado en Rodeiro en 1961, é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi Director do Idega entre 1991-95 e actualmente é coordinador do grupo de investigación ICEDE e da Área de Economía do Seminario de Estudos Galegos.

Publicou obras como: Capitalismo e desemprego en Galicia (1986), Innovación e cambio tecnolóxico na industria (1992) ou O fracaso neoliberal na Galiza (2005).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Rescatar a banca, afundir o país

Sen mudar moi esencialmente o modelo de Unión Monetaria todo ese sacrificio que se lle impón á cidadanía e á economía produtiva corre o risco de ser inútil e mesmo pode agravar os desequilibrios da economía no estado español e na zona euro de xeito que o fatal desenlace para o euro pode acabar ocorrendo igualmente.

 O anuncio do rescate por unha contía de 100.000 millóns de euros preséntase por De Guindos como unha axuda xenerosa do eurogrupo á banca española. Afirma que non é rescate ao país pero na realidade é o estado español o que se endebeda, neste caso non nos mercados pero si ante o Fondo de Estabilidade Financeira (FEEF). Polo tanto, compre dicir que a axuda redúcese á que o FROB vai poder conseguir os recursos endebedándose pedindo prestado ao (FEEF) en lugar de facelo nos mercados financeiros. Iso, aparentemente, facilita o acceso a un monto inxente de recursos cando non serían conseguíbeis pola vía ordinaria de tentar de colocar débeda nos mercados, porque con certeza non atoparía compradores. Ademais, dísenos que as condicións en termos de xuros é moito máis xenerosa que a do mercado. Aínda que non se nos di cales van ser os tipos xuro aplicábeis.

 Claro está, polo antedito, é obvio que no mercado non sería colocábel ese volume de débeda española e caso de conquerilo sería a uns tipos moi superiores aos actuais. Niso consiste a xenerosidade: o FEEF garante o financiamento do rescate da banca cando os mercados privados non o farían. Pero é o estado español o que se endebeda directamente para obter ese monto que logo inxecta na banca a través do FROB.

 A partir de aí haberá que coñecer as condicións concretas para saber o alcance das consecuencias sobre o sistema financeiro, sobre as contas públicas e sobre a marcha da economía.

 En todo caso hai un certo número de consideración que podemos avanzar.

 A primeira é que coa solicitude de 100.000 millóns de euros ao FEEF para sanear o sector bancario español ponse en evidencia que a verdadeira natureza e causa da crise actual estaba e está no sector financeiro/bancario. Máis unha vez queda á vista a impostura do discurso oficial que durante todo ese tempo tentou impoñer ao país a idea de que o problema nacía dun excesivo gasto público, das pensións, da lexislación laboral ou dos salarios.

 A segunda é que con esa cifra aproximámonos á magnitude do burato da banca. Sumando estes 100.000 millóns de euros aos 150.000 millóns que xa se entregaron desde 2009 por diferentes vías (inxeccións de capital, préstamos públicos do FROB, avais sobre a débeda das entidades, etc), situámonos nunha cifras que representan aproximadamente o 25% do PIB anual español.

 Terceiro, é moi importante ter en conta que -máis alá de condicións adicionais que se impoñan- este préstamo do FEEF ao FROB implica a emisión da cantidade correspondente de débeda pública, que aumentará nesa contía e cuxos xuros haberá que sumar ao déficit público español. Polo tanto, non nos enganemos, o rescate da banca española é unha garantía para os acredores internacionais –entre eles a banca alemá- e será pagado con uns 10 puntos máis de débeda pública sobre as costas dos contribuíntes españois.

 Cuarta, ese 25% do PIB é a magnitude do burato bancario que, sen dicilo, se ven tentando encher con todas as medidas de recortes nos servizos públicos, salarios públicos e privados, pensións ou subas de IVE, taxas, impostos especiais e IRPF, etc impostas nos últimos anos, tanto polo goberno Zapatero como por Rajoy e cuxos efectos se prolongarán nos vindeiros anos. Mesmo cabe agardar que despois deste paso que acaban de dar tente impoñer novos recortes e novas subas de impostos regresivos.

