
Historiador, nado en Bos Aires en 1928, doutor en Ciencias Políticas pola
Universidade de París, é columnista do xornal mexicano La Jornada e foi profesor
da Universidade Nacional Autónoma de México e da Universidade Autónoma Metropolitana,
unidade Xochimilco. Entre outras obras publicou: Polonia: obreros, burócratas, socialismo
(1981), Ética y Rebelión (1998), El Istmo de Tehuantepec en el Plan Puebla
Panamá (2004), La protesta social en la Argentina (1990-2004) (Ediciones
Continente, 2004) y Zapatistas-Un mundo en construcción (2006).
Evo Morales, como Salvador Allende, non enfronta a unha oposición democrática que acepte o marco constitucional, senón a un bloque golpista das clases dominantes -a principal forza capitalista- e o imperialismo, protector daquelas.
O referendo secesionista de Santa Cruz, en efecto, foi unha media derrota da dereita, xa que entre a abstención, os votos en branco non nulos ou os votos contrarios, a metade do electorado rexeitou a manobra. Pero foi tamén unha vitoria do golpismo xa que o goberno non tivo nin unha posición firme nin única ante a votación ilegal e, sobre todo, porque a dereita mantivo a súa ofensiva coa súa política de feitos de forza consumados, estimulando así non só os referendos sucesivos doutros departamentos, senón tamén toda clase de presións e complots subversivos.
Porque non hai que se enganar sobre o que está en xogo. O obxectivo da dereita non é tanto a secesión da Media Lúa (esa sería a súa posición de repregamento, se se mantivese sen cambios o empate catastrófico actual) canto a reconquista do poder político en Bolivia, aproveitando a fondo o poder económico, social, mediático e cultural que non perdeu. Ou sexa, busca unha Bolivia unida, pero dominada pola minoría capitalista, branca e racista, logo de esmagar a “indiada” sublevada e que pretende a igualdade.
Todos os esforzos políticos e mediáticos desa dereita van dirixidos a gañar ou neutralizar unha parte das clases medias urbanas cholas ou mestizas e, sobre todo, a parte uniformada e armada destas (os mandos medios e altos das forzas armadas). O que Bolivia enfronta hoxe é, xa que logo, un intento prolongado de golpe, cunha parte pública -os referendos, as manifestacións, as proclamas da prensa- e outra clandestina, visitando cuarteis e a embaixada de Estados Unidos, onde se está tecendo a arañeira dunha sanguenta ditadura.
Evo Morales, como Salvador Allende, non enfronta a unha oposición democrática que acepte o marco constitucional, senón a un bloque golpista das clases dominantes -a principal forza capitalista- e o imperialismo, protector daquelas. E, se non constrúe unha relación de forzas políticas e sociais que lle permita esmagar os golpistas antes de que se fortalezan demasiado, podería caer como Allende ou como caeu a República española ante os sublevados fascistas, aínda que combata amparándose na Constitución, a vontade maioritaria, as leis e a xustiza.
É urxentísimo por conseguinte tomar a ofensiva política e social, dar obxectivos claros e a impresión de que o goberno está unido sen vacilacións detrás da súa obtención, dar aos oprimidos os medios materiais para o seu autodefensa (o cal, ademais, meterá medo aos aventureiros conspiradores e fará que pensen mellor no seu propio futuro), dirixir un esforzo político especial cara ás bases das forzas armadas e cara ás clases medias urbanas e rurais para facer que vexan que a dereita ameaza a independencia do país e a súa soberanía sobre os recursos naturais.
É falso que se gaña a dereita deberá esperar quince anos antes de reformar a Constitución. Para os golpistas en potencia, esta é un anaco de papel mollado, é nula e nulos son tamén os dereitos e conquistas dos indíxenas maioritarios e de todos os oprimidos e explotados, e no caso dunha vitoria dereitista, só posíbel derrotando a sangue e lume ás maiorías, os parlamentarios e membros do goberno actual non pasarían á oposición senón aos cemiterios ou, con moita sorte, ao exilio. A loita que Estados Unidos afronta e impón é a matar e os racistas capaces de escravizar indios falan de dereitos (para eles), pero néganllelos a todos.
Xa que logo, ao mesmo tempo que leva a cabo unha vasta reforma agraria e o referendo sobre a cantidade de hectáreas que poida ter un terratenente, como fixo Lázaro Cárdenas, que non era socialista, nos anos 30, hai que dar aos campesiños armas modernas e organización militar para defender a democracia e non depender só dun feixe de simbólicos Ponchos Vermellos mal armados, senón de enteiros batallóns obreiros e campesiños con poder de lume, porque “a Constitución é só un anaco de papel que está na boca dun canón”. Para evitar a guerra civil, se aínda se puidese, hai que demostrar non temela e, ademais, meterlle ao inimigo un san medo sobre o seu desenlace.
O goberno indíxena e popular está á cabeza dun Estado que aínda é capitalista e no que o poder económico e a hexemonía están nas mans dos seus inimigos de clase e nese Estado as clases enfróntanse con violencia e en desorde do mesmo xeito que as institucións. Evo non ten realmente o goberno da sociedade nin moito menos o poder, que require ademais gañar o consenso activo das maiorías e elevar a súa consciencia a un nivel colectivo superior. Aínda está tratando de unir as etnias-clase oprimidas nun proxecto de transformación nacional.
Pero este exixe rachar cos poderes locais oligárquicos e desarmar as súas forzas de choque apelando para iso ás leis e a Constitución e aos organismos legais destinados á represión dos delitos, reforzados se é necesario pola cidadanía en armas, por unha Garda Nacional que podería acompañar a unidades militares nesta tarefa. Esta non é a hora do acougo nin da conciliación en prol do soño imposíbel da unidade nacional. Uns bolivianos -a oligarquía- non só non queren unirse cos outros, senón que tamén os consideran inferiores, animais, “llamas”. É a hora da organización, dos obxectivos claros e precisos, de conseguir para as clases populares bolivianas “o monopolio da violencia lexítima” e legal contra os seus explotadores, case sempre estranxeiros, pero con séquito en sectores de clase media local, do esmagamento no ovo mesmo, antes de que este faga eclosión, da inmunda besta cívico-militar golpista incubada pola embaixada ianqui.
[Artigo tirado do web do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 11 de maio de 2008]