Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
13/8/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Todo para as empresas, nada para as persoas: os tratados de investimento na UE despois do Tratado de Lisboa

O Tratado de Lisboa veu significativamente incrementar o poder da Comisión Europea para fixar a política comercial común. Agora a Comisión ten a facultade de negociar directamente tratados de comercio e investimento, que se aplican automaticamente a todos os Estados membros.

Do 1959 até hoxe foron asinados máis de 3000 Tratados de Investimento Bilateral (TIBs) nos países da Unión Europea (UE). A maioría destes tratados foron asinado nos últimos 15 anos, e a gran maioría con países “en vía de desenvolvemento”. Despois do fracaso do Acordo Multilateral de Investimento (AMI) en 1998 (grazas ás primeiras loitas dos movementos alterglobalización) e do intento da UE en 2003 de incluír o investimento estranxeiro nos acordos da Organización Mundial do Comercio, os últimos anos viron o asinamento de centenares de tratados de investimento polos países da actual UE. Os cambios institucionais introducidos polo Tratado de Lisboa pon a situación legal destes tratados nun limbo.

Hai moito interese e rebumbio nos círculos económicos e financeiros internacional sobre o destino últimos dos TIBs. Por que? Como escribe Susan George na introdución dun informe recentemente publicado pola rede Seattle to Brussels sobre a política de investimento da UE, os TIBs representan un dos instrumentos principais para “satisfacer o desexo das compañías transnacionaus [europeas] de ter man libre en calquera lugar do mundo ... non se pode esperar da UE, que non ten ningunha vontade de defender os intereses da maioría dos seus propios cidadáns, que activamente reduce os seus servizos públicos e os seus dereitos, [...] que se preocupe dos dereitos doutros pobos”.

Unha das razóns de máis peso pola que os países europeos quixeron asinar tratados de investimento é a posibilidade que brindan aos seus investidores de acudiren a instancias internacionais de arbitraxe para defender os seus intereses. Desde ao 1990 houbo máis de 300 destes preitos diante do Centro Internacional de Arranxo de Diferenzas Relativas a Investimentos (CIADI), o tribunal do Banco Mundial que se ocupa deste conflito. A miúdo o resultado destes preitos foi o pagamento de compensacións millonarias polo país demandado. No máis recente destes casos, Arxentina foi condenada en xullo de 2010 a compensar multinacionais do sector da auga como GDF Suez, Suez Environment e Auga de Barcelona para a rescisión dos contratos de concesión de auga e saneamento na cidade de Bos Aires e na provincia de Santa Fe. A rescisión de debeu ao incumprimento do programa de investimentos ao que as compañías se comprometeron, e á falta de acordo sobre a tarifas que as empresas privada querían aumentar substancialmente despois da depreciación do peso arxentino respecto ao dólar. Estas compañías reclaman 1200 millóns de dólares polas “perdas de potencial negocio”. Isto é só unha das máis de 40 demandas ás que se enfronta o Goberno arxentino tras as medidas tomadas para afrontar a desfeita financeira de 2001, debido á aplicación de medidas de corte neoliberal durante a década precedente.

Os TIBs inclúen todas as condicións de libre acceso ao mercado que se atopan nos tratados de libre comercio:

* o “Tratamento Nacional”, que concede aos investidores estranxeiros o mesmo tratamento e protección dos investidores domésticos

* a “Nación máis Favorecida”, que outorga aos investidores dos países asinantes un tratamento e protección non inferior a aqueles dos países que gozan da mellores condicións

* o “Tratamento Paritario”, que garante aos investidores dos países asinantes un “nivel mínimo de protección”.

É en particular o ultimo destes aspectos que foi obxecto das máis amplas e arbitrarias interpretacións polos tribunais de arbitraxe internacional.

Porén, os tratados de investimento fan fincapé na protección dos investimentos que xa foron permitidas, máis que na creación de novas oportunidades de negocio. Son máis instrumentos de protección dos investidores que de acceso ao mercado. O punto máis importante e potencialmente conflitivo é a limitación á expropiación. O problema reside na definición de “expropiación”, que nos tratados de investimento non se limita aos actos da autoridade gobernamental para cambiar forzosamente a propiedade dunha empresa. Medidas de protección ambiental que incrementen o custo dunha explotación ambiental -reducindo potencialmente a marxe de negocio- foron tamén postas en cuestión diante dos tribunais de arbitraxe como ?expropiación?.