 Quinta, compre dicir que todo este sacrificio que recae sobre as nosas costas é unha acción desesperada para salvar un euro soportado por unha arquitectura institucional da área euro e do Banco Central Europeo claramente insostíbel. A fronte de inestabilidade da eurozona que representa o estado español engádese á explosiva situación de Grecia e a un eventual xiro do goberno do país caso de gañar Syriza e as demais opcións da esquerda que propugnan a denuncia do memorandum do brutal rescate imposto pola troika (FMI, Bruxelas, BCE). Máis aínda, un goberno da esquerda grega conlevaría un cuestionamento frontal das políticas de austeridade e do papel do BCE e para agravar a situación desde a perspectiva Euro-americana, estes partidos levan no seu programa a saída da OTAN, o que introduce unha mudanza xeoestratéxica que faría saltar moitos resortes e equilibrios en Europa. Polo tanto, era moi urxente desactivar as tensións sobre o euro provocadas pola situación da banca española.

 Sexta, o problema é que estas medidas desesperadas non van acompañadas dunha mudanza inmediata do papel do BCE de xeito que as dificultades de financiamento nos mercados para os países da periferia europea, incluído o estado español, non van mudar a curto prazo. Seguiremos por bastante tempo sen un banco central que actúe como prestamista de último recurso dos estados. Nesas condicións non se resolverá o problema de fondo, continuará e mesmo agravarase a presión sobre a débeda e o gasto público o que seguirá arrastrando a economía pola senda da recesión e o estancamento, é dicir, destruíndo tecido produtivo e emprego. O prolongamento do curtocircuíto financeiro non fará máis que agravar ese círculo vicioso.

 Sétima, sen mudar moi esencialmente o modelo de Unión Monetaria todo ese sacrificio que se lle impón á cidadanía e á economía produtiva corre o risco de ser inútil e mesmo pode agravar os desequilibrios da economía no estado español e na zona euro de xeito que o fatal desenlace para o euro pode acabar ocorrendo igualmente.

 Oitava, aínda que o discurso oficial -e sobre todo o de Alemaña- pretende facer crer os países da periferia europea son os responsábeis dos problemas da zona euro, o certo é que o problema de fondo foi e segue a ser outro. Coa firma da Unión Monetaria e do Pacto de Estabilidade, a periferia europea intercambia disciplina orzamentaria a cambio da credibilidade de Alemaña en termos de inflación e baixos tipos de xuro. Pero, curiosamente os problemas ao final non estouran como consecuencia da indisciplina fiscal, p.e. o Estado español tiña superávit fiscal e a débeda pública no 37% do PIB. O problema estoura como consecuencia da desregulación financeira. Efectivamente, no período 1998-2008 a banca alemá e a banca global, con diñeiro do BCE, adicouse a financiar a baixo custe a banca española, que se lanza desbocada e compulsivamente a unha carreira de endebedamento exterior e de crédito no interior, aproveitando que os tipos de xuro son iguais ou inferiores aos da inflación, de xeito que os tipos de xuro reais son mesmo negativos. Cos seus créditos financiouse unha desbocada burbulla inmobiliaria e un explosivo déficit da balanza por conta corrente española que chegou a representar no 2008 o incríbel 9% do PIB.

 Novena, agora disque estamos nas mans dos alemáns, que son os nosos acredores. Pois ben, sen dúbida a responsabilidade é de todos. Pero é maior a de quen deseñou un euro e un BCE absolutamente insostíbeis. Nin temos Banco central que soporte as emisións dos estados nin temos unha regulación intelixente do sistema financeiro en Europa. Agora fálase de ambas cousas, tamén da unión bancaria europea. Pois ben, non sei se chegarán ou se chegarán tarde demais. E tampouco podemos admitir que por si só garanta un reequilibrio económico-produtivo dentro da UE de cara ao futuro. Pola contra, para iso sería preciso reconsiderar outra moitas regras básicas da UE relativas á liberalización, competencia e comercio externo que claramente non están na axenda, cando menos por agora. Nin parece moi plausíbel que cheguen a entrar nela mentres as forzas hexemónicas se movan dentro dos parámetros das opcións neoliberais, máis ou menos conservadoras pero sempre neoliberais.

 Décima, aínda sen coñecer a letra miúda do acordo e os desenvolvementos que se fagan de cara a súa implementación, compre que desde Galiza tracemos claramente as liñas vermellas. Non podemos aceptar que coa desculpa do rescate e as condicións de Bruxelas se tente entregar NGB a calquera outra entidade, mediante subhasta ou por incorporación nun holding madrileño. A inxección de capital público que agora se vai realizar , que en última instancia non son europeos senón nosos, deben servir para galeguizar definitivamente NGB. E xa sabemos que iso, nesas condicións, só pode facerse de forma efectiva pola vía da súa definitiva nacionalización e transferencia á comunidade autónoma converténdoo en Banca Pública Galega.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Sermos Galiza’, do 10 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com