
Nada en Vigo, en 1979, licenciada en Dereito
(rama económico-empresarial). Tivo un papel destacado no movemento estudantil
participando dos CAF e formando parte dos órganos de goberno da Universidade de
Vigo. Foi concelleira do BNG no último tramo da lexislatura 2003-2007. Milita
na CIG dende o ano 2002, tendo un intenso e activo labor no seo da
CIG-Mocidade.
Na rede, mantén o blog persoal Galiza_subversiva.
Esquizofrenia é unha palabra de orixe grega, schizo significa división ou escisión e phrenos mente. Esta doenza crónica caracterízase por unha mutación da conciencia da realidade e unha desorganización neuropsicolóxica, o que dificulta o mantemento de condutas motivadas e dirixidas a metas, e produce unha disfunción social.
As persoas que padecen esquizofrenia mostran, na maioría dos casos, un pensamento desorganizado con brotes de delirio e alucinacións. Ademais, presentan dificultades para elaborar novas ideas.
En base a esta definición, podemos afirmar de modo categórico, que as persoas que participaron na manifestación de “Galicia bilingüe” do pasado 8 de febreiro, padecen esquizofrenia aguda.
Debido a súa doenza ven persecución do español onde non existe e inventan unha realidade paralela onde todas as canles de televisión falan en galego, todos os xornais están en galego, todo o profesorado imparte aulas en galego... Confunden, en definitiva, agresor con agredido.
É por iso que precisan unha ducia de autobuses chegados da capital do imperio para facer unha manifestación raquítica, escoltada en todo momento pola policía. unha marcha do odio apoiada por forzas tan democráticas como a Falanxe Auténtica.
Unha manifestación kafkiana onde son detidas tres vacas por non dicir nin “muu”, onde quen defende a legalidade vixente acaba na cadea mentres quen rescata postulados preconstitucionais pasea alegremente polas rúas de Compostela, onde a policía confisca unha faixa coa lenda “8 de febreiro, día internacional do parvo”, onde...
Como moi ben indicou Castelao “despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados”.
[13 de febreiro de 2009]