Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
12/8/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estado español: O erro da austeridade

Existe unha interpretación da crise económica e financeira española, moi xeneralizada nos establishments financeiros, políticos e mediáticos da Unión Europea (e tamén do Estado español), que atribúe tal crise ao excesivo gasto público (incluíndo o gasto público social do seu Estado do benestar), financiado a través dun elevado endebedamento público que alcanzou niveis insostíbeis.

Desta interpretación deriva a percepción de que no Estado español estamos vivindo por riba das nosas posibilidades, esixíndose como medida de resolución da crise a implementación de políticas de austeridade e redución de gasto público. Os datos, porén, non apoian tales teses.

O Estado español ten un dos gastos públicos sociais máis baixos da UE-15. Segundo os últimos datos da UE-15 (o grupo de países de nivel de riqueza máis similar ao noso), o Estado español ten un gasto público social por habitante de 5.526,4 euros estandarizados (moeda utilizada para comparar a capacidade adquisitiva do euro en países con distinto nivel de vida), a cifra máis baixa da UE-15 (que ten de media 7.464,3).

En realidade, o Estado español gasta no seu Estado do benestar moito menos do que lle corresponde polo seu nivel de riqueza. O seu PIB per cápita é xa o 93% da media da UE-15. Pero o seu gasto público social per cápita é só o 74% da media da UE-15. O cal quere dicir que gastamos nada menos que 68.000 millóns de euros menos do que deberiamos gastar polo nivel de riqueza que temos. En realidade, o Estado español ten recursos (para manter e mesmo ampliar o seu subdesenvolvido Estado do benestar), pero o que pasa é que, en contra do que sostén o dogma neoliberal, vive por baixo das súas posibilidades.

O problema non está en que o Estado español non teña recursos. O problema está en que o Estado (central, autonómico ou local) non os recolle. As sucesivas reformas fiscais levadas a cabo polos gobernos conservadores e socialistas determinaron unha gran regresividade fiscal e unha diminución da capacidade de xerar recursos por parte do Estado.

Algo semellante ocorre en canto ao supostamente hiperbólico endebedamento público. A débeda pública no Estado español baixou durante o período 2000-2007, pasando de ser o equivalente ao 59,3% do PIB ao 36,2%. O déficit do Estado baixou tamén, alcanzándose un superávit nos anos 2005, 2006 e 2007. Tanto a débeda como o déficit eran dos máis baixos da UE-15. Por iso é polo que o argumento de que a crise (que comezou en 2007) a xerou o excesivo gasto público (incluíndo o social) ou a exuberante débeda pública non teña ningunha validez.

As causas da crise no Estado español foron a explosión de dúas burbullas. Unha foi a inmobiliaria (tal sector inmobiliaria-construción creceu do 7,5% do PIB en 2000 ao 10,8% en 2006), que, ao estourar en 2007, xerou un descenso da súa actividade económica dun 87%. A outra burbulla foi a bolsista, que alcanzara un máximo do 125% do PIB en 2007 e caeu deica un 54% do PIB. Estes estouridos das burbullas crearon un enorme baleiro da demanda (que se foi acentuando xa antes, consecuencia do descenso das rendas do traballo á conta dun exuberante crecemento das rendas do capital), que só a intervención do Estado pode resolver. Por iso é polo que recortar o gasto público agora que hai unha moi escasa demanda é profundamente erróneo, pois agudizará a recesión.

O Center for Economic and Policy Researh de Washington D.C. (que ten no seu consello director dous premios Nobel de Economía, Robert Solow e Joseph Stiglitz) acaba de publicar un informe sobre a situación da débeda pública española onde os seus autores, Mark Wesisbrott e Juan Montecino, ademais de criticaren as políticas de austeridade esixidas ao Estado español pola UE e polo Fondo Monetario Internacional (FMI) e realizadas polo Goberno español, presentan varias alternativas para saír da crise...

Prologan as súas propostas coa observación de que a débeda pública española non é excesiva. Pero máis importante que a cifra da débeda pública total ou bruta é a débeda neta, é dicir, a débeda que o Estado debe aos investidores privados e que é a que configura o valor dos intereses que o Estado debe pagar aos compradores dos bonos do Estado. No Estado español, a débeda neta é baixa (máis baixa, de novo, que a media da UE-15). A pesar diso, os xuros da débeda son altos, debido a que os mercados financeiros non se fían de que o Estado poida pagala como consecuencia do que chaman a “fraxilidade da economía española”, o xeito diplomático de dicir que non estamos crecendo. De aí a enorme importancia de estimular a economía.

Pero para facelo necesítase un cambio no comportamento das institucións europeas incluíndo o Banco Central Europeo (BCE), o cal, por paradoxal que pareza, non actúa como un banco central da UE. Se o fose faría o que un Banco Central fai, é dicir, axudaría o Estado, tal como fai o Banco Central de EEUU -a Federal Reserve Board (FRB)-, mediante, por exemplo, a impresión de moeda coa que comprar débeda pública do Estado.

O Estado federal estadounidense imprimiu moeda equivalente ao 8% do PIB, comprando con ela débeda pública, ademais de axudar as empresas produtivas e tamén a banca (sendo xeneroso de máis nesta axuda). Na UE, o Banco Central só axudou a banca (tamén en termos moi xenerosos) e só ultimamente, e de mala gana, aos estados.

Weisbrott e Montecino calculan que, se o BCE comprase en dous anos unha cantidade de débeda pública española equivalente a un 4% do PIB (transferindo os xuros da débeda ao Estado español, tal como fai o FRB) permitiría o investimento dun 3,9% do PIB en creación de emprego, estimulando o crecemento económico e, con iso, a redución do déficit. Alternativamente, o Estado español podería aumentar a débeda neta, incrementando o investimento público para crear emprego. Non facelo é un suicidio económico.

 

[Artigo tirado do xornal ‘Público’, do 12 de agosto de 2010]

cig.prensa@galizacig.com