Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
14/2/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entrevista a Samir Amin: “No caso exipcio, os EEUU sosteñen o réxime”

A historia de Exipto é a dun país que trata de emerxer desde comezo do século XIX, que foi derrotado polas súas propias insuficiencias, pero, sobre todo, polas agresións exteriores repetidamente sufridas...

- Verbo dos acontecementos que se desenvolven estes días en Tunisia e en Exipto, trátase de simples "revoltas populares", ou significan a entrada deses países en procesos revolucionarios?

Trátase de revoltas sociais potencialmente portadoras da cristalización de alternativas que poderían chegar a inscribirse a longo prazo nunha perspectiva socialista. Por iso o sistema capitalista, o capital dos monopolios dominantes a escala mundial, non pode tolerar o desenvolvemento deses movementos. Mobilizará todos os medios de desestabilización posíbeis, presións económicas e financeiras, mesmo a ameaza militar. Apoiará, segundo as circunstancias, xa falsas alternativas ou fascistizantes, xa a implantación de ditaduras militares.

 Non hai que crer unha soa palabra do que di Obama. Obama é Bush, con outra linguaxe. Hai nel unha duplicidade permanente. De feito, no caso exipcio, os EEUU sosteñen o réxime. Poden terminar considerando máis útil o sacrificio de Mubarak; pero non renunciarán a salvar o esencial: o sistema militar e policial. Poden albiscar a súa salvación nunha alianza cos Irmáns Musulmáns.

 De feito, os dirixentes dos EEUU teñen en mente o modelo paquistaní, que non é un modelo democrático, senón unha combinación entre un poder disque islámico e unha ditadura militar. Porén, no caso de Exipto, unha boa parte das forzas populares mobilizadas son perfectamente conscientes de todo iso. O pobo exipcio está moi politizado. A historia de Exipto é a dun país que trata de emerxer desde comezo do século XIX, que foi derrotado polas súas propias insuficiencias, pero, sobre todo, polas agresións exteriores repetidamente sufridas.

- Estes alzamentos son sobre todo cousa de xente precarizada, de licenciados en paro? Como o explica vostede?

O Exipto de Nasser dispuña dun sistema económico e social certamente criticábel, pero coherente. Nasser apostou pola industrialización para saír da especialización internacional colonial, que confinaba ao país na tarefa de exportar algodón. Ese sistema logrou asegurar unha boa distribución dos ingresos a favor das clases medias, pero sen pauperizar as clases populares. Esta páxina da historia exipcia pasou como consecuencia das agresións militares de 1956 e 1967, que mobilizaron a Israel.

 Sadat e máis aínda Mubarak traballaron para o desmantelamento do sistema produtivo exipcio, substituíndoo por un sistema moi incoherente, fundado exclusivamente na procura de rendibilidade. As taxas de crecemento exipcias, supostamente altas e invariabelmente celebradas desde hai 30 anos polo Banco Mundial, carecen totalmente de significado. É po nos ollos.

 O crecemento exipcio é moi vulnerábel, dependente do mercado exterior e do fluxo de capitais petroleiros procedentes dos países rendistas do Golfo. Coa crise do sistema mundial, esa vulnerabilidade manifestouse cun brutal estancamento. Aquel crecemento veu acompañado dun incríbel incremento das desigualdades e dun desemprego espantoso que castiga a maioría dos mozos. Unha situación verdadeiramente explosiva, que terminou por estalar. O que a partir de agora, e máis aló das iniciais reivindicacións de finalización do réxime e instauración das liberdades públicas, vai significar unha batalla política.

- Por que os Irmáns Musulmáns buscan agora presentarse como "moderados"?

 Porque ese o xogo que se lles pide agora. Os Irmáns Musulmáns nunca foron moderados. Non se trata dun movemento relixioso, senón dun movemento político que se serve da relixión. Desde a súa fundación, en 1920, polos británicos e pola monarquía, ese movemento desempeñou un papel activo de axente anticomunista, antiprogresista, antidemocrático. É a razón de ser dos Irmáns Musulmáns, e reivindícana. Declaran abertamente: se gañan unhas eleccións, serán as últimas, porque o réxime electoral sería un réxime occidental importado, contrario á natureza islámica. Nese aspecto, non cambiaron nada.

 En realidade, o Islam político foi sempre sostido polos EEUU. Durante a guerra contra a Unión Soviética, os EEUU presentaban os talibáns afgáns como heroes da liberdade. Cando os talibáns pecharon as escolas para mozas que crearan os comunistas afgáns, non faltaron nos EEUU movementos feministas que explicaban que había que respectar as "tradicións" dese país!

 Iso revela un dobre xogo: por unha banda, o apoio; polo outro, a instrumentalización dos excesos característicos dos fundamentalistas para alimentar o rexeitamento dos inmigrantes e xustificar as agresións militares. Conformado a esa estratexia, o réxime de Mubarak endexamais loitou contra o Islam político. Ao contrario: o que fixo foi integralo ao seu sistema político.

- Podería dicirse que Mubarak subcontratou a sociedade exipcia aos Irmáns Musulmáns?

Absolutamente! Confioulles tres institucións fundamentais: a xustiza, a educación e a televisión. Pero o réxime militar quere conservar para si mesmo a dirección, reivindicada así mesmo polos Irmáns Musulmáns. Os EEUU utilizan ese conflito menor no seo da alianza entre militares e islamitas para asegurar a docilidade duns e outros. O esencial é que todos aceptan o capitalismo tal cal é. Os Irmáns Musulmáns nunca pensaron seriamente en cambiar as cousas. Polo demais, durante as grandes folgas obreiras de 2007-2008, os seus parlamentarios votaron co goberno contra os folguistas. Fronte ás loitas dos campesiños expulsados das súas terras polos grandes propietarios rentistas, os Irmáns Musulmáns toman partido contra o movemento campesiño. Para eles, a propiedade privada, a libre empresa e o beneficio son cousas sacras.

- E que perspectivas teñen para o conxunto do Oriente Medio?

Unhas perspectivas ben dóciles. Os Irmáns Musulmáns, como os militares, aceptan a hexemonía dos EEUU na rexión e a paz con Israel nos termos actuais. Uns e outros fan gala desta compracencia que permite a Israel proseguir a colonización do que resta de Palestina.

 

[Entrevista tirada do sitio web ‘Sin Permiso’, do 13 de febreiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com