E para que non fiquen dúbidas de quen goberna o Estado español, o PP nomea a un asesor de Goldman Sachs como ministro de Economía. E como sinala o manual do banco, o ascenso dos seus empregados depende só da súa capacidade do rendemento e da contribución ao éxito da empresa... Non hai sitio entre nós para os que antepón os seus propios intereses aos da firma... O lucro é importante para o noso porvir. Xa sabemos quen manda no Estado español: Goldman Sachs, coñecido baixo o alcume xenérico dos mercados.
A pouco de comezar o século XXI, as pistas son esclarecedoras. Xa ninguén vive enganado. A crise foi unha boa escusa para desarticular o pobre Estado de benestar que acompañou o chamado milagre español, que -todo hai que dicilo-, era máis paternalista que baseado en políticas keynesianas de redistribución da renda e pleno emprego. A súa orixe atopámolo nos gobernos tecnócratas, coñecidos popularmente como gobernos do Opus Dei. Foi o momento da modernización do franquismo.
Non será a vella garda franquista quen sente nos consellos de ministros a partir de fins dos cincuenta do século XX. A nova camada do franquismo muta até facer imperceptíbel a ideoloxía fascista que a precedía. Moitos dos seus cachorros non compartían os seus aspectos máis repulsivos, a tortura e represión. Cun discurso ambiguo, á morte do ditador, 1975, son os que dan vida a reforma política. Xa nada se lles resistía.
Franquistas de corazón, crearon unha realidade ficticia para impedir a ruptura democrática. A súa estratexia foi sinalar a existencia dun búnker político onde se acazapaba o franquismo e cuxo poder radicaba no control sobre as forzas armadas creadas pola ditadura fascista. Identificado o inimigo, o resto eran aliados e compañeiros de viaxe na transición. O intelixente, para evitar un golpe de estado, era illar a oligarquía política e apoiar á burguesía reformista. Calquera outra opción estaba fóra de lugar.
O capital financeiro e industrial brindou o seu apoio e financiou a aventura política, nesa época agrupados na Trilateral. Así xorde o xornal ‘El País’, dirixido por Juan Luís Cebrián, franquista pragmático de última xeración. Os gobernos de Adolfo Suárez contaron cos seus parabéns. Cando gañou o PSOE, en outubro de 1982 -lémbrese, tras o golpe de estado apoiado desde a Casa Real, coñecido como a operación De Gaulle-, ratificáronse os acordos co Vaticano, renunciouse á reforma agraria, tanto como a unha restruturación do sistema universitario e educativo, cuestión que segue pendente en pleno século XXI e, o máis destacado, deuse o visto e prace á OTAN e a CEE.
O mito da dereita golpista e o búnker cumprira o seu obxectivo e podía ser refugado. Tras a caída de Adolfo Suárez disolveuse a Unión de Centro Democrático e formouse o Partido Popular, cuxo primeiro presidente, considerado até ese momento o máis franquista dos franquistas vivos, Manuel Fraga Iribarne, deu en transformarse nun político de centro-dereita, pai da Constitución e demócrata convencido. O novo partido, apelidado popular, será a suma de socialcristiáns, democristiáns, liberais, conservadores, falanxistas e franquistas. A súa aparición busca atraer as novas xeracións da dereita española. É a chamada peregrinaxe ao centro. Tras anos na oposición, o mal facer dos últimos gobernos de Felipe González e o PSOE, cos escándalos financeiros, os GAL e a corrupción, facilitou a súa chegada ao goberno estatal; corría o ano 1996.
José María Aznar, político gris, transformaríase no primeiro presidente de goberno da dereita posfranquista. A súa chegada non alterou o itinerario deseñado polos grupos económicos e empresariais. Todo marchaba segundo o previsto. Os cambios introducidos estaban a ton cos tempos. Privatizacións, desregulación e reforma do mercado laboral. O afondamento na receita neoliberal, impulsada en tempos do PSOE, supuxo un aumento da conflitividade social e varias folgas xerais. Pero nada mudou. Facendo oídos xordos, os políticos continuaron o itinerario marcado polo capital financeiro, cuxo custo foi o recorte de dereitos sociais, políticos e económicos das clases traballadoras.
Baixo a última etapa expansiva do capitalismo central, as reformas neoliberais xustificáronse como necesarias para non perder o tren do progreso. Aznar gabábase de ser o alumno máis listo da clase, cumpría a machada os designios do G-7, o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional. Os empresarios, ledos, e a clase política obtiña matrículas de honra. Ninguén cuestionou quen era o profesor e cal o plan de estudo. Aznar, alumno modelo, non formaba parte do claustro de profesores. Nin os seus desexos de figurar e sentirse protagonista durante a segunda guerra do Golfo cambiaron o seu estatus; seguiu sendo un alumno submiso. Ao final da súa etapa, a burbulla financeira e inmobiliaria que sostiña a feble economía española estaba ben inflada. Crecía sen oposición ningunha. A banca Sachs fregaba as mans. Coa entrada de José Luis Rodríguez Zapatero, en 2004, as grandes empresas transnacionais, clientes de Goldman Sachs, terminan por actuar baixo os seus principios.
En Estados Unidos Goldman Sachs xa gobernaba. A crise fíxoa máis grande. No medio do balbordo das hipotecas lixo e as primas de risco, pasaron á ofensiva. Era o momento de investir a relación entre poder económico e o político. Agora serían eles os que asumisen directamente o poder formal. Os seus asesores e empregados pasarían a ser secretarios de goberno, ministros, deputados, etcétera. Os parlamentos transfórmanse en comparsas e bailan a ritmo de Telefónica, Repsol, Iberdrola, BBVA, Santander e o seu valedor Goldman Sachs.
Nada máis comezar a recesión no Estado español comezaron a dar ordes un goberno débil e sen personalidade. As reformas laboral e de pensións, xunto ao despedimento libre e o traballo lixo imponse sen chistar. O triunfo do Partido Popular pon á fronte a un partido dependente do Banco Central Europeo e a dupla Merkel, Sarkozy a Mariano Rajoy, outro alumno modélico, como inquilino da Moncloa. E para que non fiquen dúbidas de quen goberna o Estado español, nomea a un asesor de Goldman Sachs como ministro de Economía. E como sinala o manual do banco, o ascenso dos seus empregados depende só da súa capacidade do rendemento e da contribución ao éxito da empresa... Non hai sitio entre nós para os que antepón os seus propios intereses aos da firma... O lucro é importante para o noso porvir. Xa sabemos quen manda no Estado español: Goldman Sachs, coñecido baixo o alcume xenérico dos mercados. Corren malos tempos para a ética política.
[Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 10 de xaneiro de 2012]