Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
Entrevista a Alberto Montero Soler: “Non se pode desbotar que acabemos pagando todos o proceso de reestruturación financeira"

Europa cre no capital. Xa o diciamos fai anos: esta non é a Europa dos Cidadáns senón a Europa do Capital. Nestes momentos estámolo comprobando a cada paso que se avanza na “resolución” da crise. Todo apunta a un intento de consolidar unha Europa de dúas velocidades, cun núcleo que anda espoliando financeiramente á periferia e que agora aposta pola maior integración política mentres deixa fóra as economías menos avanzadas da Eurozona.

- Rescate, intervención, axuda desinteresada. Que termo che parece máis acaído?

 Desde o goberno estano chamando de diferentes formas recorrendo aos eufemismos máis esperpénticos pero só se pode denominar apropiadamente dunha forma posíbel: trátase dun rescate en toda regra. Non hai máis, a pesar de que se tenta vender argumentando que se circunscribe exclusivamente ao sistema financeiro e que a condicionalidade que impón (é dicir, as condicións que debe cumprir a parte receptora) tamén se cingue ao sistema financeiro.

 Porén, a declaración do Eurogrupo [1] explicita que a condicionalidade non se cinguirá só ao sistema financeiro senón que afectará tamén á evolución das reformas estruturais e ao proceso de equilibrio fiscal, é dicir, estenderase ao conxunto da economía. Diso non nos debe quedar a máis mínima dúbida.

- A máis mínima dúbida?

 A máis mínima.

- Sexa unha cousa ou a outra, quen foi rescatado, axudado ou intervido? España? O sistema financeiro español?

 Aínda que en termos técnicos o rescate cinguiríase aparentemente ao sistema financeiro nun sentido amplo podemos afirmar que foi rescatada España, no seu conxunto. Por que?

 En primeiro lugar, porque aínda que condicionalidade do rescate se cinguise exclusivamente á intervención directa sobre o sistema financeiro, non por iso deixa de ser unha intervención externa sobre un ámbito de exercicio da soberanía española, o que xa permitiría afirmar que foi intervida España.

 En segundo lugar, porque como sinalei na resposta anterior, a declaración do Eurogrupo contradí o que anunciaron de Guindos e Rajoy e estende a supervisión ao proceso de consolidación fiscal e as reformas estruturais. Precisamente, desde a Comisión vénse instando a España a que aumente o IVE, amplía a idade de xubilación ou afonde na reforma do mercado de traballo. Xa veremos canto tardan en aplicarse esas reformas.

 E, en terceiro lugar, porque a medida que se dispoña dos fondos para reestruturar o sistema financeiro, haberá que atender ao pagamento dos xuros desa débeda (seica, o tipo de xuros situarase en torno ao 3%). Isto significa que, dado que existe un compromiso de redución do déficit público a medio prazo, deberá detraerse o diñeiro doutras partidas orzamentarias e xa sabemos que aí as de gasto social adoitan ser as grandes damnificadas.

- Quen nos (perdón polo “nós”) deixou esta cantidade que se aproxima ao 10% do PIB español? Que institución a recibirá?

 En principio, préstannola a través dos dous fondos de rescate que creou Europa. O primeiro, a Facilidade Europea de Estabilidade Financeira, ou fondo de rescate temporal; e o segundo é o Mecanismo Europeo de Estabilidade, ou fondo de rescate permanente, e que entrará en vigor o día 1 de xullo. O diñeiro deses fondos proveñen tanto das achegas dos Estados membro como do endebedamento destes e, no caso español, usaranse recursos de ambos os fondos.

 O diñeiro canalizarase en España a través do FROB (Fondo de Reestruturación Financeira Bancaria), creado ao comezo da crise e que é unha institución pública (grazas a iso puido articularse o rescate por esta vía). O FROB será o encargado de inxectar os recursos nas institucións que o soliciten, ben en forma directa de capital ben a través de instrumentos convertíbeis, isto é, obrigacións que poden converterse en capital.

- Comentaches antes algo pero déixame insistir: a que xuros se prestou? Cando hai que empezar a devolver?

 Aínda non se coñecen os detalles pero fálase dun tipo de xuros do 3%, que se adoita contrapor ao tipo de xuros do 6% para vender que se está accedendo aos fondos nunhas condicións moi vantaxosas. Porén, non se di que o BCE inxectou aos bancos, entre finais de 2011 e primeiros de 2012, un billón de euros a un 1%.

 Os prazos de devolución aínda non se estableceron.

- Por que non se acudiu aos mercados?

 Porque se trata dunha cantidade á que moi dificilmente podería acceder o Estado español nestes momentos. O clima de desconfianza sobre a economía española, dado a súa profunda deterioración, é tan elevado que os mercados están prestando aos poucos e esixindo uns tipos de xuros imposíbeis de asumir por España.

