Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
13/6/2011

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Outra labazada aos traballadores

O decreto lei sobre a negociación colectiva e a normativa sobre os EREs son un novo pau á clase traballadora. Hai décadas que o PSOE e o PP asumen a globalización neoliberal, só se distinguen na radicalidade da súa aplicación, e ambos coidan que hoxe o movemento obreiro está definitivamente debilitado.

 Fortalece esta tendencia, a hexemonía das clases dominantes nos medios de comunicación, porén tamén unha maioría sindical (CC.OO e UGT) que renuncia a utilizar a mobilización da clase traballadora, agás en momentos moi conxunturais e conflitos localizados. O derrotismo é patente, e neste contexto de agudización da loita de clases resulta unha actitude suicida.

 Os acordos tomados polo Consello de Ministros son claramente unha nova pancada ás condicións de traballo e vida da clase traballadora. Ábrese paso ao despedimento libre, con só 20 días de indemnización por ano traballado. A normativa facilita ás empresas os despedimentos colectivos (EREs). A tramitación administrativa non garante ningunha limitación e control, lembremos a opacidade das empresas en materia económica, como reflicte a existencia dun 23% de economía mergullada. A aceleración do trámite acentúa este problema.

 Na reforma prímanse os convenios de empresa fronte aos de sector, para adaptalos ás necesidades dos empresarios. Quérese retallar na pequena empresa e nas que carecen de forza sindical, salarios e condicións laborais. Nos convenios de sector provinciais é onde se produce maior mobilización, polo que se acadan grandes avances; e nos que destaca a presenza do sindicalismo nacionalista.

 Con esta medida quérese debilitar ao movemento obreiro e, co tempo, rebaixar as condicións laborais no conxunto do mundo do traballo. Para conseguir este obxectivo global tómase ademais a decisión de limitar o tempo de negociación (e polo tanto a conflitividade), de oito a 14 meses segundo a duración do convenio. En caso de desacordo, como durante o franquismo, a obrigatoriedade do laudo. Deste xeito, nesta correlación de forzas global, ao final dun convenio hai moitas posibilidades que as condicións de traballo e os salarios sexan inferiores.

 A flexibilidade na xornada, dun mínimo do 5%, coloca aos traballador durante moitos días ao ano ao servizo das arbitrariedades da patronal. Por se non fora abondo, permítese o descolgue salarial no convenio cando a empresa “teña dificultades e poñan en perigo o mantemento do emprego”. Chama a atención que nestes casos o Goberno non teña en consideración os grandes salarios e lucros de directivos e empresarios. Porque hoxe moitas empresas non son viábeis porque a cobiza duns poucos mata o proxecto, tamén a incompetencia.

 En realidade bótanse todos os custes da burbulla inmobiliaria e as débedas exteriores enriba da clase traballadora. Para as grandes fortunas e altos directivos non hai crise, cada vez gañan máis.

 

[Artigo tirado do sitio web de ‘Xornal’, do 13 de xuño de 2011]

cig.prensa@galizacig.com