Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
13/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O rescate: instrucións de uso

- Rescatou a UE o Estado español? A Unión Europea prestará 100.000 millóns de euros para sanear os bancos españois e rescatar o noso sistema financeiro da insolvencia. Para salvar eses mesmos bancos que levaban uns meses conectados á sonda do BCE. Sen os 100.000 millóns non sobrevivirían porque o Estado español non ten de onde sacar ese diñeiro. Pois non. “Non ten nada que ver cun rescate. Pídese apoio financeiro”, di De Guindos. Rescatan os bancos, pero non é un rescate. Agora enténdoo.

- Conseguiu, por tanto, o Goberno o seu obxectivo de que a axuda fose directamente aos bancos e non afectase ás finanzas nacionais? Non. O diñeiro irá ao FROB, é dicir, ao Estado. E é xa que logo o Estado quen o ten que devolver. Se algún banco non pode cumprir coas súas obrigas, o España aválao. Iso é o que quería Alemaña.

- Que condicións pide a UE a cambio de tamaño dispendio? “Non hai condición macroeconómica, fiscal, fóra do sector financeiro”, di De Guindos. O que quere dicir o ministro é que, en principio, non se somete o Estado español á intervención directa nas súas finanzas que sufriron Grecia, Irlanda e Portugal. É un agasallo? A tanto chega a relación tan estreita de Merkel e Rajoy?

 Non, obviamente hai condicións. En primeiro lugar, no saneamento do sector financeiro. Hai razóns de peso para dubidar de que a UE acepte que Rita Barberá presione a Bankia para que sobreviva a “valencianidade” (sic) de Bancaja. Ou para permitir que sigan existindo caixas de aforros, transmutadas en bancos zombis, sostidas por criterios políticos.

 Pero ademais no comunicado do eurogrupo hai unha referencia, coa ambigüidade habitual neste tipo de mensaxes, sobre a situación “macroeconómica” do Estado español (o destacado é meu).

 “O Eurogrupo confía en que España respectará os seus compromisos de conformidade co procedemento de déficit excesivo e en relación coas reformas estruturais. Co obxectivo de corrixir os desequilibrios macroeconómicos no contexto do semestre europeo, vixiarase de preto e de forma periódica o progreso nestas áreas ao mesmo tempo que se proporcione a axuda financeira”.

 Haberá quen diga que isto o levan facendo desde hai tempo. Si, pero cando empeñaches 100.000 millóns na aposta é probábel que esa vixilancia sexa moito máis intensa.

- Había outra alternativa? “Isto é un empréstito en condicións moi favorábeis, máis favorábeis que as do mercado”, di De Guindos. Obvio. Cunha prima de risco por volta dos 500 puntos, o Estado español ten dabondo con conseguir diñeiro nos mercados para financiar a súa débeda soberana. A idea de que puidese ademais emitir débeda para salvar os bancos era sinxelamente irreal.

- Só o 30% do sistema financeiro español terá que recorrer a estes créditos? Oxalá, mais é pouco probábel que a Casa Branca, a Comisión Europea, o BCE e o Goberno alemán se mobilizasen para salvar a Bankia e uns cantos bancos zombis máis. Por iso, a cifra comprometida é moi superior á citada polo informe do FMI.

- Evitou o Goberno o bico da morte do FMI? Por aí, o Goberno conseguiu parar a decisión que o deixou sen argumentos. O FMI non pon diñeiro e xa que logo non ten unha intervención directa (só asesora, con independencia do que signifique a palabra) na revisión do rescate. No terreo propagandístico, evitará que se use a temida palabra “troika”, símbolo da perda de soberanía que sufriron outros países.

- Fin da crise? Nin de lonxe. Empezarémolo a saber a partir do luns, pero sería conveniente non tirar conclusións apresuradas. O día despois do rescate de Irlanda foi unha desfeita nos mercados. Ao día seguinte do primeiro rescate de Grecia, a reacción foi positiva, e xa sabemos o que ocorreu despois.

 O Estado español pódese ver co diñeiro suficiente para rescatar o seu sistema financeiro mais ao mesmo tempo descubrir que os mercados só están dispostos a aceptar un tipo de xuros moi superior ao 6% para comprar os seus bonos a dez anos até que chegue o día en que teña que se render. Quen se pode fiar da reputación financeira dun país que non pode apoiar financeiramente aos seus bancos, como así fixeron outros estados?

 Con Irlanda, sabíase que o rescate dos bancos conducía de forma inexorábel a facer o mesmo co país. No caso do Estado español, en especial polas dimensións da súa economía, a UE prefire apostar a que non sexa necesario. Polo de agora.

 Se esta aposta non funciona, haberá que pensar en tomar en serio a hipótese da fin da eurozona.

 

[Artigo tirado do sitio web de ‘El Diario’, do 10 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com