Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
Entrevista a Álvaro García Linera (Bolivia): “Estamos nun proceso de descolonización lingüística, cultural e conceptual”
É un momento excepcional para América latina. Hai unha onda xeral de desneoliberalización das súas estruturas económicas e políticas, uns máis radicalmente e outros menos. Un novo protagonismo do Estado, un reforzamento das políticas sociais no país, unha procura de equilibrio entre xestión e recursos estratéxicos. É probábel que quizais nalgún país se dea un retroceso...

- Nas eleccións do domingo pasado o gobernante Movemento Ao Socialismo (MAS) gañou, pero non avanzou todo o que lle gustaría cara ao Oriente do país. Isto a que se debeu?

Eu diría que se avanzou moito. No 2005, o presidente Evo obtivo o 54 por cento do electorado, en gobernacións sacamos o 18 por cento e logramos tomar o control de tres prefecturas. Hoxe o noso voto nas gobernacións chega ao 53 por cento, pasamos de tres a seis. Gustaríanos avanzar máis, pero en termos realistas é unha triplicación da porcentaxe e unha duplicación do número de gobernacións. Igual sucedeu nos concellos: en 2004 chegamos a obter 100 alcaldías dun total de 330, hoxe soamente como MAS temos entre 240 e 250 concellos. Gustaríanos ter os 330, a quen non?, pero é unha forte presenza territorial no país, mesmo en rexións da zona do Oriente onde tiñamos cero de presenza como en Santa Cruz, onde agora imos andar polas 26 alcaldías.

- E que pasou coa alcaldía da Paz, que quedou en mans do ex aliado do MAS, Movemento Sen Medo?

Gustaríanos gañar. En 2005 nin sequera gañamos a prefectura e un anos antes perdemos a alcaldía. O que pasa que en eleccións municipais e rexionais entran en xogo outros elementos. Non se puxeron en xogo proxectos de sociedade, de Estado nin de economía, senón o ámbito doméstico da xestión municipal. Máis que unha elección de carácter político foi unha votación en torno a personalidades locais vinculadas coa capacidade de xestión local. A oposición presentou un candidato cunha boa experiencia, fronte á candidata nosa que non tiña esa traxectoria.

- Semella evidente que foi pola ruptura co MSM e este chamado do presidente a votar só polo partido gobernante.

É probábel que inflúa esta separación. Maior experiencia, maior coñecemento deles. Fixeron unha xestión interesante na alcaldía e a xente votou a continuidade. Foi unha vitoria do MSM pero, como lle dixen, en ningún momento estivo en xogo un proxecto de sociedade, senón no desenvolvemento urbanístico das cidades.

- Que responde ás críticas que se lle fai ao goberno de que existe un personalismo de Evo Morales e que o partido transformouse no único posíbel?

En ningún momento o MAS ten a intención de se converter en partido único, porque mesmo internamente é unha coalición de múltiples movementos: campesiños, indíxenas, de barrio, obreiros, en si mesmo é a expresión da ampla diversidade de clase e cultural da nosa sociedade. Dentro hai pluralidade, nós estamos convencidos da importancia da pluralidade política. Buscamos unha maior presenza territorial para mellorar a xestión. Tivemos gobernadores que se dedicaron a facer golpes de estado e non a xestionar. Téndose resolto o gran debate político estrutural de que tipo de sociedade desexamos construír gustaríanos que avance a industrialización, porque temos bos recursos. Queremos que a modernización avance rápido, sen os obstáculos que tivemos en 2007, 2008 e 2009.

- E cara a onde vai este proceso socialista?

Son tres alicerces de transformación estrutural que foron definidos pola Constitución: a plurinacionalidade, o réxime de autonomías e a economía social comunitaria. Inauguramos unha Constitución que establece que o noso Estado é plurinacional, que as culturas, os idiomas e os saberes diversos da poboación teñen igualdade e o recoñecemento no ámbito público. Isto ten que se volver práctico no ámbito escolar, na publicación de textos, na aprendizaxe do idioma indíxena por parte dos funcionarios públicos; é un proceso de descolonización lingüística, cultural e conceptual. A desconcentración do Estado é o Estado autonómico. Celebramos a elección de gobernadores na que a asemblea departamental foi electa e non elixida a dedo. E non soamente elixir autoridades. É facer acordos e pactos fiscais, compatibilizar funcións, en España andan 30 anos mellorando ese proceso. O terceiro eixo é o da economía social comunitaria, dunha modernidade tridimensional, que é no ámbito dos recursos naturais procesos de industrialización acelerada. Minerais, gas, auga: uso e xestión industrializada, primeira dimensión. Segundo, que as empresas pequenas vexan potenciadas as súas iniciativas e o terceiro é o comunitario. Que sexa un uso común dos recursos naturais. Potenciar, irradiar e liberar as forzas comunitarias que existen nas estruturas agrarias. Na medida en que as tarefas as conduzan os movementos sociais, pode levar a un horizonte socialista poscapitalista, como horizonte a longo prazo.

