Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
13/5/2009

Sociólogo e científico social histórico estadounidense, nado en Nova York en 1930. De filiación marxista, ntre as súas achegas está a teoría do sistema-mundo. Foi profesor de socioloxía na Universidade de Binghamton até a súa xubilación en 1999, así como director do Centro Fernand Braudel para os estudos económicos, sistemas históricos e civilización. Na actualidade, escribe os seus comentarios quincenais no sitio web do Fernand Braudel Center.

Entre os seus numerosos libros pódense salientar: The Modern World-System (vol. 1, 2 e 3), Historical Capitalism (1983), The Politics of the World-Economy. The States, the Movements and the Civilizations (1984), Geopolitics and Geoculture: Essays on the Changing World-System (1991), After Liberalism (1995), Decline of American Power: The U.S. in a Chaotic World (2003) ou European Universalism: The Rhetoric of Power (2006).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Cuba-Estados Unidos: o lento desxeo

Despois de case 50 anos de hostilidade incesante cara ao goberno revolucionario de Cuba, Estados Unidos deu o seu primeiro paso cara a un desxeo nas relacións. O goberno cubano respondeu con cautela e escepticismo, pero deixou a porta aberta a esta posibilidade. Algúns comentaristas atribuíron esta nova situación a un cambio no liderado de ambos os países. A explicación real descansa moito máis nun cambio na situación xeopolítica, no sistema-mundo como un todo e en América Latina en particular.

Os revolucionarios cubanos asumiron o poder en xaneiro de 1959. As relacións con Estados Unidos deterioráronse moito no lapso dun ano. En marzo de 1960, o presidente Eisenhower ordenou preparar unha invasión de exiliados cubanos para derrocar o goberno de Cuba. En marzo de 1961, ao pouco de chegar a presidente, John F. Kennedy aprobou unha versión revisada do plan Eisenhower. O plan desenvolveuse un mes despois. Coñécese como a invasión de Bahía de Cochinos (Praia Girón). Durou uns cantos días e foi un fracaso militar para os invasores apoiados por Estados Unidos.

En xaneiro de 1962, Estados Unidos propuxo na reunión da Organización de Estados Americanos (OEA) que Cuba fose expulsada. A proposta de Estados Unidos aprobouse por 14 dos 21 membros, apenas as dúas terceiras partes necesarias para que pasase. Cuba votou que non e abstivéronse outros seis países latinoamericanos. O argumento principal para a suspensión foi que Cuba anunciara a súa adhesión ao marxismo-leninismo, que se considerou incompatíbel coa súa pertenza á OEA. Ademais, Estados Unidos lanzou un embargo total ás relacións comerciais con Cuba e buscou a aquiescencia con este boicoteo dos aliados da OTAN en Europa occidental e dos estados latinoamericanos.

Outubro de 1962 marcou a moi dramática crise dos mísiles cubanos. A Unión Soviética colocou mísiles nucleares en sitios da illa. Estados Unidos esixiu que fosen retirados. O mundo temeu que estivésemos no comezo dunha guerra nuclear. Ao final, a Unión Soviética retirou os mísiles, supostamente a cambio dun compromiso secreto de Estados Unidos de que non apoiaría ningunha invasión máis a Cuba. O goberno cubano indicou o seu desacordo coa decisión da Unión Soviética, pero mantivo as súas boas relacións con ese goberno.

Como resulta evidente, o principal elemento na hostilidade estadounidense cara ao goberno cubano debeuse a consideracións da guerra fría. De aí en diante, o goberno de Estados Unidos puxo presión constante nos seus aliados da OTAN e nos estados latinoamericanos para que cortasen todos os seus vínculos con Cuba, lazos que, un por un, case todos cortaron.

Ao mesmo tempo, houbo un número crecente de exiliados cubanos en Estados Unidos. Estes exiliados estaban decididos a derrocar o goberno cubano, e organizáronse politicamente para garantir un forte apoio a esta idea por parte do Congreso e do goberno estadounidense. Durante os primeiros 30 anos, este esforzo tivo máis e máis éxito.

