Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
14/10/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Interrogantes tras a folga xeral

O momento é de xiro estratéxico, de traballo duro e de resistencia intelixente. Quen non o entenda pode ser a próxima vítima dun proceso que de momento xa deixou a millóns de persoas na inseguridade do desemprego, a precariedade laboral, o endebedamento e os problemas de vivenda (...) A Folga Xeral evitou o peor, o fracaso da mobilización. E con iso mostrou que aínda queda capacidade de resistencia social. Pero os tempos seguen sendo duros...

 I

 A convocatoria de folga xeral foi un éxito. Especialmente se se compara cos presaxios de días anteriores, coas sondaxes que agoiraban que unha ínfima minoría da poboación iría ao paro. O mérito é dos sindicalistas e dos activistas sociais que realizaron un esforzo de convocatoria e mobilización á altura das circunstancias. E conseguiron, cando menos, activar a sectores importantes da clase traballadora malia o desánimo, a ausencia de perspectivas, a precarización e o desemprego masivo. Unha vez máis, púxose de manifesto que os grandes sindicatos, UGT e CCOO teñen capacidade de chegar a moitas partes e de promover procesos sociais de gran envergadura. Mérito tamén dos sindicatos menores, críticos habituais dos grandes, pero que comprenderon que o envite era crucial e achegaron tamén a súa parte de esforzo ao éxito da xornada. E mérito sen dúbida dos millóns de persoas que antepuxeron a súa dignidade e os seus principios ao temor ás represalias, á perda de ingresos e aos argumentos da reacción a favor da pasividade.

 O que o paro non fose total forma parte da normalidade. En todo o mundo as folgas xerais adoitan ser como esta: paros e manifestacións importantes sen colapso total. Especialmente nun país onde se aplican servizos mínimos. E resulta erróneo comparar calquera mobilización deste tipo coa do 14-D de 1988 cando o paro foi espectacular. Pero alí confluíron tantos elementos favorábeis que dificilmente se repetirán: desde o fundido en negro de TVE ás 12 da noite até o apoio evidente da dereita á folga, pasando polo pánico xerado desde o propio Goberno que, posibelmente, serviu para que moitos establecementos pechasen “motu proprio” por temor aos piquetes. Despois, todo o mundo aprendeu leccións e o resto de folgas xerais foron parecidas: mobilizacións fortes pero non colapsos totais. O que permite aos medios de comunicación realizar valoracións en función do seu posicionamento previo, na maioría de casos minimizando o seu impacto.Porén, os números indican que a actual foi unha mobilización parecida á do 2002 fronte a Aznar, a pesar de se desenvolver nunha conxuntura máis difícil. E serve polo menos para demostrar dúas cuestións básicas: que, malia a impotencia, unha parte importante da poboación é consciente da estafa colectiva que está padecendo; e que os sindicatos teñen máis apoio social efectivo do que resulta dalgunhas enquisas.

 II

 O perfil da mobilización amosa, unha vez máis, a complexidade da poboación asalariada. A incidencia da folga foi desigual. Os núcleos industriais foron unha vez máis o centro da mobilización, aínda que tamén se sumaron novos asalariados dos servizos. Onde o paro foi sen dúbida menor foi entre os sectores de asalariados profesionais, moitos no sector público. Un segmento de poboación que, a pesar de experimentar a agresión dun importante recorte salarial, segue mantendo comportamentos insolidarios de clase media, atrapado na súa individualista visión da carreira profesional. E, nalgúns casos, claramente aliñado coa dereita, como se constatou no pasado con algunhas folgas profesionais (médicos, xuíces...) ou como se constata agora vendo a proclama anti-folga do CSIF na que o boicot ao paro se xustificaba cun argumento corporativista: que os funcionarios xa fixeran “a súa” folga e non debían perder máis diñeiro con outra (suponse da caste inferior). A ampliación da mobilización a estes sectores vai seguir sendo difícil e esixe pensar nun traballo cultural específico.

