Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
12/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Rescate: consúmase o engano

Enganáronnos os bancos, enganáronnos os gobernos do PSOE e do PP. Enganáronnos os dirixentes europeos que están bébedos de ideoloxía neoliberal e non se decatan de que as medidas que toman levan á desfeita aos países que as aplican (ou logo é que está mellor a economía de Portugal, por non falar dos cidadáns portugueses, desde que foi “rescatada”?). Enganounos o Fondo Monetario que sacou da manga un informe ás présas só para xustificar a decisión xa tomada...

 Primeiro os gobernos creáronlles as condicións para que financiasen unha burbulla de crédito sen precedentes e coa que gañaron ducias de miles de millóns de euros. Ditaron leis do solo para que os promotores lles pedisen empréstitos que financiasen construcións en todos os recunchos do Estado español, que irían ficando baleiras e sen vender cada vez en maior número. Aumentaron as facilidades fiscais para promover as vendas e desincentivaron o alugueiro e o consumo colectivo de servizos de lecer ou residencia.

 Só de 2000 a 2007, os bancos multiplicaron o crédito total destinado á actividade produtiva por 3,1, o dirixido á industria por 1,8, o da construción por 3,6 e por 9 o dirixido á actividade inmobiliaria. E iso que cada vez dispuñan de menos depósitos para xeralo: en 2000 a banca española recibía 1,43 euros en depósitos por cada euro que concedía a crédito, mentres que en 2007 só 0,76 euros.

 Non contentos cos beneficios que lles daba o negocio inmobiliario que condenaba ao monocultivo á economía nacional, impuxeron políticas de baixos ingresos e recortes salariais para que as familias e pequenos empresarios vivisen no gume da navalla e tivesen que endebedarse até as orellas.

 Pero non contentos con obter beneficios normais, os bancos utilizaron aos seus taxadores para aumentar artificialmente os activos sobre os cales ían dar créditos, para así xerar máis débeda e cobrar comisións máis suculentas e recorreron a todo tipo de prácticas comerciais predatorias para fomentar o consumo: manexaban ao seu antollo os índices de referencia, incluían a abusiva cláusula que autoriza o banco a vender o piso en poxa notarial se se produce a falta de pagamento da débeda, reclamaban importes elevadísimos por contas que pensaban canceladas, cobraban comisións leoninas (máis que en calquera outro lugar de Europa) por calquera cousa, viraban unha e outra vez un recibo inatendido polo cliente xerando múltiples gastos de reclamación por unha mesma débeda, embargaban saldos en contas correntes sen respectar o establecido na lei... até catro folios me ocupa a listaxe de malas prácticas que recompilaron as asociacións de usuarios; é imposíbel consignalas todas aquí. E iso, por non falar das estafas estrela, que puideron supor un auténtico roubo de entre 12.000 e 15.000 millóns de euros, se non máis, mediante as participacións preferentes, as cláusulas chan, etc.

 Mentres sucedía todo isto, as autoridades deixaron facer, consentiron as tropelías bancarias e permitiron que se inflase a burbulla sen cesar, facendo oídos xordos a todas as advertencias.

 O actual Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, dicía en 2003: “non existe unha ‘burbulla inmobiliaria’ (...) o concepto de burbulla inmobiliaria é unha especulación da oposición que fala insensatamente da economía de ladrillo e esquece que a construción é un sector fundamental para a economía do país e no que traballan preto dun millón de persoas” (El Mundo, 2 de outubro de 2003). E o máis tarde Ministro de Economía, Pedro Solbes, afirmaría que os que auguraban o risco de recesión por esa causa “non saben nada de economía” (El País, 11 de febreiro de 2008).

 Os dirixentes dun e outro partido negaban o que fixese falta, por moi evidente que fose para o resto dos españois, con tal de deixar que os banqueiros e os grandes empresarios da construción literalmente se forrasen á conta de todos os españois.

 O gobernador do Banco de España que colocara o PP, Caruana, pasaba polo arco do triunfo a denuncia dos seus inspectores que en 2006 lle sinalaban formalmente que non se facía nada fronte a un endebedamento crecente e moi perigoso da banca española. Pero iso si, non había declaración súa ou máis tarde do seu sucesor, o socialista Férnandez, na que non reclamasen moderación salarial e recortes de gasto social.

