
O pasado día 10 de decembro tivo lugar o Día Internacional dos Dereitos Humanos, unha data que Aminetu Haidar pasou na terminal do Aeroporto de Lanzarote, logo de levar preto de 26 días en folga de fame por ser detida e expulsada de xeito ilegal polas autoridades marroquís (porque segundo Rabat, negouse a cumprimentar adecuadamente o formulario de ingreso no país ao especificar que o seu país de orixe era o Sáhara Occidental e non Marrocos), despois de ser retida ilegalmente polo goberno do estado español (por non estar en posesión do pasaporte, que lle foi incautado polo goberno de Marrocos), e por tanto, sen posibilidade de voltar a El Aaiún contra a súa vontade.
Esta activista está sendo protagonista da actualidade mediática pola súa decisión de poñerse en folga de fame, e por reivindicar un dereito internacional como é o agrupamento familiar, que lle está sendo negado, e estar así a carón da súa filla e ao seu fillo. Pero é o símbolo tamén da loita dunha nación sen estado, a saharauí, oprimida e reprimida por reivindicar o seu dereito á autodeterminación.
Aminetu representa a loita e a dignidade dun pobo que foi traizoado primeiro polo estado español, cando en plena dictadura franquista cedeu a administración deste territorio a Mauritania e Marrocos, tras a invasión militar marroquí do Sáhara Occidental. Un mes antes, alá por 1975, o Tribunal de Xustiza da Haya resolvía que o pobo saharauí tiña dereito á autodeterminación.
Nestes 34 anos, houbo unha guerra de por medio entre a Fronte Polisaria e Marrocos, que trouxo consigo o desprazamento dunha gran parte da poboación saharauí cara os actuais campamentos de refuxiadas e refuxiados no deserto de Tinduf, en Arxel, tras sofrer bombardeos da aviación marroquí con fósforo branco e napalm. Pero que foi seguida do abandono da loita armada en 1991, e do acordo de celebración dun referendo de autodeterminación a proposta das Nacións Unidas en 1992, consulta que ate o de agora non tivo lugar (a ultima data oficial para a súa celebración é de xullo do ano 2000), por culpa do goberno de Rabat. Durante todo este tempo nin socialistas nin populares interviron no conflito, afianzando as súas relacións, pola contra, co goberno de Marrocos.
Estamos ante o caso dun pobo que é negado por quen ocupa o seu territorio (Marrocos), por quen foi nun tempo o seu colonizador (o goberno español) e pola pasividade dos organismos internacionais como Nacións Unidas, que pese a darlle a razón, non efectiviza os acordos nin sanciona á dictadura marroquí.
A súa folga de fame veu precedida de toda unha vida adicada á causa saharauí. Desde principios dos 80 uniuse á resistencia pacífica contra as forzas de ocupación marroquís. En 1987 ficou desaparecida durante catro anos por organizar e participar nunha manifestación pacífica con motivo da chegada ao territorio saharuí da Comisión técnica da ONU, encargada de avaliar as condicións para a celebración do referendo de autodeterminación preconizado polas Nacións Unidas, sofrendo todo tipo de torturas e abusos ate o ano 1991, cando foi posta en liberdade.
Desde entón adicou todos os seus esforzos a denunciar as violacións dos dereitos humanos da poboación saharauí na zona ocupada por Marrocos, participando no Comité de Coordinación das vítimas de desaparicións forzosas e detencións arbitrarias no Sáhara, no Comité pola liberación de Sidi Mohmed Daddach e de todos os presos saharauís, no Comité preparatorio para dar a coñecer a sorte dos desaparecidos e desaparecidas saharauís en 2003, volta a ser agredida en 2005 nunha manifestación pacífica en El Auiún, detida e encadeada.
Pouco sabemos da situación deste pobo, e menos aínda, do papel que desempeñan as mulleres dentro da sociedade saharauí. A penas se fala da Fronte Polisaria, e por tanto, descoñecemos a existencia da Unión Nacional de Mulleres Saharauís, unha organización vinculada á Fronte, que representa ás mulleres saharauís, e que cumpre un papel fundamental no sostenemento dos campamentos da poboación refuxiada e no desenvolvemento do pobo saharauí no seu conxunto. Creada en 1974 pola necesidade de unión de todo un pobo polo dereito de autodeterminación e pola conciencia da importancia de visibilizar a presenza e o protagonismo das mulleres na sociedade saharauí. Unha organización que celebra cada 5 anos o seu Congreso, cuxo Secretariado Nacional se reúne unha vez ao ano, e que conta con Burós como o Executivo Nacional, os Burós Rexionais e os Burós Executivos locais e de sectores profesionais, que se reúnen unha vez ao mes. Toda esta estrutura vese arroupada, asemade, pola participación da UNMS como membro da Federación Democrática Internacional de Mulleres, a Organización Panafricana de Mulleres, a Organización Non Gubernamental de Mulleres pola comunicación, a Unión Xeral de Mulleres Árabes, ou a Organización da Muller pola Paz, por citares algúns exemplos.