Un caso recente que demostra o risco que os tratados de investimento representan para as institucións democráticas foi o preito lanzado pola empresas de enerxía sueca Vattenfall en contra do goberno alemán polas medidas de protección ambiental relativas á construción dunha central eléctrica nas beiras do río Elba. Malia a oposición cidadá, o Goberno da cidade de Hamburgo decidiu conceder en 2007 un contrato provisional, que incluía certos límites relativos ao impacto ambiental da central sobre a calidade da auga (volume, temperatura e contido de oxigeno) do río. Logo dunha avaliación de impacto ambiental, estes límites fixéronse máis estritamente na aprobación final do contrato en setembro do 2008. En abril do 2009 Vattenfall decidiu acudir ao CIADI, pedindo unha compensación de 1400 millóns de euros (sobre 2600 millóns que custa o proxecto no seu conxunto). É interesante subliñar neste caso que as leis alemás non prevén poder esixir unha compensación nestes casos.

Ademais os tratados de investimento poden limitar políticas no eido social ou laboral. Por exemplo, a miúdo impiden que as autoridades gobernamentais poidan esixir aos investidores estranxeiros utilizar recursos ou traballadores locais.

Con todo, os tratados de investimento son máis ben reticentes á hora de incluír provisións que garantan que un impacto positivo do investimento estranxeiro sobre a economía, a sociedade e o medio ambiente dos países receptores. Raramente se fala nos seus textos de desenvolvemento sostible, de transferencia de tecnoloxía, de loita á corrupción empresarial, de respecto dos dereitos humanos ou laborais, de responsabilidade social corporativa, ou dos convenios laborais internacionais e dos acordos ambientais.

Como noutros aspectos da política comercial da Unión Europea, os tratados de investimento reflicten case literalmente os obxectivos expresados na axenda liberalizadora das grandes transnacionais continentais, reunidas en poderosos grupos de presión como BusinessEurope. Nestes foros as empresas piden primariamente a abolición de todas limitación ou condicionante ao investimento estranxeiro. Esta liberalización debería abarcar todos os aspectos relativos á propiedade ou ao comportamento dos investidores por exemplo a obriga de fomentar o desenvolvemento da economía do país recibidor ou de limitar a presenza estranxeira nun determinado sector económico. As consecuencias dunha liberalización ilimitada poden ser desastrosas en sectores de importancia estratéxica como o sector financeiro. México xa experimentou as consecuencias dunha liberalización total do seu sistema financeiro coa aplicación do NAFTA, un tratado de libre comercio con Estados Unidos e Canadá asinado en 1994. Tres bancos internacionais (entre eles dous españois: Santander e BBVA) controlan o 71% das ganancias do sector bancario, á vez que o crédito ás pequenas e medianas empresas case desapareceu (era o 37% do PIB en 1994).

Ao mesmo tempo as empresas europeas esixen a igualdade de tratamento entre empresas locais e estranxeiras, o que prohibe conceder axudas ou trato máis favorábeis ás empresas locais, e o dereito de repatriación ilimitada das súas ganancias, o que leva a falta de calquera obriga legal para reinvestir as ganancias obtidas a través do traballo e dos recursos do país recibidor para promover o seu desenvolvemento.

A pesar destes desequilibrios, son útiles os tratados de investimento para o desenvolvemento dos países empobrecidos? Unha das razóns que máis a miúdo se esgrime ao seu favor é que promoven o investimento estranxeiro directo, que á súa vez estimula o desenvolvemento e o crecemento económico dos países receptores. Lamentabelmente, trátase dunha das moitas fábulas do pensamento único neoliberal. Non hai probas empíricas que demostren unha correlación entre o asinamento dun tratado de investimento e un cambio no fluxo de investimento estranxeiro. O mismísimo Banco Mundial tivo que recoñecer nun informe do 2003 que non é así. Os tratados de investimento funcionan só en países que teñen unha sólida estrutura institucional, os que tipicamente non necesitan dun tratado internacional para atraer investimentos. En cambio, o Banco Mundial recoñece que os tratados de investimento “limitan a realización de diferentes opcións de reformas”, ou, en palabra máis sinxelas, limitan o espazo de manobra política das autoridades gobernamentais e dos parlamentos democraticamente elixidos, alí onde os haxa, por suposto.

