Sindicalista da CIG. É membro da Executiva Comarcal de Ferrolterra en calidade de Secretario Comarcal de Negociación Colectiva, Saúde Laboral e Formación para o Emprego. Así mesmo, forma parte da Executiva Comarcal da Construción e mais Consello Confederal da CIG.
Do mesmo xeito que vemos pasar voando por diante de nós aos abellóns, comprobamos que algo falla na teoría económica imperante. A cousa vai mal, as contas non cadran e comeza a desmoronarse o dogma...
Reparastes algunha vez no voo dun abellón? Non é un exemplo de gracilidade. Con ese corpo tan colorido e repoludo e esas ás tan desproporcionadamente pequechas resulta difícil crer que se poidan elevar polo aire. Unha vez vin un documental no que se decía que os científicos non eran quen de explicar como uns animaliños tan aparentemente mal deseñados para o voo podían surcar os ceos. Alí saía un tipo , un destes teóricos puros, poida que fose inglés …ou ianqui…non me lembro, o caso é que só con leer o nome que aparecía na parte inferior da pantalla da televisión xa resultaba convincente, que deixando a un lado as evidencias, tirando da física e da aerodinámica e explicando un fato de experimentos que desenvolvera nun laboratorio de non sei qué universidade prestixiosísima de no sei onde, chegaba á conclusión de que non podía ser, que estes bichiños non deberían de voar, que hai algo neles que non cadra.
Todos e todas vimos a algún voando polo que parece atinado pensar que este home anda trabucado, digo eu (tede en conta que non teño nin a máis remota idea de física, aeródinámica ou entomoloxía). Non atopaba explicación, é dáme no nariz que deus non ten nada que ver nisto. Aínda así, este insigne personaxe teimaba en convencer a quen o vise de que o voo dos abellóns é un fenómeno “contra natura” e que para demostralo máis aínda estaba a traballar en novos experimentos. Sendo mal pensado cheguei á conclusión de que o tipo ou era idiota, e non o parecía, ou de que os idiotas eran os que financiaban eses experimentos orientados a demostrar unha teoría que ben se veía que estaba errada. Sendo xa ruín mesmo podería pensar que a este home íalle bastante ben co rollo este e convíñalle continuar con esa “liña de investigación”.
Ás veces as teorías científicas vense superadas pola realidade. Non é que a ciencia falle, fallan os plantexamentos científicos, fallan as persoas.
Estes fallos resultan clamorosos cando estas teorías erróneas pasan a ser dogmas que, de súpeto, a crúa realidade remata por poñer no seu sitio. O científicamente correcto nestes casos sería rectificar, correxir e buscar un novo xeito, unha nova explicación que lle dea solución ao problema.
Deixemos a un lado a zooloxía e pensemos no moito que levan falado os grandes economistas, científicos do carto, das supostas virtudes do sistema capitalista, do bon que é o neoliberalismo e do necesaria que é a globalización, e son tantas as teorías que “demostran” segundo eles que non só é a panacea, senon que non hai hai alternativa posíbel a este sistema, que ao final convertéuse nun dogma.
Pero a realidade éche ben teimuda. Do mesmo xeito que vemos pasar voando por diante de nós aos abellóns, comprobamos que algo falla na teoría económica imperante. A cousa vai mal, as contas non cadran e comeza a desmoronarse o dogma. O acaído agora sería rectificar, aprender dos erros e buscar outra vía. Pero non semella que se queira facer asi, que haxa vontade nin interese algún en cambiar as cousas. Por qué? Non queda demostrado que a teoría fallou? Por qué se empeñan en perpetuar un sistema esgotado? Supoño que será porque aos máis dos adalides deste capitalismo salvaxe foilles moi ben con él e pretenden conservar os seus privilexios custe o que custe.
Poida que chegase o momento de que sexamos a clase traballadora quen adoptemos unha postura “científica” e fagamos as correcións necesarias para que estes poucos privilexiados non continúen a perxudicarnos. Xa o dí o refrán “rectificar é de sabios”.
Observade aos abellóns, se vos fixades ben mesmo semella que levan un sorriso retranqueiro na cara.
[Moeche, 13 de xaneiro de 2009]