A situación da muller saharauí debemos analisala tendo en conta os seus orixes beduínos, pasando pola colonización española, ate a ocupación marroquí e a súa fuxida aos campamentos de refuxiados e refuxiadas, concebéndoa como muller árabe nunha sociedade maioritariamente musulmana.
Obviamos que as mulleres saharuís parten dunha historia nas que gozan dun estatus social prestixioso, que pode sorprender ao mundo, dentro do entorno árabe e musulmán e incluso occidental. Defenden como algo inalienábel á súa vida o dereito a autodeterminación do Sáhara Occidental. Practican o Islam como unha relixión que non discrimina aos sexos e non coa interpretación que se lle dá actualmente por parte dos integristas, reivindicando de xeito parello o respecto aos dereitos humanos das mulleres, como ponto de partida a un mundo máis igualitario, máis humano e máis solidario. Un mundo que se beneficie da experiencia e o capital humano que supoñen globalmente as mulleres nas sociedades árabes e musulmanas, e especialmente na saharauí.
Elas mesmas consideran ás mulleres saharauís como un oasis dentro do Islam, mulleres que puideron rachar cos estereotipos sobre as mulleres árabes e musulmanas, grazas ás súas raíces beduínas e nómadas da sociedade saharauí onde se respecta e se considera o papel que desempeñan na sociedade. As mulleres do Sáhara Occidental foron e seguen a ser protagonistas directas da loita do seu pobo pola súa liberdade e independencia nacionais.
Nos campamentos de refuxiadas e refuxiados prodúcese unha certa similitude coa primeira etapa nómada da historia do Sáhara Occidental, na que os homes permanecían ausentes durante longas tempadas en actividades comerciais. Nesta nova etapa, pola contra, a súa ausencia débese á súa participación no conflito imposto pola ocupación. Así as cousas, a ausencia dos homes e a capacidade organizativa das mulleres saharuís, facilitou a ocupación dos espazos polas mulleres.
Pero esta situación non é igual á da que viven as mulleres nas cidades ocupadas por Marrocos. Alí seguen a sofrir desaparicións forzosas, detencións abusivas, persecucións policiais, torturas físicas e psicolóxicas, así como violencia sexual. Cuestións das que, desde logo, ningún medio de comunicación fala.
34 anos de desprazamentos forzosos e de vulneración dos dereitos humanos non son noticia. 200 mil persoas continúan desprazadas da súa terra nos campamentos de refuxiadas/os nunhas condicións extremas. Pero as tertulias énchense de xeradores e xeradoras de opinión nas que se debate ao respeito de se hai que alimentar a Aminetu contra a súa vontade, ou de se o goberno debe enviar ao Sáhara a esta muller, co fin de que poida ver aos seus fillos e a súa nai. Cóbrese a realidade cunha enganosa e desvirtuada manta de radicalismo que encobre o valor, a tenacidade e a entrega dunha gran muller. Ou, no mellor dos casos, infórmase só ao respeito da necesidade dunha nai por reencontrarse cos seus fillos, relegándoa a un papel secundario, máis propio do estereotipo patriarcal.
Por todo o exposto, como nacionalista, como muller, como galega, súmome á reivindicación de Aminetu e de todas as saharauís:
- POLO DEREITO A NON SER MIGRANTE FORZOSA
- POLO CUMPRIMENTO DOS ACORDOS INTERNACIONAIS, QUE REMATE A OCUPACIÓN MARROQUÍ
- POLO REGRESO DO POBO SAHARAUÍ AO SEU PAÍS
- POLA SOBERANÍA DO SÁHARA OCCIDENTAL
E remato cunhas verbas que pronunciou o pasado día 5 Aminetu Haidar, por boca da súa avogada: “A única mensaxe que transmito ao goberno español, é que nin o cárcere, nin a desaparición forzosa, nin a tortura, nin a expulsión do traballo, puideron dobregar nin mudar os meus principios. As miñas conviccións non se venden” .
Galiza, 13 de decembro de 2009