 Noutro plano distinto, esta folga trouxo tamén unha novidade política, a de sectores radicais que tentaron xerar a súa “mobilización alternativa” ante o que eles consideran “responsabilidade” dos sindicatos na situación actual. A súa importancia numérica non é grande, aínda que as súas accións acaban tendo bastante eco mediático. Seguramente a súa incidencia local é variábel, pero en cidades como Barcelona a influencia deste argumentario calou nunha parte non desbotábel do activismo social. Calquera que tivese acceso aos debates que circulan pola rede podía advertir a amplitude relativa dun espazo no que calquera estrutura institucionalizada é vista como parte do “sistema”, onde os sindicatos ocupan o mesmo espazo que os financeiros e os “políticos”, onde está ausente toda reflexión seria sobre os mecanismos de dominación e consenso social e onde continuamente se confunde a opinión persoal coa de pomposos movementos sociais. Certamente, trátase dun novo tipo de movemento social cuxa característica máis preocupante é a súa incapacidade de entender que calquera cambio social relevante esixe comunicación, creación de empatía, diálogo, complexidade, mediacións... Moitas das novas actitudes son reflexo da propia impotencia, frustración e desorientación que xera o momento, ao que hai que engadir tamén os propios erros e sectarismos que emanan as organizacións tradicionais. Pero, máis aló do rechamante das súas insensatas intervencións, o realmente crucial é analizar como conseguir que esta base de activismo social deixe de ser un espazo autorreferencial que esteriliza esforzos, xera tensións innecesarias nas grandes loitas sociais e bloquea máis que activa procesos sociais.

 III

 A folga foi un éxito en tanto resposta social ás políticas do Goberno. Dificilmente o vai ser no que respecta a conquistas tanxíbeis. O Goberno non vai retirar a reforma laboral. E nada apunta a que vaia facer moitas concesións no caso da reforma das pensións. As razóns deste enroque son diversas e doadamente recoñecíbeis. Empezando polo recobrado poder (se é que algunha vez o perderon) do sector financeiro e os seus adláteres, as organizacións internacionais que non están dispostas a soltar a presa (FMI, OCDE, UE) e non van permitir ningún relaxamento nas políticas sociais. Doutra banda, a fronte interna representado polos poderes económicos do país e no que tamén se contan os asesores económicos de máis prestixio (empezando polo todopoderoso Gabinete de estudos do Banco de España). E tamén, porque Rodríguez Zapatero optou por se dotar dunha imaxe de firmeza e seguridade, mesmo dunha certa aureola de “político que sacrifica o seu prestixio e ideais en aras á súa responsabilidade”, como vía para tratar de escapar ao que pode ser a súa xubilación anticipada .

 No marco actual hai pouca marxe para a negociación. O mesmo ocorreu tras a folga de 1994 que foi incapaz de alterar o signo da política laboral e social.

 O dilema para os sindicatos é como seguir. Continuar a escalada de mobilizacións é unha posibilidade. De feito, é o que piden os sectores máis radicais. Pero o exemplo de Grecia ou Francia tampouco xera demasiado optimismo por canto a sucesión de meritorias loitas é insuficiente para alterar as políticas. Este é o drama dos próximos tempos. E é o drama que hai anos apreixa o movemento sindical. O desprazamento dos partidos socialdemócratas cara ao espazo neoliberal deixa sen referente no campo político ás loitas sociais. Permite mesmo que o seu discurso sexa presentado como un mero reflexo de intereses particulares (o das burocracias sindicais, os dos traballadores con emprego estábel....). E está claro que a mobilización debe, dun xeito ou outro, continuar.