O mantra neoliberal fúndase sobre o principio de: “facer o que digo, non o que fago”. Moitos países ricos ou emerxentes non senten necesidade de asinar tratados de investimento. Xapón asinou só catro; Brasil ningún; nin existe un tratado de investimento entre EEUU e China, a pesar do carácter estratéxico da súa relación bilateral. Ao revés, o asinamento dun tratado de investimento non garante fluxos de investimentos estranxeiros se as condicións políticas ou económicas non o permiten: o 60% dos países co que Cuba asinou un tratado de investimento non invisten nin un peso na illa.

Pero, é verdade que o investimento estranxeiro ilimitado é sempre beneficioso para o país receptor? A experiencia da historia recente demostra que esta é outra das fábulas neoliberais. Os “tigres asiáticos” Corea do Sur e Taiwan lograron en menos de trinta anos pasar dun nivel de desenvolvemento comparábel ao de Ghana e Nixeria a un nivel comparábel ao de Estado español nos 90. Ambos os países utilizaron extensivamente instrumentos de control do investimento estranxeiro nos que se refire a propiedade das empresas, regulación dos fluxos de capitais e incentivos fiscais para promover o seu un impacto sobre a economía local. Por exemplo, o Goberno de Corea favoreceu activamente a creación de joint ventures entre compañías nacionais e estranxeiras, así como privilexiou os investimentos que garantían transferencia de tecnoloxía punteira. O mesmo ocorreu en Taiwan. Os países hoxe industrializados e ricos, que presionan despiadadamente os países empobrecidos para que abran sen condicións os seus mercados á penetración de investidores estranxeiros, actuaron con medidas proteccionistas no momento da súa industrialización.

Ao revés, a liberalización pode facer estragos na estabilidade e equidade da economía dun país “en desenvolvemento”. En México, logo de quince anos de NAFTA, os investimentos concéntranse nos estados con máis desenvolvemento e máis urbanizados (os cinco estados máis marxinados reciben só o 0.6% do investimento estranxeiro), o PIB creceu só do 1.6%, os custos laborais diminuíron do 46%, o salario mínimo do 20% e ao poder de compra do 47%. Todos estes efectos foran amplamente previstos polos opositores ao NAFTA.

Nos países da Unión Europea, as loitas dos movementos altermundialistas conseguiron éxitos contra os tratados de investimento. A “Campaña para un Traballo Digno” de Bélxica logrou que o Presidente do goberno rexional de Flandes anunciase en marzo do 2010 a decisión de non ratificar o Tratado de Investimento que Bélxica e Luxemburgo asinaron en febreiro de 2009 con Colombia, por mor da sistemática violación dos dereitos laborais e sindicais neste país. Esta decisión tombou o Tratado, xa que a ratificación do seu goberno era un requirimento legal obrigatorio. En Noruega a sociedade civil logrou en 2008 parar o intento do goberno de reintroducir unha política de tratados de investimento, que foran paralizados desde o 1996 como consecuencia do debate público sobre o AMI.

Estes éxitos políticos débense ao feito que a política de comercio e investimentos internacionais nos países da UE estivo nestes anos baixo a responsabilidade das autoridades gobernamentais nacionais. A pesar do segredo e da cortina de fume tecnocrática detrás da cal se agochan as negociacións destes tratados, a sociedade civil ten o dereito de levar estas negociacións á luz, fomentar o debate público, esixir que os cargos electos estean informados e que os parlamentos poidan pronunciarse sobre estes temas.

A configuración institucional deseñada polo Tratado de Lisboa, onde é a Comisión Europea a que desenvolve estas negociacións sen ningunha obriga de trasparencia e información (ao revés, co compromiso de mantelas canto máis secretas sexa posíbel para non danar a “confidencialidade necesaria” para o seu desenvolvemento) representa un desafío engadido para a sociedade civil internacional que quere oporse á ditatura das grandes corporacións internacionais. Trátase doutro paso máis cara a unha construción europea antidemocrática, en contra dos seus habitantes, e dos dereitos e da soberanía dos pobos do planeta.

 

[Artigo tirado da páxina web de ‘Attac’, do 11 de agosto de 2010]

cig.prensa@galizacig.com