Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
14/10/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entrevista a Atilio Borón: “O colonialismo mental é unha cousa monstrosa”

Estados Unidos interveu permanentemente en Honduras. Desde 1903 hai unha intromisión moi forte de carácter militar. E a influencia viña desde antes. Na década dos 80 houbo unha restruturación integral do Estado e as Forzas Armadas hondureñas baixo a directa vixilancia de Estados Unidos...

- Que papel representa Brasil ante a crise de Honduras?

Brasil cambiou de postura. Por algo Zelaya se refuxiou na embaixada brasileira. Sempre foi un país sumamente cauteloso e a súa presenza dentro de América Latina nunca chegou a ser demasiado sobresaliente, debido a que primaba a idea de que era diferente. Pero ultimamente recibiu algunhas labazadas que fixeron se espelise algo.

- Que labazadas?

De entrada, que Estados Unidos activa a Cuarta Flota, que levaba 50 anos durmindo, ás poucas semanas de que Brasil anuncie que ten enormes xacementos de petróleo en alta mar, fóra de São Paulo. Brasil decatouse de que a orientación que lle imprimiu á súa política exterior era errada. En marzo de 2007 Lula asinou con Bush un acordo especial de cooperación en produción de biocombustíbeis. Brasil fiouse moito diso, e porén os norteamericanos xa mandaran sinais de que a chancelaría brasileira non entendeu.

- A que se refire?

Brasil xa recibira indicios que non decodificaron acaídamente. Por exemplo, cando Estados Unidos adquiriu os dereitos para mobilizar as súas tropas na base paraguaia de Mariscal Estigarribia, que está sobre o Chaco paraguaio, preto da fronteira con Bolivia. E tamén quedou durmido cando un tempo antes Paraguai consentira instalar unha base de operacións da DEA (a Axencia Antidrogas de Estados Unidos), que en realidade é unha base militar disfrazada, o cal supuña unha clara ameaza. Estaba a 100 metros da fronteira brasileira.

- Por que, logo, crear unha alianza con Estados Unidos?

Brasil distraeuse porque apostaran a que Estados Unidos facilitaría o seu ingreso ao Consello de Seguridade da ONU cun posto permanente. Iso fíxolles tragar o anzol, e de súpeto decatáronse de que a cuestión non era así.

- Que fixo espertar a Brasil?

O golpe final foron as sete bases que se instalarán en Colombia. Aí Brasil é cando se decata de que, sen se ter dado conta, ten dúas bases militares ao sur de Brasil, sete no Norte, e aínda por riba de males nas últimas semanas Sarkozy está negociando con Obama a concesión da base que teñen os franceses en Cayena, na Guaiana francesa. Brasil queda totalmente rodeado.

- Que intereses se agochan detrás?

A proxección da influencia militar norteamericana explícase porque os seus estrategas consideran a Amazonía un territorio de acceso universal. Endexamais o van dicir así publicamente, pero eu vin os textos e os manuais de estudo dos militares norteamericanos, onde aparece a Amazonía pintada dunha cor diferente ao resto de Brasil.

- Que significa o activismo brasileiro con Honduras?

É un xeito de se reposicionar, de tentar controlar a influencia norteamericana, de evitar que se instauren gobernos monicreques de Estados Unidos en América Latina porque son agora vistos como unha ameaza á seguridade nacional. En boa hora sucedeu, pero espertaron un pouco tarde.

- Hai de fondo unha competencia entre Brasil e Estados Unidos?

Coido que non, porque Brasil sempre foi sumamente conservador. Brasil non é un foco de propagación de propostas progresistas e de esquerdas senón un foco de moderación no contexto da adopción dun modelo económico sumamente ortodoxo e neoliberal.

Honduras

- A quen sorprendeu que Zelaya chegase de súpeto ao país?

Non me cabe ningunha dúbida de que á OEA (Organización de Estados Americanos). A quen non colle por sorpresa é a Lula, aínda que o negou porque era o último que podía dicir ante a comunidade internacional. Probabelmente Brasil informaría a Obama un momentiño antes de que Zelaya chegase á embaixada brasileira.

