Baixo unha ou outra forma, as políticas de austeridade, unha ofensiva xeral contra os dereitos laborais e sociais dos traballadores e os xubilados están á orde do día en todo o mundo, co fin de atribuír unha maior tallada das riquezas producidas ao gran capital e, como contrapartida e resultado, unha crecente pauperización da gran masa dos asalariados.
I. A explotación dos traballadores manuais e intelectuais inherente ao capitalismo no curso do proceso produtivo (extracción de plusvalía), aumenta rapidamente en todo o mundo como resposta á crise que sacode o sistema. Este incremento da explotación apóiase por unha banda no aumento da produtividade por hora traballada e polo outro na erosión sistemática das conquistas laborais e sociais que caracterizaron o “Estado de benestar”: horarios limitados e regulares de traballo, mobilidade dos salarios, seguridade social, etc.
Contribúe tamén ao incremento da explotación capitalista a mundialización da produción, que as grandes empresas aproveitan para pór en situación de competencia, en razón das importantes diferenzas salariais existentes, aos traballadores dos países ricos e os dos países pobres.
Deixamos de lado nesta nota a expoliación dos aforros, pequenos investimentos, etc., dos asalariados por parte do capital parasitario, operada fóra do proceso produtivo, mediante procedementos semilegais ou directamente ilícitos do capital financeiro. Prácticas ás que as elites políticas prometen demagogicamente cada tanto pór fin con medidas gatopardistas (cambiar algo para que todo siga igual). Por exemplo as reunións que o G20 dedica ao tema con resultados case nulos ou a recente lei Dodd-Frank, promovida por Obama, de reforma de Wall Street e de protección do consumidor.
Xa en 2002, por mor dos escándalos financeiros revelados daquela en Estados Unidos, o Goberno de Bush propiciou a adopción da Corporate Auditing Accountability Act, aparentemente destinada a controlar o capital financeiro, pero que nos feitos só serviu para acougar e distraer a opinión pública.
Baixo unha ou outra forma, as políticas de austeridade, unha ofensiva xeral contra os dereitos laborais e sociais dos traballadores e os xubilados están á orde do día en todo o mundo, co fin de atribuír unha maior tallada das riquezas producidas ao gran capital e, como contrapartida e resultado, unha crecente pauperización da gran masa dos asalariados.
II. Un caso exemplar desta acentuación da explotación capitalista é o dunha empresa da Gneeral Motors en Estrasburgo, Francia.
A General Motors, que desde 1931 a 2007 foi a empresa transnacional fabricante de automóbiles máis grande do mundo, declarouse en quebra a mediados de 2009 e puido ser reflotada corenta días despois mercé a unha inxección do Goberno de Estados Unidos de 50.000 millóns de dólares en forma de empréstitos e de achegas de capital. É dicir, que o Estado pasou a ser ao mesmo tempo socio e acredor da empresa.
Implantada en numerosos países, a GM produce e vende varias marcas de automóbiles que se reduciron a cinco a raíz do plan de reestruturación emprendido en xuño de 2009.
Da xestión dos activos da General Motors a liquidar como consecuencia da reestruturación ocúpase a sociedade Motors Liquidation Company.
Entre eses activos figura unha fábrica de caixas de cambio con sede en Estrasburgo, Francia, que emprega a 1.150 asalariados.
Pero estes últimos meses a General Motors -que volveu aos bos tempos das ganancias multimillonarias (está ofrecendo 3.500 millóns de dólares para adquirir AmeriCredit, unha sociedade de crédito para coches)- decidiu recomprar a fábrica de Estrasburgo por un euro simbólico.
Con ese fin e como condición para a recompra e así evitar o peche da fábrica ata 2013 propuxo ao persoal condicións de traballo francamente leoninas, entre elas a conxelación dos salarios durante dous anos, a renuncia dos traballadores ao eventual cobro de primas excepcionais durante tres anos e a diminución da chamada redución de tempo de traballo (RTT) de 16 a 10 días por ano. O RTT representa para o traballador a posibilidade de cambiar días de vacacións por días de traballo remunerados. Opción que moitos traballadores utilizan nestes tempos de “vacas fracas”.
Tamén a empresa quixo engadir a anualización do tempo de traballo, o que significa que os traballadores poden verse obrigados a traballar moito máis das horas regulamentarias diarias ou semanais en certos períodos do ano, soamente compensadas por menos horas de traballo noutros períodos, pero sen compensación monetaria ningunha. É a chamada “flexibilización” do tempo de traballo.
Todo iso co propósito declarado de GM de rebaixar o custo do factor traballo ao nivel do existente nas súas fábricas de México.