- Insisto noutro punto que tamén apuntaches. O préstamo outorga algún poder sobre a nosa economía ás institucións prestatarias? Que poder?

 De entrada, a Comisión Europea, o Fondo Monetario Internacional e o BCE enviarán os seus técnicos, os “homes de negro” aos que se refería o ministro Montoro hai uns días, para que supervisen e controlen o proceso de reestruturación do sistema financeiro.

 E, doutra banda, e como sinalaba máis arriba, o Eurogrupo deixou claro que manterá unha supervisión moi estrita sobre a economía e o grao de avance no proceso de consolidación fiscal.

 Todo iso se traduce, basicamente, en que España está intervida e a súa soberanía se vendeu por 100.000 millóns de euros.

- Quen terá que devolver a cantidade prestada? En que momentos?

 En principio, as cantidades prestadas deben ser devoltas polas entidades que as demanden, mais, non caso de non poderen atender a devolución ao seu vencemento, é o Estado o responsábel subsidiario directo. Polo tanto, pódese dar, e non é en absoluto descartábel, que acabemos pagando todos o proceso de reestruturación financeira.

 Os prazos para a devolución aínda non foron fixados pero estímanse ao redor dos tres anos.

- Que bancos poderán acceder a esa “axuda”? En que consiste a limpeza que van emprender?

 Poderán acceder a esa axuda todas as institucións bancarias que o soliciten para se sanear, capitalizar e reestruturar. Iso significa que, basicamente, emprenderán un proceso de recorte dentro do sistema financeiro que pasará pola redución do número de oficinas e o despedimento de traballadores no sector. Igualmente, é previsíbel que teñan lugar algunhas fusións con cargo aos devanditos fondos e, mesmo, poderíase chegar a dar o caso que algunha delas se liquidase.

- Que mapa fas do sistema financeiro español nos próximos anos?

 Pois un mapa moito máis despexado; con bastantes menos entidades e, polo tanto, con máis poder acumulado en cada unha delas. Un panorama do que desaparecería todo indicio de banca pública e, polo tanto, de democratización de acceso ao crédito. Un mapa do que xa desapareceron a meirande parte das caixas de aforro e que, polo tanto, aboca a miles de persoas á exclusión financeira.

- Na primeira páxina do diario imperial-global podía lerse a mañá do domingo: “Europa volve crer”. En que cre Europa?

 Europa cre no capital. Xa o diciamos hai anos: esta non é a Europa dos Cidadáns senón a Europa do Capital. Nestes momentos estámolo comprobando a cada paso que se avanza na “resolución” da crise. Todo apunta a un intento de consolidar unha Europa de dúas velocidades, cun núcleo que anda espoliando financeiramente á periferia e que agora aposta pola maior integración política mentres deixa fóra ás economías menos avanzadas da Eurozona.

- A pregunta do millón: que escenarios enxergas para a economía española a curto prazo? Estamos tocados, feridos e afundidos?

 O meu prognóstico é moi pesimista. A reestruturación bancaria non pode traer a relaxación do crédito, como se dixo, porque é imposíbel que á vez que se están redimensionando as institucións cara a unha escala menor se fomente o incremento do crédito. O primeiro que farán os “homes de negro” será reducir o cociente de créditos con respecto aos depósitos e iso implica, necesariamente, un maior esganamento financeiro.

 Na medida en que non se reactive o crédito, as perspectivas de empeoramento da economía agravaranse; o desemprego seguirá a subir tras a lixeira mellora estacional que se produce no verán e o proceso de deterioración da economía española seguirá en picado. Que ninguén pense que chegamos ao final do buraco; o pozo aínda é máis profundo.

- Na túa opinión, que debe facer a cidadanía? Crer as bondades da “axuda”? Aceptala resignada? Resúmoo se queres en termos leninistas: que facer?

 Á cidadanía, a estas alturas de deterioración da situación económica, de perda de lexitimidade das institucións democráticas, de encapsulamento na trampa do bipartidismo só lle queda unha opción: esixir un proceso constituínte que permita recompor as regras do xogo sobre outra base. A iso conduciron os procesos de axuste estrutural impostos polo neoliberalismo nos anos noventa en América Latina e cara a iso parece que estamos abocados nós. Esperemos que se produzan antes de asistir ao empobrecemento masivo da nosa clase media.

_____________________________________________________________________

[1] http://www.elconfidencial.com/archivos/ec/2012060944eurogrupo.pdf 

_____________________________________________________________________

 

[Entrevista tirada do sitio web ‘Rebelión’, do 11 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com