
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
En febreiro do ano pasado Alberto Núñez Feijóo asinaba diante dos medios de información un “contrato con Galiza” con catorce obxectivos, dos que o primeiro era o problema do desemprego. Este acto facíase no marco das eleccións autonómicas de 2009, e utilizábase como un argumento de peso político contra o bipartito, ao que o presidente da Xunta acusaba no primeiro punto do “contrato” de incapacidade por non ser quen de evitar o medre do paro desde o inicio da crise. Non se pode pensar que o presidente do Partido Popular non valorou acaidamente este contrato co pobo galego, porque a crise xa amosara a súa fondura e moitos analistas coincidían en que non era unha situación conxuntural.
En pouco máis dun ano de Goberno de Núñez Feijóo houbo un enorme aumento do desemprego e, o máis grave, mergullouse na autocomplacencia dándolle un maior pulo ao problema. Agora bota todas as responsabilidades ao Goberno central (que tamén as ten) carente de toda iniciativa propia que permita dinamizar a economía (que era o segundo obxectivo do pacto), e ao mesmo tempo desmantela aqueles proxectos do nacionalismo que estaban conseguindo avanzos económicos e tamén sociais (plano eólico, banco de terras, Consorcio, etc) e privatiza servizos sociais esenciais. Nestes aspectos fundamentais, máxime en momentos de crise, non cumpriu o Sr. Feijóo con Galiza, e moi especialmente con aqueles que confiaron nas súas palabras e que o votaron.
Tampouco fixo ren por acadar consenso na cuestión lingüística, axeu con arrogancia, como se as cuestións identitarias do noso pobo foran algo historicamente superado, dándolle ao idioma o mesmo trato que o inglés. Non fixo ningún caso ás múltiples manifestacións de rexeitamento que se deron desde todos os sectores da sociedade e moi especialmente do ámbito educativo, nen as cincuenta mil persoas que por dúas veces se manifestaron en Compostela. Neste tema o contrato con Galiza non foi máis que papel mollado, en todo o que non implicara limitar o uso da lingua propia do país.
Estes son os feitos ate hoxe, para alén da leria aprendida e repetida con teimosía, de aparecer ben na televisión e de falar con aire de seriedade, e da hexemonía informativa dos medios de comunicación amigos. As únicas dúas medidas das que se pode gabar Alberto Núñez Feijóo son as de conseguir a fusión das caixas galegas, evitando que a metade do aforro galego fora chuchado desde o exterior, e a próxima visita do Papa. Agora ben, as dúas merecen un comentario. No primeiro caso todo ficou en mans dos grupos que controlaban ambas entidades, sen garantir os principios fundacionais: carácter público e finalidade social. Mesmo semella que se van desprender de importantes activos e botar parte dos erros dos directivos nas costas dos empregados. No segundo caso, haberá que se preguntar, por que temos que pagar todos catro millóns en tempos de crise por oito horas dunha visita confesional? U-lo a separación Igrexa-Estado?...
[Artigo tirado do sitio web do ‘Xornal’, do 12 de xullo de 2010]