Cómpre sinalar que a flexibilización do tempo de traballo significa nos feitos que o traballador debe estar SEMPRE a disposición do empregador, quen decide cando aquel debe presentarse a traballar ou quedar na casa. É o retorno á escravitude: o escravo tiña os seus momentos de descanso pero debía estar SEMPRE a disposición do amo.
En materia de escravitude a GM ten unha gran experiencia: as súas filiais en Alemaña utilizaron o traballo escravo baixo Hitler, fabricando durante a segunda guerra mundial vehículos militares para o exército alemán. Outro tanto fixo a Ford.
A proposta de GM aos traballadores da fábrica de Estrasburgo, unha verdadeira chantaxe esgrimindo a ameaza do desemprego e a deslocalización da fábrica a outro país onde o custo da man de obra é máis baixo, foi sometida á consulta directa dos traballadores. O 71% aceptouna e só o 29% a rexeitou. A maioría, ante a ameaza do peche inmediato da empresa, preferiu conservar o seu traballo mesmo sabendo que existe a posibilidade de que a fábrica peche de todas as maneiras en Francia en 2013, logo de ter superexplotado os traballadores durante tres anos.
Tres centrais sindicais (CFDT, maioritaria na fábrica, FO e a CFTC) se pronunciaron a favor da aceptación da proposta empresarial e só a CGT manifestou a súa oposición.
Xa houbo outros casos similares en Francia e noutros países europeos: os traballadores aceptaron condicións leoninas para salvaren o seu posto de traballo e a empresa pechou igual un tempo despois.
Nalgúns deles, como na fábrica de pneumáticos Continental (transnacional alemá implantada en Francia), os traballadores non puideron evitar o peche da empresa pero despois dunha loita longa e encarnizada co apoio de todas as centrais sindicais lograron condicións de indemnización máis favorábeis que as previstas na lei laboral.
A resignación da maioría dos traballadores da fábrica GM de Estrasburgo pode explicarse pola actitude “pragmática” e pouco combativa da maioría das centrais sindicais e polo feito de que o aumento do custo da vida en Francia e noutros países ricos (o que Marx chama o custo da reprodución da forza de traballo) se ve freado en parte polo baixo prezo de moitos produtos de consumo cotián e familiar provenientes de China, Indonesia e outros países onde, a produtividade igual ou case igual do traballo, os salarios son moi inferiores.
Dito doutro xeito, o aumento do custo de reprodución da forza de traballo en Francia e noutros países ricos está parcialmente contido como resultado da superexplotación dos traballadores dos países da “periferia”.
Esta cara visíbel da superexplotación está acompañada doutra cara menos visíbel: a redistribución inequitativa, favorecendo ao capital, dos beneficios do aumento da produtividade no traballo.
Seguindo co exemplo de Francia, segundo as estatísticas oficiais, a produtividade do traballo en 2004 era 2,3 veces maior que en 1975, mentres a poboación aumentou só un 25% e o salario real diminuíu nun 5,5 por cento.
De xeito que xunto co aumento da produtividade aumentou a explotación dos traballadores e o incremento dos beneficios da maior produtividade foi a parar integramente ao capital.
III. Diciamos ao comezo que a explotación dos traballadores manuais e intelectuais, inherente ao capitalismo, no curso do proceso produtivo (extracción de plusvalía), aumenta rapidamente en todo o mundo.
Arxentina non constitúe unha excepción.
Eduardo M. Basualdo no seu traballo publicado en abril de 2008 “La distribución del ingreso en la Argentina y sus condicionantes estructurales” escribe que en 2002 a desocupación superaba o 20% e máis do 30% engadindo a subocupación. A caída do salario real alcanzou a case o 30% no 2002 e deteriorouse aínda máis ao ano seguinte.
Despois Basualdo segue dicindo: no marco do acentuado proceso de crecemento que comeza en 2003, rexístrase unha notábel recomposición do salario real media e da ocupación de man de obra. É indubidábel que a reactivación da produción industrial e da construción tiveron un impacto de primeira orde de importancia no descenso da desocupación (contra fins do 2007 sitúase ao redor do 8% da poboación economicamente activa), especialmente polo mantemento dun elevado coeficiente de emprego/produto nesas actividades económicas. Non menos importante durante os últimos anos foi a recomposición salarial que, mesmo foi máis acelerada en termos dos ingresos dos traballadores non rexistrados que os que traballan “en branco”. De aí que en 2007 a ocupación sexa un 16% máis elevada que no primeiro ano do século e que o salario real sexa practicamente igual ao que rexía nese mesmo ano.
Máis adiante escribe Basualdo: a participación dos asalariados no ingreso no ano 2007 (28%) é significativamente inferior á vixente en 2001 (31%), é dicir, á que estaba vixente antes da crise da convertibilidade e a valorización financeira.
