
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
A reforma constitucional non é un cambio técnico, consagra definitivamente o neoliberalismo e amosa un bloque político consolidado (socialdemócratas e conservadores) que defende este modelo de capitalismo, para alén de diferencias nas formas. Fica agora rexistrado no “libro sagrado da democracia española” que as medidas de axuste contra a crise non son transitorias.
A modificación do texto constitucional a correr, sen dar tempo a un debate serio do tema na sociedade e nas Cortes, foi un novo golpe ao respecto das mínimas normas democráticas. Impediuse sempre toda esixencia da revisión da Constitución co argumento de que se trataba dunha norma fundamental, que só podía ser modificada cun amplo consenso e despois dun debate moi profundo.
Toda esa leria, cando do que se trataba era de tomar en consideración reformas que contemplaran a cuestión nacional ou temas sociais, agora pasaron ao esquecemento seica por unha solicitude do Banco Central Europeo, que esixía esta revisión como contrapartida a seguir mercando bonos do Estado español. Sacralízase así o neoliberalismo na Constitución, e márcanse obxectivos que invaden as competencias autonómicas.
Elena Salgado daba como razón da reforma a necesidade de calmar os mercados (a alta burguesía especulativa e os brokers), porén non era máis que unha pobre xustificación xa que, como se viu nos días seguintes, estes nen tiveron en consideración a mudanza na carta magna. A Bolsa seguiu baixando e os xuros dos bonos mantivéronse porque foron mercados polo BCE; cando deixe de facelo volverán subir a niveis impagábeis. Os especuladores axen por motivos menos teóricos: obter grandes beneficios cunha vítima débil no económico e no político.
O único xeito de frealos é con decisións fortes, por exemplo, regulando as Bolsas, os “investimentos a curto”, etcétera. Ou con outras de máis envergadura e que aportarían solucións máis duradeiras, como abandonando o euro e renegociando a presenza na Unión Europea, co que se recuperaría certo control sobre a economía. Sen descoñecer que só co abandono da UE se podería pensar nun control total. Se cadra ao final esta termine sendo a única solución, finalmente aceptada, despois de múltiples retrocesos económicos e sociais.
Cal é entón a finalidade desta reforma? Ademais de sacralizar o neoliberalismo na Constitución, ten como obxectivo dramatizar a situación para xustificar unha ringleira de medidas que poñan o acento no retallo do gasto, diminuíndo e privatizando servizos e prestacións públicas esenciais. Deixando deste xeito de lado a obriga de perseguir a fraude fiscal (aportaría ao Estado 80 mil millóns de euros ao ano no Estado español), e a eliminación de exencións e reducións fiscais ás grandes fortunas e empresas (nos impostos de IRPF, sociedades, patrimonio, sucesións). Só coa recuperación do imposto ao patrimonio ingresaríanse máis de 2 mil millóns de euros.
Que isto é unha estratexia en toda a Unión Europea é evidente, porén prémese con máis forza nos estados periféricos. Neles os gobernos socialdemócratas puxeron as primeiras pedras e facilitaron o camiño, para que a dereita complete esta contra-revolución conservadora. Exemplos do primeiro en Grecia, o Estado español e Portugal. Do segundo, o que está a pasar despois de procesos electorais gañados pola dereita en Portugal e nas autonomías gobernadas polo PP no Estado español. Feijóo gábase por facer os primeiros retallos, centrándose no ataque á cultura e lingua do país e na privatización dos novos hospitais e centros de saúde, porén en Castela a Mancha son unha morea de actuacións. Medidas que arrasan unha boa parte dos servizos, entre elas non garantir a eficiencia na administración, co argumento de eliminar o superfluo porque estamos en época de crise,... malia que a presidenta da comunidade teña uns ingresos de 300.000 € e non se aplique a receita.
O tremendo de todo isto non é só que ate as mans do Goberno central e das autonomías e nacionalidades, e non poder así aumentar o déficit para facer unha política expansiva e manter os servizos básicos, evitando a queda do consumo e do emprego, senón que fortalece o individualismo e a lei da selva. Sábese que o consumo interno é esencial, e que as exportacións só poden recuperar parcialmente a actividade económica e dun xeito moi conxuntural, dado que todos os países compiten coas mesmas técnicas e a un tempo. Aínda así téimase no erro, que só favorece as clases dominantes, que hoxe fan máis cartos que nunca. Isto último non é demagoxia, reflícteno todas as estatísticas, e dino Warren Buffet e outros multimillonarios de Estados Unidos, Francia e Alemaña cando piden que lles aumenten os impostos. Non o fan por solidariedade senón porque saben que todo ten un límite, e que dar algo permite manter e acrecentar o negocio. Temen as tensións, o conflito social que se está alimentando.
O problema para que as ideas de Warren Buffet sexan tidas en conta é que non todos eles pensan igual, e os que están no segundo chanzo queren chegar ao cumio a calquera custe, e estes son moitos, moitos máis. O sistema capitalista para alén das vontades persoais é unha engrenaxe perversa baseada no individualismo e a centralización e concentración da riqueza. Non se pode regular, só entende de forza, como a que tiveron como alternativa os movementos de liberación e a clase traballadora durante décadas, para frear e mesmo reverter a voracidade imparábel do capital. Daquela só unha mudanza na correlación de forzas pode impedir o seu carácter socialmente destrutivo.
A reforma constitucional non é un cambio técnico, consagra definitivamente o neoliberalismo e amosa un bloque político consolidado (socialdemócratas e conservadores) que defende este modelo de capitalismo, para alén de diferencias nas formas. Fica agora rexistrado no “libro sagrado da democracia española” que as medidas de axuste contra a crise non son transitorias. Medidas que dan pau ás clases populares e premian aos ricos e poderosos, aos que o discurso dominante converte en esenciais, os demais son rabaño, que se non chega pódese importar e se non é funcional substituír. En resumo, moitos países convertéronse en facendas.
[Artigo tirado do sitio web de ‘Galicia Hoxe’, do 5 de setembro de 2011]