Contra esta hostilidade, o goberno cubano buscou alianzas non só con países do así chamado bloque socialista senón con gobernos e movementos revolucionarios no chamado terceiro mundo. Exportou aos países do terceiro mundo o seu capital humano en forma de médicos e profesores ben capacitados. Ofreceu axuda militar crucial ao goberno da Angola independente, que daquela loitaba contra os invasores do goberno de Sudáfrica, promotor do apartheid. As tropas cubanas axudaron a derrotar os sudafricanos na crucial batalla de Cuito Carnavale en 1988.

A situación cambiou por completo nos anos 90, de tres xeitos cruciais. O primeiro novo elemento foi o colapso da Unión Soviética. Isto significou que as consideracións da guerra fría se volvesen irrelevantes. Significou tamén que Cuba sufrise grandes penurias económicas nos anos 90 debido á fin da asistencia económica ruso/soviética, e que tivese que axustar o seu programa interno.

O segundo novo elemento, especialmente evidente na presidencia de George W. Bush, foi a forte decadencia do poderío xeopolítico estadounidense. Isto desatou un serio revés na política latinoamericana, coa suba ao poder de gobernos de centroesquerda nun país tras outro. Unha por unha, todas estas nacións empezaron a reestabelecer relacións con Cuba e chamaron a pórlle fin ao boicoteo estadounidense e á reintegración de Cuba á OEA.

O terceiro elemento foi unha marcada transformación no escenario político estadounidense. Por vez primeira, comezou a falarse con seriedade do fracaso das políticas estadounidenses cara a Cuba. Houbo presión dos agricultores que se interesaron en conseguir o dereito de vender os seus produtos en Cuba. Isto obtivo respaldo de moitos senadores republicanos, incluído, de xeito salientábel, Richard Luger, o decano republicano no Comité de Relacións Exteriores do Senado.

Máis importante aínda foi o feito de que, logo de 50 anos, a comunidade de exiliados en Cuba evoluíse nos seus puntos de vista políticos. Un gran número de cubano-estadounidenses máis novos comezaron a argumentar en favor do seu dereito a viaxar a Cuba, enviar diñeiro aí e estabelecer un intercambio libre e aberto.

Cando Barack Obama chegou á presidencia, recibiu algunhas presións para emprender o desxeo nas relacións cubano-estadounidenses. Isto fíxoo mediante varios xestos iniciais, desfacendo as restricións ás remesas familiares e ás viaxes que o seu predecesor impuxera.

Que lonxe está disposto a chegar Obama para mellorar as relacións é algo que non sabemos aínda. Pero mentres que hai apenas 10 anos as presións políticas internas en Estados Unidos estaban esmagadoramente en favor dun boicoteo económico, hoxe a sociedade e os políticos están divididos. E debido á evolución da opinión latinoamericana e o tamaño crecente da poboación latina en Estados Unidos, é probábel que a opinión pública evolucione aínda máis nun ou dous anos por vir.

A reacción de Cuba foi prudente. Fidel Castro explicouno ben o 5 de abril. Dixo que os acenos e afirmacións de Obama estaban destinados primordialmente á sociedade estadounidense e expresaban a opinión dun presidente de Estados Unidos. Sen dúbida é moito mellor que Bush e McCain (algo que moitos críticos de esquerda non queren admitir de Obama), pero Obama está constrinxido polas realidades. O imperio é moito máis poderoso ca el e as súas boas intencións.

Así que Cuba está explorando con cautela que lonxe quere chegar Estados Unidos. Hai discusións diplomáticas de nivel baixo que xa están en curso. O goberno de Obama ten presións que empurran cara ao desxeo. O goberno de Castro ten presións en América Latina en favor dun desxeo. Se as realidades xeopolíticas continúan evoluíndo na dirección que se encamiñaron nos últimos anos, non é imposíbel que Cuba e Estados Unidos logren relacións diplomáticas normais. Non hai dúbida de que ambos continuarían tendo perspectivas diferentes con respecto do mundo, e que prosigan diferentes obxectivos, pero iso é certo para case todas as relacións bilaterais. Lograr unha situación en que as relacións entre Cuba e Estados Unidos fosen unhas de dignidade e respecto mutuo sería un gran avance con respecto ás relacións dos pasados 50 anos.

[Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 10 de maio de 2009]

cig.prensa@galizacig.com