- Por que ían avisar o presidente estadounidense?

Porque Lula non quere poñerse a mal con Estados Unidos, e sería un aceno feo que Obama fose coñecedor do feito pola prensa.

- A Estados Unidos hai que lle dar explicacións e ao resto dos países de América Latina non?

Hai, si. Somos colonias desde hai cinco séculos.

- Non estabamos nun proceso de independencia?

É que cambiamos de amos. Fóronse os españois e portugueses e viñeron eles. Estamos moi sometidos á influencia, ao predominio e á dominación norteamericana. O peor de todo é que a dominación témola internamente. O colonialismo mental é unha cousa monstrosa.

- E en que queda o papel da ONU ante o golpe de estado hondureño?

Non ten ningún papel relevante na política mundial, como tampouco en América Latina.

- Nin sequera a Asemblea Xeral?

Estes emiten boas declaracións que asinamos todos. A hexemonía norteamericana foi tan forte, sobre todo despois do derrubamento da Unión Soviética, que a ONU se transformou nun organismo retórico discursivo. E máis nada, non ten ningunha capacidade efectiva de intervención.

- Estados Unidos está axudando a que se resolva a crise en Honduras?

Até o de agora non. Estados Unidos podía axudar dun xeito decisivo. Obama láiase: “Vostedes non querían que interviñese antes e agora queren que o faga?”. Está errado. Estados Unidos interveu permanentemente en Honduras. Desde 1903 hai unha intromisión moi forte de carácter militar. E a influencia viña desde antes. Na década dos 80 houbo unha restruturación integral do Estado e as Forzas Armadas hondureñas baixo a directa vixilancia de Estados Unidos. Alí tiña un embaixador sumamente poderoso, que era John Negroponte, que foi quen organizou o Exército, o que armou as bases en Palmerola, e o que organizou tamén os grupos de choque e de tarefas -os paramilitares que mataron a tanta xente. Honduras ten o exército máis completamente dominado polo Comando Sur de toda América Latina.

- Daquela, que podería facer Estados Unidos?

Que deixe de intervir dunha vez. Que retire o seu embaixador de Honduras e deixe Honduras na máis absoluta soidade. Que ameace con bloquear os fondos dos hondureños residentes en Estados Unidos, os que mandan remesas a Honduras. E que conxele as contas dalgúns capitostes de Honduras mentres non se aclare a situación. Así o réxime caería en 24 horas.

- Por que Obama non o fai?

Porque non controla o aparello estatal de Estados Unidos. Tanto é así que cando el decide que paren os xuízos aos detidos en Guantánamo, estes non lle prestan atención e seguen cos xuízos. Obama non controla nin o Pentágono -cuxo Secretario de Defensa vén da época de Bush-, e moito menos á súa acérrima inimiga, até a resolución das eleccións internas, que é Hillary Clinton. É máis: algúns mal pensados din que a Hillary lle convén a deterioración de Obama porque ela sería a candidata demócrata no caso de que este home acabase mal os seus días. Podería ter un bo peso.

- Zelaya debería aceptar o Acordo de San José proposto desde un inicio polo presidente costarricense, Óscar Arias?

Tal e como están as cousas, hoxe non ten moito sentido. Modificouse moito a situación. Coa entrada de Zelaya en Honduras o que hai que facer é que a OEA termine de dar o empurrón final para que caia Micheletti, restitúa a Zelaya no cargo, e a partir de aí se reorganice o organigrama electoral.

- Que saídas contempla?

Agardo que se reinstaure a Zelaya na presidencia, porque é o único presidente lexítimo que ten ese país. E a partir de aí coido que tería que haber un debate sobre a reforma constitucional. Habería que discutir o castigo aos culpábeis do movemento sedicioso, porque se saen impunes, dentro de tres meses temos outro golpe. E para rematar, terían que se postergar as eleccións e dar máis atención ao que vén, que é a conformación dun amplo movemento social e político de apoio a Zelaya, nun país onde iso, antes, non existía.

[Artigo tirado do sitio web da revista arxentina ‘Zoom’, do 7 de outubro de 2009]

cig.prensa@galizacig.com