 Pero grazas a todo iso, os bancos españois convertéronse nos máis rendíbeis do universo, xusto, iso si, na mesma medida en que situaban á nosa economía entre as máis vulnerábeis.

 Cando estalou a burbulla e xa non se ía a poder disimular o que pasara, o inmenso negocio que os bancos fixeran á conta da débeda, todos consentiron en disimular.

 Permitiron que os bancos declarasen en balance os activos danados a prezos de adquisición sendo cómplices así dun engano descomunal que feriu de morte a credibilidade da nosa economía porque, por moito que Zapatero dixese en setembro de 2008 -como lle ditaban Botín e compañía- que o sistema financeiro español era “o máis sólido do mundo”, os investidores e prestamistas internacionais sabían o que de verdade fixera a banca española.

 Os dous grandes partidos, aos que se suman os dos nacionalistas de dereitas de Catalunya e Euscadi, colocaron nas caixas de aforros aos seus amigos e militantes e crearon unha rede de oligarquías provinciais que alentou a especulación, estendeu a corrupción e que comezou a levar á desfeita a gran maioría das entidades, ao convertelas en clons dos bancos privados, sen teren capacidade real nin natureza legal para selo.

 E para facilitar a recuperación dos bancos mais grandes e deixarlles a eles todo o mercado consensuaron a lei de caixas que as levaba á súa bancarización forzada, para provocar canto antes a súa caída e o reforzamento por esa vía dos bancos máis grandes.

 Claro que, a cambio, eses mesmos partidos recibiron centos de millóns de empréstitos para iren gañando as eleccións, agora un despois outro, que non devolven, e puideron colocar nos seus consellos de administración, ou nos de empresas participadas, a ducias de ex dirixentes ou socios.

 Logo, cando o sistema saltaba polo aire porque os alemáns devecían por cobrar os empréstitos que coa mesma compulsión deran aos bancos españois, todos se concitaron para negar que ían pedir un rescate. Dez días hai que o negaba rotundo o presidente Rajoy: “non vai haber ningún rescate da banca española” (EFE 28 de maio).

E cando o pediron, negan o que efectivamente pediron: 100.000 millóns de euros para entregar á banca e que imos pagar todos os españois. Negan que vaia ter efecto sobre o déficit e a prima de risco, cando será o Estado quen teña que devolvelo (como o farían unhas entidades que se capitalizan precisamente porque non teñen diñeiro?) e tentan facer crer que é algo positivo e unha axuda xenerosa: “As novas que traemos hoxe son positivas”, dixo o Ministro de Guindos cando empezaba a rolda de prensa que deu sábado para anunciar o rescate.

 Enganáronnos a todos cando din que van rescatar a España cando o que van facer é afundila para anos. Enganáronnos os bancos, enganáronnos os gobernos do PSOE e do PP. Enganáronnos os dirixentes europeos que están bébedos de ideoloxía neoliberal e non se decatan de que as medidas que toman levan á desfeita aos países que as aplican (ou logo é que está mellor a economía de Portugal, por non falar dos cidadáns portugueses, desde que foi “rescatada”?). Enganounos o Fondo Monetario que sacou da manga un informe ás présas só para xustificar a decisión xa tomada e no que cifra as necesidades de financiamento da banca española nunha pinza que sitúa, nin máis nin menos, que entre 45.000 millóns e 119.000 millóns de euro. En que quedamos?

 E enganarannos o presidente Rajoy e o Príncipe Felipe [...], porque o que están demostrando é [...] que os españois de abaixo non lles importamos ren. Eles e o resto dos políticos que permitiron o que acabo de sinalar, xunto aos banqueiros e os grandes beneficiarios da burbulla e da crise, que terían que vivir 500 anos máis para gozar de todo o que gañaron á conta dos españois, son os responsábeis deste engano descomunal. Hai que pedirlles contas a todos e botalos para sempre.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 10 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com