 Para afrontar a actual situación requírese, ao meu ver, a suma de diversos aspectos. O primeiro, o desenvolvemento dun proxecto social alternativo ao neoliberal no que poidan inserirse cunha certa coherencia as demandas sociais. É unha tarefa difícil e que esixe un importante esforzo de reflexión, elaboración e proposta. Só posíbel se se conseguen axuntar enerxías e iniciativas sociais diferentes que cristalicen un mínimo referente, o que require desenvolver procesos que vaian nesta dirección. En segundo lugar, a posibilidade de que algunha forza política recolla este impulso e permita canto menos crebar a total hexemonía neoliberal na esfera política. Algo que vai máis aló mesmo do espazo nacional ou estatal. Non é tampouco un proceso sinxelo en ningún país, pero resulta máis necesario que nunca. No Estado español iso é aínda máis difícil pola incapacidade dunha parte do movemento sindical, até o momento, de se distanciar do PSOE, e pola existencia dos problemas de configuración nacional que complican os encaixes. E en terceiro lugar, o despregamento na sociedade dunha actividade cultural, prepolítica, orientada a deslexitimar a propaganda neoliberal, a romper o fraccionamento social, a desenvolver a participación e a reflexión. Demasiadas tarefas para sindicatos que padecen tamén de acomodamento e burocratización. Pero sen xerar dinámicas nestes tres campos temos políticas neoliberais e desastres sociais para moito tempo.

 De feito, o actual teito de mobilización xa se experimentou en 1994. Entón, a resposta sindical foi un repregamento respecto das súas posicións anteriores (a Proposta Sindical Prioritaria, de corte socialdemócrata avanzado, e a actitude mobilizadora que tivo lugar no período 1988-1992) e o predominio dunhas políticas de concertación social de baixo perfil. O crecemento económico posterior a 1995 e as tímidas políticas reformistas do primeiro goberno Zapatero permitiron que se desen modestísimos avances sociais ou que, canto menos, o desastre social tivese niveis “tolerábeis” (en gran medida porque os maiores custos do mesmo foron sostidos polo novo exército de reserva dos recén chegados, eles mesmos máis dispostos a tolerar uns custos sociais aceptados como “peaxe” de entrada). Poida que despois da Folga e a constatación da imposibilidade inmediata de reverter a situación a tentación do regreso á normalidade volva presentarse. Pero non parece que a conxuntura vaia ser igual de permisiva que no pasado. Ante a prolongación e endurecemento do contexto actual é hora de tomar en serio a necesidade dun cambio de estratexia.

 IV

 A convocatoria de Folga Xeral deu entrada a unha nova liña política por parte da dereita. Nos seus medios de comunicación (maioritarios) a crítica á convocatoria estivo directamente orientada á criminalización da acción sindical, a reclamar políticas dirixidas directamente a crebar as estruturas sindicais. Nunca a dereita foi favorábel aos sindicatos, os seus intereses de clase maniféstanse máis claramente que na esquerda, pero agora o ton e as propostas eleváronse a uns extremos que retrotraen aos tempos de Margaret Thatcher ou aos EEUU pre e post fase keynesiana. Facendo un resumo do que estes días dixeron os numerosos contertulianos e editorialistas de dereitas, o lema podería ser o de “sindicalista bo, sindicalista morto” e a plasmación política deste, medidas orientadas a eliminar os sindicatos do mundo laboral. Como as propugnadas por esa aspirante ao posto “Thatcher do Manzanares” polo que traballa con teimosía Esperanza Aguirre.

