Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
13/7/2009
Sociólogo e politólogo arxentino. Actualmente é director de PLED, o Programa Latinoamericano de Educación a Distancia en Ciencias Sociais. Durante varios anos foi o secretario executivo de CLACSO, o Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais. É autor de ducias de artigos e de libros; entre estes últimos salientan títulos como Imperio e imperialismo (2002) e Estado, capitalismo y democracia en América Latina (2003).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O que pode facer Obama en Honduras

Ante o impasse que se rexistra en Honduras son moitas as voces que se alzan para denunciar as fraquezas da resposta da Casa Branca ante o golpe de estado, que abala entre un recoñecemento verbal de Manuel Zelaya como único presidente lexítimo e, contraditoriamente, a subrepticia validación do golpe ao encomendarlle a un obediente portavoz do imperio, Óscar Arias, que actúe como “mediador” no conflito.

A estas alturas é evidente que a categórica condena ao golpe formulada polo Secretario Xeral da OEA, José Miguel Insulza, rachou cunha deplorable tradición desa organización e, seguramente que por iso mesmo, provocou que Wáshington o sacase rapidamente de escena substituíndoo polo dócil presidente costarricense.

Ante estas críticas os defensores de Obama din que Estados Unidos non pode facer máis do que está facendo, e que unha intervención militar para repor o presidente constitucional no seu cargo sería absolutamente inaceptábel. Ao expor as cousas neses termos a Casa Branca lava as mans e favorece, aínda que sexa de modo indirecto, a postura dos golpistas. O problema para Obama é que se Estados Unidos persiste nesta actitude e o golpe logra consolidarse toda a súa retórica dun “novo comezo” nas relacións hemisféricas quedaría irreparabelmente danada e as ilusións que nutriu a súa elección esvaeríanse para sempre, e non só en América Latina. Ademais, a consolidación dos golpistas demostraría que o ocupante da Casa Branca non está en control do aparello estatal estadounidense e que os seus supostos subordinados, sobre todo na CIA e o Pentágono, poden soster unha política que contraría expresamente as directivas do primeiro mandatario.

Pero Obama ten outras alternativas á súa disposición, moito máis efectivas que unha “mediación” de Óscar Arias. Aproveitando a longa experiencia adquirida durante case medio século de bloqueo a Cuba Wáshington podería tomar algunhas medidas parecidas, que provocarían o inmediato derrube dos gorilas hondureños. Por exemplo, podería levar á práctica o que George W. Bush ameazou facer en vésperas da elección presidencial do 2004 no Salvador cando Chafik Handal encabezaba comodamente as preferencias electorais: impedir as remesas dos inmigrantes salvadoreños ao seu país de orixe e advertir ás empresas estadounidenses que preparasen un plan de continxencia para abandonar o país en caso dun triunfo do candidato do FMLN. Abondou con que se fixese ese anuncio para que o pánico se apoderase da poboación e o candidato da conservadora ARENA arrasase nas urnas.

Se a Casa Branca fixese o mesmo e comezase sen máis dilacións a entorpecer burocraticamente as remesas dos inmigrantes hondureños en Estados Unidos e a advertir ás súas empresas de que teñen que elaborar plans de rápida saída de Honduras, Micheletti e a súa banda durarían o que un suspiro. Se a iso se engade a efectiva interrupción de toda forma de axuda económica ou militar e a solicitude da Casa Branca aos seus socios europeos de que se absteñan de se relacionaren con Tegucigalpa, os días dos golpistas estarían contados. Terá Obama a valentía necesaria para impulsar esta alternativa? Ou xa está resignado a ser un simple mascarón de proa da alianza reaccionaria que viviu a súa época de gloria durante os anos de George W. Bush?

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 13 de xullo de 2009]

cig.prensa@galizacig.com