Non deixa de ser paradoxal que cando o salario real é equivalente ao que rexía antes da crise de 2002 e a ocupación un 16% superior, a participación dos traballadores no ingreso sexa un 11% máis reducida que a vixente en 2001. A explicación a esta aparente contradición atópase en que o PIB, non soamente creceu en forma continuada a taxas sumamente elevadas (entre o 8% e o 9% anual) entre 2002 e o 2007, senón que aumentou claramente por riba da combinación de salario real e ocupación (masa salarial).
Mentres o PIB aumentou o 31% entre 2001 e 2007, a masa salarial (equivalente ao salario real pola ocupación) fíxoo só nun 16%. Trátase de procesos definitorios na evolución da participación dos asalariados no ingreso, porque a mesma é o resultado do cociente entre a masa salarial (ocupación por salario real) e o PIB (equivalente ao valor endadido ou o ingreso xerado anualmente no país). Noutras palabras, debido á recuperación que rexistrou o salario real e a ocupación durante os últimos anos, as condicións de vida da clase traballadora para o ano 2007 son mellores que durante a crise e mesmo que antes dela (2001), pero a súa participación no valor engadido (na distribución do ingreso) é menor porque o PIB creceu máis que a masa salarial. Visto do outro lado, pódese dicirentón que o capital está en mellores condicións que antes debido a que se apropiou a través das súas ganancias dunha porción maior do valor engadido xerado anualmente, rexistrándose unha participación crecente do mesmo no ingreso.
Nun documento do Centro de Investigación e Formación da República Arxentina (CIFRA) de xullo de 2010 (“La recuperación industrial durante la post-convertibilidad”) coordinado por Basualdo e elaborado por Nicolás Arceo, Mariana González e Nuria Mendizábal reitérase o dato de que a recuperación do período 2002-2007 se produciu no marco da contracción dos salarios reais e dunha significativa recuperación da taxa de ganancia.
O xornalista Ismael Bermúdez, comentando en Clarín do 31/7 as estatísticas do INDEC recentemente publicadas, sinala que a produción industrial aumentou na primeira metade deste ano case o 10%, pero o número de obreiros ocupados só creceu o 0,5%.
Segue dicindo que a maior actividade foi afrontada co incremento das horas traballadas de traballadores que tiveran xornadas reducidas e noutros casos apelando ás horas extras, de acordo cos datos do INDEC. Así, mentres a industria superou o retroceso do período da crise global, o nivel de ocupación no segundo trimestre deste ano continúa por baixo de igual período tanto de 2008 como de 2009. Na construción pasou algo parecido: aumentou un 10% a actividade, pero até o primeiro trimestre o número de traballadores “en branco” seguiu retrocedendo e mantívose por baixo da marca de fins de 2006. Tamén para o Instituto de Estatística e Rexistro da Industria da Construción (IERIC), nos 5 primeiros meses de 2010, aínda que cunha leve recuperación, o emprego rexistrado no sector estaba aínda 4,1% por baixo do nivel de igual período de 2009. A partir destes datos, estímase que a baixa da desocupación anunciada en base a anticipos do INDEC podería deberse ao aumento do emprego nos servizos ou a que diminuiría a cantidade de xente que saíu a buscar emprego. Na industria o dato laboral positivo foi que no segundo trimestre se detivo a caída do emprego e por iso o semestre puido pechar cun leve incremento da ocupación do 0,5%. Así, das cifras oficiais se desprende que tanto a industria manufactureira como a construción estarían obtendo fortes ganancias de produtividade.
Cómpre engadir que a meirande parte dos beneficios desta superexplotación dos traballadores nin sequera queda no país senón que vai parar ao estranxeiro, como resultado dun ininterrompido proceso de estranxeirización da economía que tivo a súa etapa máis aguda no período postditatorial durante as dúas presidencias de Menem e continúa até hoxe.
En efecto, en 1993, das 500 maiores empresas 281 eran nacionais e 219 estranxeiras, e do total dos postos de traballo, o 60% proporcionábanos as empresas nacionais e o 40% as estranxeiras. En 2007 das 500 maiores empresas só 130 eran nacionais e 330 estranxeiras. As primeiras proporcionaban o 37,1% dos postos de traballo e as segundas o 62,9%. (“Concentración, centralización y extranjerización. Continuidades y cambios en la post-convertibilidad”. Documento de traballo nº 4. CIFRA - Centro de Investigación e Formación da República Arxentina, febreiro de 2010. Cadro estatístico da páx. 17).
