Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
12/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Xa somos gregos

Agora que xa nos interviñeron de vez, se cadra comprendamos, como país, o estado e sentir dos gregos dos que estivemos desmarcándonos de forma tan miserábel. Somos vítimas do mesma fraude que eles: os de abaixo pagando por estafas internacionais realizadas polo sector financeiro e consentidas polo poder político. Os aforros e sacrificios son para pagar as débedas dese sector, que é internacional. E impóñenos os mesmos políticos que sancionaron o casino.

 Ademais, dentro desa fraude social manifestamente inxusto, en Europa, especialmente na Europa do Sur, somos vítimas dunha política estúpida e miope coa que Berlín e Bruxelas intentan resolver mediante depreciación interna o defecto de nacemento do euro, unha unión monetaria sen unión fiscal. O resultado é unha asfixiante política de austeridade que agrava a situación. Grecia é iso. E agora nós somos Grecia.

 É verdade que o goberno grego mentiu nas súas contas e que o goberno español deu ás ao ladrillo para manter o seu “España vai ben”, “superamos a Italia” e “imos a por ti, Francia”. Son diferentes modalidades da mesma mentira. Simples detalles. Non hai país europeo que non minta coa súa economía. A mentira de Alemaña é particularmente desvergoñada e a diferenza da española ou a grega, aínda está por desvelar. Trátase de que a Señora Merkel pregoa para os seus socios cosas que non practica no seu país.

 Alemaña fixo recortes sociais moi dolorosos en 2003, cuxo impacto na produtividade e o crecemento foron case nulos. Onde si tiveron impacto, xunto coas baixadas de impostos a ricos e empresas, foi na taxa de beneficio da minoría máis rica. O Estado Social alemán era, e é, unha besta moito máis rechoncha que o seu equivalente meridional. Había máis graxa e o adelgazamento foi menos intolerábel. Os axustes alemáns foron dolorosos pero non teñen nada que ver, nos seus prazos e na súa profundidade, co que se fixo en Grecia e o que se vai facer agora no Estado español.

 En 2005 a hoxe chanceler Merkel e, daquela, simple candidata da CDU anunciou no congreso do seu partido en Leipzig reformas radicais, pero cando chegou ao poder e asinou o acordo de coalición cos socialdemócratas, con quen compartiu o seu primeiro goberno, decidiu frear as reformas para non sobrecargar a xente de tal forma que as dores dos recortes non se fixesen inaturábeis. De paso mandou a paseo o compromiso europeo de manter o déficit por baixo do 3%, e, ao revés, practicou unha política económica expansiva.

 En 2009, Alemaña entrou en recesión, e que fixo a Señora Merkel, que xa non gobernaba cos socialdemócratas, senón con socios tan neoliberais coma ela?: estimulou a economía investindo diñeiro no “kurzarbeit”, a xornada a tempo parcial, subvencionou ao fundamental sector do automóbil co chamado “Abwrackprämie” , a rebaixa por compra de coche novo aos propietarios de modelos vellos, e meteu moito diñeiro en infraestruturas e escolas sen baixar en ningún momento os orzamentos de educación.

 A lista contén todo o contrario do que Merkel di que hai que facer en Europa: recortar, impedir mediante o corsé do Pacto Fiscal calquera fuxida do compromiso de déficit, nada de programas de estímulo e castigar a poboación moito máis alá do soportábel -o de Grecia, capítulo no que agora vai entrar o Estado español-.

 Este cinismo non é particularmente malvado nin exclusivo da chanceler: é o que se fixo sempre desde os países máis poderosos de Occidente: recomendar e impor políticas, a Rusia, a América Latina, ao terceiro Mundo en xeral, que eles nunca practicaron en casa pola sinxela razón de que a austeridade unilateral nunca funcionou en ningures e porque as enormes taxas de paro do 20%, que Grecia e o Estado españoo sofren, desestabilizan as sociedades e converten os seus gobernos en misión imposíbel. Con máis de quince millóns de parados -o equivalente ao noso 20%- tamén Alemaña sería un caos e probabelmente un caos moito peor que o grego pola ausencia ou extrema debilidade en Alemaña de mecanismos e redes de solidariedade familiar que no mundo mediterráneo son importantes.

 Como a actual receita obviamente non funciona, hai que ir noutra dirección. Unha solución podería ser a alemá, pero a de verdade, non a lenda, e, naturalmente, adaptada ás nosas condicións e , a poder ser, manifestamente mellorada. É dicir; afrouxar a austeridade, denunciar a débeda e non pagala (polo menos en toda aquela parte manifestamente odiosa), facer caso omiso do estúpido Pacto Fiscal, investir en educación e en transición enerxética cara a renovábeis de forma descentralizada e sustentábel, practicar unha política fiscal menos inxusta que grave os máis ricos, acabar coa ignominia dos desafiuzamentos, coidar a nosa satisfactoria sanidade, mellorar as nosas universidades e formación profesional, etc., etc.

 Obviamente para iso é preciso unha sociedade esperta, activa e comprometida con tal programa. Son necesarias novas forzas políticas. E como o caso grego evidenciou coas súas 17 xornadas de folga xeral, non abonda con protestar na casa contra decisións que veñen de fóra, senón que hai que actuar directamente contra Bruxelas e Berlín, en coordinación cos sindicatos e a cidadanía doutros países e tendo sempre moito coidado en non dexenerar nun nacionalismo excluínte.

 Agora que a Unión Europea quere disolver, aínda máis, a soberanía nacional, os nacionalismos -catalán e español incluídos- son necesarios, pero hai que manexalos con coidado pois a esta festa acudirán non poucos vendedores de alfombras dispostos a facer pasar as graves cuestións sociais e internacionais do momento por axustes de contas nacionais con promesas de dourados amenceres.

 A identidade europea, se é que algún día chega a existir tal excéntrico concepto, debe forxarse desde a cidadanía. Como o cidadán é o suxeito da nación, calquera identidade civil europea seguirá sendo necesariamente nacional por varias xeracións. Así que o “máis Europa” só pode alcanzarse desde abaixo e desde as nacións -desde todas elas, non só desde os Estados-nación- e non contra elas. Un “máis Europa” contra a cidadanía e contra as nacións é o que suxire o último delirio de Berlín. O “máis Europa” merkeliano non é máis que unha fraude que se axita para tapar as desastrosas consecuencias do anterior, é dicir, para cubrir a desfeita ocasionada pola austeridade e a disciplina dirixida a pagar débedas odiosas. Non creo que nin a propia Merkel acredite niso, pero algo debe dicir para seguir pasando por europeísta cando é a líder da desolidarización europea, Habermas dixit.

 O que está en crise non é o euro, senón precisamente unha Europa construída conforme aos mercados. Contra esa fracasada Europa conforme ao mercado que se quere profundar -o que evidencia que os burócratas de Bruxelas non entenderon nada-, hai que inventar unha Europa conforme aos cidadáns e as súas nacións. Non funcionará como uns Estados Unidos de Europa, pero iso é máis virtude que defecto. Será algo necesariamente ambiguo e fofo, pero aí estará a graza porque esa é a vía democrática.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 12 de xullo de 2012]

cig.prensa@galizacig.com