 Detrás desta ofensiva pode haber simple manobra política de curto alcance - atopar un discurso propio nun conflito no que o protagonismo correspondía a Goberno e sindicatos - ou un novo e perigoso xiro á dereita, a plasmación do cal se concretaría tras unha vitoria electoral do Partido Popular. A idea de liquidar os sindicatos estivo presente en toda a historia do capitalismo e traduciuse en prácticas diversas nos planos legal (prohibicións, normas de control, etc.), represivo e socio-organizativo. Un estudo atento aos cambios na organización do traballo permite recoñecer o obxectivo antisindical como un dos factores que xogan nas dinámicas de cambio organizativo. Unha pegada que é visíbel no desenvolvemento do taylorismo e o fordismo a principios do século pasado e que é así mesmo palpábel nos cambios na organización empresarial a partir da década dos setenta. A fragmentación da estrutura empresarial, as políticas de subcontratación en cadea e moitas das medidas de flexibilidade teñen como un dos seus obxectivos aumentar o control sobre a forza de traballo, o que inclúe minimizar o papel e alcance da acción colectiva. As políticas antisindicais son patentes en diversos modelos de capitalismo hexemónico, como o norteamericano previo ao New Deal, o xaponés ou o chinés. Sen descontar todos os réximes ditatoriais nos que o antisindicalismo constituíu un trazo esencial. O antisindicalismo forma parte da matriz ideolóxica da dereita española desde o inicio da industrialización. Agora que as reformas xa abriron paso á individualización das relacións laborais (vía despedimento lixo e posibilidades de descolgue xeneralizado dos convenios sectoriais) a tentación de acabar a choio cunha remoción das bases institucionais da actividade sindical non constitúe en absoluto unha ameaza menosprezábel. E se fose así estariamos asistindo á primeira ofensiva dunha batalla que podería continuar un posíbel Goberno do PP. Ou que, cando menos, lle serviría para paralizar a acción dos sindicatos coa ameaza de novas derrogacións de dereitos se se portan mal. Algo diso xa ocorreu no primeiro mandato de Aznar, cando UGT e CCOO preferiron optar por unha política de moderación por temor á aplicación de reformas laborais máis drásticas.

 Xa que logo, non hai que desprezar a posibilidade de que esteamos asistindo á apertura dunha nova ofensiva antisindical contra toda forma de acción colectiva autónoma da poboación asalariada. E para evitalo tamén é necesario desenvolver unha política de amplo alcance que xere unha resistencia social de suficiente envergadura. Os sindicatos, especialmente os grandes, deben ser conscientes que aínda que manteñen unha importante presenza social teñen un baixo nivel de aprecio e estima en amplos sectores de asalariados. Que na situación de desconcerto actual as propostas populistas, profundamente antidemocráticas e antiobreiras poden pescar en río revolto. E que sen unha maior sensibilización e achegamento ás bases sociais o perigo pode traducirse en desfeita.

 Que unha ameaza exista non garante que se adopte a resposta adecuada. De feito a mesma pode traducirse nunha continuidade das políticas sindicais actuais. E seguir confiando no papel do PSOE como mal menor. Para Zapatero as fanfurriñadas antisindicais da dereita pódenlle resultar unha baza a xogar. As chiscadelas que el mesmo e os seus ministros realizaron ante a folga indican algo respecto diso. Pero alguén que só ofrece submisión ao sistema financeiro, que ataca con tanta insensatez o sistema de negociación colectiva, non debería poder presentarse nunca máis como garante de dereitos sociais nos que cre pouco. O momento é de xiro estratéxico, de traballo duro e de resistencia intelixente. Quen non o entenda pode ser a próxima vítima dun proceso que de momento xa deixou a millóns de persoas na inseguridade do desemprego, a precariedade laboral, o endebedamento e os problemas de vivenda.

 V

 A Folga Xeral evitou o peor, o fracaso da mobilización. E con iso mostrou que aínda queda capacidade de resistencia social. Pero os tempos seguen sendo duros e esixen de todos honestidade intelectual, coraxe e traballo para afrontar en serio a ameaza dun mundo con moitas desigualdades, poucos dereitos sociais, escasa democracia e desfeita ambiental ao noso carón. A loita debe seguir: nos centros de traballo, na rúa, pero tamén na produción de proxectos, de referencias culturais, na xeración de solidariedade e empatía entre os que seguimos pensando que un feixe de potentados non teñen dereito a dominarnos.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 9 de outubro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com