A esta estranxeirización da industria (onde hai que incluír en lugar destacado o petróleo e a minería) hai que engadir a estranxeirización do campo: unhas 30 millóns de hectáreas pasaron a prezos de liquidación a mans de estranxeiros nos dous últimos decenios, sen que o Goberno nacional nin os Gobernos provinciais actuais ou precedentes fagan nada para parar esta sangría. Estranxeirización acompañada pola incorporación de soia transxénica ao campo, consecuentemente envelenado co herbicida glifosato: sobre o total da área sementada, a soia pasou do 26% en 1996/97 ao 33% en 1999/2000 e ao 53% en 2006/2007, a expensas doutras sementeiras e das explotacións dos pequenos propietarios e arrendatarios.
Dito doutro xeito, a recuperación da taxa de ganancia logrouse acentuando a explotación dos traballadores en beneficio dos grandes patróns agrarios e industriais transnacionais e “nacionais”, do círculo de amigos empresarios e neoempresarios da parella presidencial, entre eles a cúpula da burocracia sindical acaparadora de empresas e servizos, cuxo principal expoñente é o “compañeiro” Moyano [da CGT] (...).
O aumento da explotación dos traballadores non é un simple dato estatístico senón que se traduce nos feitos da realidade cotiá en forma de agudización da pobreza e a indixencia dunha boa parte da poboación, coa súa correlato de altos índices -en ascenso- de mortalidade infantil, de deserción escolar, de subalimentación, etc.
Nun estudo recente do Observatorio Social da Universidade Católica Arxentina (UCA) mostráronse as carencias que padece unha de cada tres familias en Arxentina. A pobreza que se expande actualmente tivo valores críticos a comezos do século XXI, diminuíu no quinquenio seguinte e volveu crecer a partir de 2006. O mesmo aconteceu cos niveis de indixencia. O estudo sinala que a pobreza se distribúe desigualmente ao longo do país: nas provincias norteñas danse os máis altas porcentaxes de necesidades insatisfeitas; no Gran Bos Aires, durante o curso dos últimos 30 anos, a pobreza multiplicouse por dez. Continúa dicindo o estudo que un dos indicadores demostrativos do pauperismo que afecta a tantos arxentinos é a vivenda: compróbase un incremento do número de familias aloxadas en condicións precarias, xa sexa en vilas de urxencia, asentamentos populares ou ocupacións de feito. En 2004 representaban o 10 por cento da poboación; agora constitúen o 17 por cento. Ademais, o 36 por cento habita en lugares que carecen de servizos de saneamento, o 27 instalouse en lugares asologábeis, o 12 padece de amoreamento e o 16 por cento sofre de risco alimentario.
É importante sinalar que o nivel de empobrecemento de boa parte da poboación é diferenciado: nuns casos é relativo e noutros absoluto. Iso depende de varios factores. Un deles é segundo o sector económico no que traballan, se traballan “en branco” ou “en negro” e tamén segundo o sexo e o nivel educacional dos traballadores.
Engádense outros factores conxunturais como plans asistenciais, un estendido clientelismo e unha política de captación de sectores de clase media a través da súa funcionarización ou outras formas de prebendas.
Pero o certo é que a fenda social afondou en Arxentina nos últimos anos, cos gañadores dun lado e os perdedores do outro.
Estes últimos perderon a batalla na poxa distributiva por varias razóns.
A primeira é que “a necesidade ten cara de hereje”, cando a opción é seguir desocupado ou aceptar un traballo calquera que sexan as condicións.
Pero non menos importante é a debilidade organizativa dos traballadores, como consecuencia dunha taxa de sindicación que alcanza actualmente só á metade da existente durante o primeiro goberno de Perón e, estreitamente ligado a este fenómeno, a persistencia desde hai máis de medio século da burocracia sindical, verdadeiro cancro e axente do inimigo de clase no seo do movemento obreiro.
A isto engádese a defección dunha boa parte da clase media profesional e intelectual que por comodidade, inxenuidade ou interese e con autoxustificacións sumarias (“éche o que hai”) non acompaña as reivindicacións e demandas dos oprimidos e explotados e abandonou toda expectativa de transformación social.
Esta adhesión dunha parte da clase media ao réxime do momento non é unha novidade: ocorreu durante a ditadura militar (beneficiarios dos “cartos fáciles” e o comentario “algo farían” sobre os desaparecidos), durante o menenismo, consentindo co seu silencio aprobador o fenomenal socavamento do patrimonio nacional e tamén ocorre agora.
Entre a tixola do réxime actual e o lume da oposición de dereita hai que buscar outra alternativa baseada nunha forte organización obreira de masas e de clase, independente dos gobernos do momento e dos patróns, axudada por unha camada de profesionais e intelectuais que non vacile en apostar por un profundo cambio político-social, cumprindo co que hai 80 anos Aníbal Ponce chamou “os deberes da intelixencia”.
[Artigo tirado do sitio web ‘ArgenPress’, do 6 de agosto de 2010]