- Canto afecta a este proceso a crise mundial?

Bolivia foi a economía que máis creceu o ano pasado en América latina por dous motivos. O primeiro é a énfase na importancia do mercado interno a través da ampliación da demanda, as políticas sociais aos máis excluídos, aos asalariados, aos sectores agrícolas, que ampliaron o consumo de bens e de servizos e iso dinamizou a economía. A metade do crecemento débese á propia dinámica da demanda interna. Unha parte do excedente económico da explotación dos recursos naturais retense no país. No 2005, a porcentaxe da ganancia do gas co que queda o Estado era do 30 por cento, actualmente é entre o 68 e o 80. O outro tema son as reservas internacionais. Cando chegamos ao goberno eran de 1.700 millóns de dólares, hoxe temos 8.500 millóns de dólares. Hai unha retención ao excedente que lle permite, aínda en tempos de crises, dispor de fluxos monetarios que poden ser utilizados polo Estado para dinamizar a economía tanto nas exportacións como suplindo a caída de prezos ou no ámbito do consumo interno. Crecemos un 3,5 por cento, sen crise creceríamos máis. Reducimos a pobreza extrema en oito puntos en tres anos.

- Como ve as relacións con Arxentina?

Moi cordiais. Non podemos deixar de valorar o apoio que nos deron o Goberno e o pobo arxentinos en momentos complicados. Unha vez na confrontación coas empresas petroleiras, cando fixemos a nacionalización que nos permitiu aumentar a retención, as empresas ameazaron con deter a explotación dos campos e o goberno arxentino dixo que nos apoiaba, financeiramente se era necesario. Outra vez foi cando se deu o golpe de estado no 2008 por parte da coalición cívica e rapidamente se realizou un encontro de urxencia da Unasur para apoiar a democracia en Bolivia. Aquilo foi decisivo para derrotar as tendencias golpistas e antidemocráticas. Arxentina é un irmán que acompaña os procesos de transformación no marco da soberanía.

- Como ve a rexión, agora que en Chile cambiou o signo político e é probábel que aconteza en Brasil?

É un momento excepcional para América latina. Hai unha onda xeral de desneoliberalización das súas estruturas económicas e políticas, uns máis radicalmente e outros menos. Un novo protagonismo do Estado, un reforzamento das políticas sociais no país, unha procura de equilibrio entre xestión e recursos estratéxicos. É probábel que quizais nalgún país se dea un retroceso. Iso é xustamente o previsíbel. Os países non son soldados, teñen ritmos distintos, pero hai un humor colectivo, un sentido de cara a onde se ten que ir. O sentido da época é cara á diante. O feito de que cada un dos nosos países busca vías propias abandonando o receitario neoliberal dos noventa fai que cada país enfronte de mellor xeito a baixada da economía mundial.

- Melloraron as relacións con Estados Unidos coa administración Obama?

Non, infelizmente, non. A nova xestión de Obama trouxo esperanza porque pensabamos que podía haber un xiro de temón nesa actitude antagonista e en momentos conspirativa que tivo a administración Bush contra nós. Pero non sucedeu. Atopamos unha continuidade desas políticas: segue a chantaxe, segue a presenza de distintos despachos do Estado norteamericano e os seus intermediarios para se entremeter no noso país recrutando dirixentes sociais, inculcándolles unha formación deformada do concepto de democracia e de desenvolvemento, promovendo divisións no interior dos movementos sociais, deixando de lado as súas responsabilidades na loita contra o narcotráfico, facendo que recaian todos os gastos no noso país. E noutras partes do continente Estados Unidos incrementa a súa presenza militar coas bases en Colombia, o aumento de efectivos en Perú, o uso de forzas armadas de xeito innecesario na crise haitiana. O apoio ao golpe en Honduras. Non vemos un cambio de actitude co continente e menos cara a Bolivia. Continúa a actitude contenciosa e agresiva. A pesar diso nós tendemos a man.

- En Arxentina aprobouse unha lei que apunta a desmonopolizar os medios de comunicación. Prevén impulsar algún proxecto neste sentido?

Foi un gran avance o que aprobou Arxentina. En Bolivia hai un debate interno dos xornalistas para modificar a lexislación sobre os medios de comunicación. Máis que a concentración de medios, existe unha partidización que é igual de nefasta. Ante o colapso dos partidos tradicionais, algúns medios, amparándose na liberdade de expresión, converteron as súas canles de televisión e radios en plataformas de campaña política permanente. Denunciamos ese feito e esperamos un debate do gremio dos xornalistas. Vémolo saudábel. Nalgún momento ese debate na sociedade civil podería trasladarse a unha norma legal. É importante que emerxa como iniciativa da sociedade civil para que non sexa asumida como unha intromisión.

[Entrevista tirada do xornal arxentino ‘Página 12’, do 10 de abril de 2010]

cig.prensa@galizacig.com