Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
13/10/2011

Membro do Gabinete Vasco de Análise Internacional (GAIN).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Afganistán: Do inicial paseo triunfal ao «sálvese quen poida»

O décimo aniversario da invasión e ocupación de Afganistán deixa un pésimo balance para as forzas de EEUU e os seus aliados. O inicial paseo triunfal deu paso a unha fotografía máis complexa, e a vitoria «oficial» anunciada por Washington transformouse nun «sálvese quen poida».

 Esta década de ocupación de Afganistán evidencia unhas forzas estranxeiras acosadas e atacadas na maior parte do territorio e practicamente recluídas nas súas bases militares; unha resistencia heteroxénea que controla importantes zonas do país; un réxime monicreque que non ten xurisdición real máis aló das catro paredes do palacio presidencial de Kabul; unha corrupción que arrasa a todos os sectores da sociedade; a ausencia de dereitos ou, na súa falta, unha constante violación destes; un próspero negocio ao redor da produción de opio; un pulso entre diferentes actores estranxeiros para sacar tallada da situación (sobre todo das riquezas naturais e do negocio da reconstrución)...

 Desde que se puxo en marcha a ofensiva de primavera, os distintos grupos da resistencia incrementaron os seus ataques cuantitativa e cualitativamente. Este ano producíronse un 40% máis de ataques que no mesmo período do ano anterior. Os grupos talibán, baixo o liderado do mulá Omar e a «Shura de Quetta», Hezb-i-Islami de Gulbuddin Hekmatyar e a rede da familia Haqqani acabaron coa vida de importantes figuras ligadas ao Goberno de Karzai, ademais de atacar, en setembro, o British Council, a sede da OTAN e a embaixada de EEUU, entre outras sedes oficiais.

 Estas accións demostraron unha capacidade operativa que «asustou» aos ocupantes e, sobre todo, suscitou grandes dúbidas, xa que para poder levalas a cabo os seus responsábeis teñen que contar con axuda desde o interior do sistema institucional afgán, poñendo en dúbida os labores de «reconstrución» ás que repetidamente fan referencia os gobernos que impulsan a ocupación.

 Mentres que ninguén dubida do crecente protagonismo dos talibán e se constata a relativa perda de peso de Hekmatyar, a atención céntrase na chamada rede Haqqani. Este grupo, formado en torno ao lendario comandante Jalaluddin Haqqani e comandado na actualidade polo seu fillo Sirajuddinn (considerado «o dirixente militar máis perigoso» para os ocupantes), é o responsábel dos ataques dos últimos meses que máis repercusión mediática tiveron.

 Con importantes e históricos lazos nas zonas tribais de Paquistán, esta organización veu recrutando militantes do Punxab para o seu grupo, á vez que conseguiu tecer unha importante política de alianzas ao longo de todos estes anos. Desde que en 2007 adquirise o liderado, Sirajuddinn logrou coordinarse con todo un abano de posíbeis aliados, desde os militantes «árabes» de Al-Qaeda até axentes dos servizos secretos paquistanís (ISI), pero tampouco hai que esquecer que no pasado a chamada rede Haqqani contou cos favores da CIA.

 Hoxe en día algúns estrategos en Washington están buscando dotar de maior protagonismo a este grupo coa esperanza de que se converta nun rival do mulá Omar e debilite a resistencia talibán. Craso erro, porque a pesar de manter algunhas diferenzas, a alianza entrambos os grupos da resistencia segue sendo firme, como o é tamén a lealdade de Sirajuddinn cara ao líder talibán. Ademais, neste complexo panorama hai que ter presente tamén a interrelación e o protagonismo dos talibán paquistanís (Tehrik-e-Taliban Pakistan, TTP), dispostos a colaborar coa resistencia afgá a pesar de contar con axenda propia.

 O resto de actores foi resituándose ao fío das accións da resistencia. O presinte afgán, Hamid Karzai, sufriu a perda de dous dos seus aliados chave en senllos atentados. Primeiro foi o seu irmán Wali, que sustentaba as alianzas de Karzai cos grupos pashtúns. Posteriormente, produciuse a morte de Burhanuddin Rabbani, arquitecto dos contactos negociadores cos talibán afgáns. De momento Karzai apóiase nos seus dous vicepresidentes, Fahim, con influencia no norte, e Karim Khalili, líder da minoría xiíta hazara.

 Consciente de que EEUU hai tempo que o abandonou á súa sorte, e de que Paquistán busca alternativas, Karzai manobrou ao redor de India, sabedor tamén que calquera achegamento á esta potencia emerxente (e de rebote a Irán) é un arriscado movemento que pode provocar reaccións violentas en Paquistán, con consecuencias desestabilizadoras para o conxunto da rexión.

 De momento, os dirixentes indios sopesan as consecuencias de calquera paso a dar, os seus intereses en Afganistán por unha banda, pero tamén as reaccións negativas que iso podería implicar.

 Paquistán, pola súa banda, tras ser acusado publicamente por EEUU de estar detrás dos recentes ataques en Kabul sabe que o seu peso aínda é clave na rexión, e que a súa alianza con Washington non parece correr serio perigo a pesar desas acusacións públicas (hai uns días a propia Hillary Clinton volveu salientar a alianza estratéxica con Islamabad e recoñecía as dificultades internas dese país, deixando de lado un xiro nas súas relacións).

 E os líderes estadounidenses, con Obama á cabeza, están en clave electoral, e as presidenciais do ano próximo condicionarán tamén o devir da ocupación en Afganistán.

 Como sinala un analista indio, «a estratexia de EEUU en Afganistán nesta década é un continuo fracaso. Washington intenta presentar como éxitos decisivos a morte de Bin Laden e outros dirixentes de Al-Qaeda, xustificando así a desaparición desa ameaza e abrindo a porta a unha retirada».

 Porén, detrás séguese apreciando «a presenza de Paquistán e doutras forzas islamitas e jihadistas», dispostas a aproveitar calquera conxuntura favorábel para facerse co poder e a influencia en Afganistán. E nese teatro de operación desde EEUU séguese apostando, a pesar de todo, por Islamabad como aliado central.

 

[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 7 de outubro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com