Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
13/8/2010

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Crise: “Facemos o mesmo que os demais”

Hai uns días escoitando un programa de debate encol das medidas tomadas polo Governo central pra atallar a crise, diante dos argumentos da oposición, un dirixente do PSOE galego afirmou non entender a crítica, porque eles 'facían o mesmo que o resto da Unión Europea'. Evidentemente esta non é unha contestación válida, porque cada estado, nacionalidade e rexión, pode ter unha realidade económica e social diferente, tal como se demostrou nos distintos efectos da crise, polo que son necesarias políticas específicas que teñan en consideración cada situación particular.

Tampouco é certo que o medre de certos estados, como Alemaña, sexa sempre positivo para o resto e un exemplo, porque estes dados positivos poden ser produto da transferencia á periferia, tamén a máis próxima, dos custes da crise. Daquela, repetir estas medidas, dependerá non só da realidade económica e social, senón ademais do poder político de cada estado.

Sen dúbida as afirmacións do PSOE hai que entendelas como dirixidas a desmontar as críticas que se lle fan desde a dereita. Teñen razón ao consideralas demagóxicas xa que ninguén pode negar que estas son as políticas que se están a esixir na Unión Europea, controlada polo eixo neoliberal ortodoxo de Merkel e Sarkozy, afíns ideolóxicos a Rajoy. Agora ben, o que non é tan lóxico, e moito menos coherente, é que desde o PSOE exista máis preocupación pola oposición do PP, que por defender os intereses das clases populares e atender as críticas da esquerda e dos movementos sociais. Amósase deste xeito que a sensibilidade da equipa de governo (co aval do partido) virou nos últimos meses moito á dereita, afastándose da defensa dalgúns servizos públicos que cubriran os aspectos máis negativos da aplicación do modelo neoliberal (outros signos de identidade propios da esquerda fai moito que ficaron polo camiño).

Tampouco é un argumento válido, neste caso usado tanto polos socialdemócratas como pola dereita, aquel que reivindica que rebaixando as indemnizacións por despedimento improcedente e os salarios vaise a xerar emprego. Eiquí a única diferencia entre ambos partidos, non é tanto filosófica, como que o PP pretende medidas aínda máis duras e desreguladoras, porque seica así sairíase axiña da crise. Estes argumentos non teñen en consideración que a redución das indemnizacións o que fan é facilitar os despedimentos, todo o contrario do que din pretender. Asemade, ningún empresario contrata esencialmente porque sexa máis doado despedir, senón porque ten necesidade de facelo, isto ultimo só é un beneficio extra. Ninguén ignora que os países que máis rápido semellan saír da crise na Unión Europea son os que teñen salarios máis altos, e polo tanto un mercado interno forte. En realidade, todas estas medidas, teñen como finalidade principal, sementar o temor na clase traballadora (baixo a ameaza de perder o emprego), a fin de condicionar a capacidade reivindicativa, e polo tanto: rebaixar os salarios e condicións de traballo.

Todas estas medidas non van solucionar os problemas de fondo do sistema, nen o déficit estrutural de emprego, máxime cando se fan horas extras a esgalla (pra poder sobrevivir ou por presión) e continúa a entrada de inmigrantes (aumentando arreo a man de obra de reserva). Ademais, os avances económicos dos últimos anos foron en boa medida ficticios e produto de préstamos bancarios que agora hai que pagar. Vaise a un axuste duro que se quere botar exclusivamente sobre as clases populares: salarios, pensións, servizos sociais, impostos indirectos. Son medidas que salvan os bancos e empresas, garanten os lucros dos máis ricos, porén non permiten recuperar a economía a curto prazo, como pra que se poida pensar que o sacrificio que se lle pide aos de abaixo vai ser transitorio, por máis que prediquen o contrario o PSOE e PP.

 

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 10 de agosto de 2010]

cig.prensa@galizacig.com