O problema para a Seguridade Social é que, a non ser que a gran maioría dos salarios suban, os ingresos á Seguridade Social non soben. Non é suficiente con que o grupo minoritario de salarios altos suba, pois unha parte considerábel dos salarios altos quedan excluídos de cotizar á Seguridade Social (unha situación semellante ocorre no Estado español onde un dos banqueiros máis ricos de España, o Sr. Emilio Botín, paga á Seguridade Social unha porcentaxe do seu salario moito, moito máis baixo que o dun simple empregado do seu banco).
Acábase de publicar un informe en EE.UU. que é especialmente relevante para o Estado español. O título é “Beyond Normal: Raising the Retirement Age is the Wrong approach for Social Security” (O atraso obrigatorio da idade de xubilación é a medida errónea para salvar a Seguridade Social) e analiza a experiencia que supón para o sistema de pensións públicas en EE.UU. a medida aprobada polo Congreso de EE.UU. de atrasar a idade de xubilación naquel país de 65 a 67 anos. A autoría do traballo é dun dos centros de investigación económica e social máis importantes de EE.UU., o Economic Policy Institute (EPI).
A tese de tal informe, documentada con gran evidencia científica, é que tal medida, ademais de danar o benestar social das clases populares, ten un impacto na viabilidade do sistema público de pensións menor que outras medidas que deberían terse tomado se as reformas se centrasen máis no capítulo de ingresos á Seguridade Social que no de gastos.
Sinala por exemplo, que, os ingresos ao sistema de pensións públicas en EEUU foron diminuíndo (en termos proporcionais) como consecuencia da crecente polarización das rendas, polarización que foi ocorrendo na sociedade estadounidense como resultado das políticas públicas que se foron desenvolvendo polo goberno federal durante os últimos trinta anos, medidas que, aínda non sendo as únicas, tiveron un papel determinante na polarización das rendas naquel país.
Os datos empíricos que apoian tal tese son contundentes. As rendas do capital creceron moito máis rapidamente que as rendas do traballo. E dentro destas últimas, houbo unha enorme desigualdade de crecemento, cun incremento moi notábel dos salarios dos profesionais de elevado nivel de renda, e un estancamento e mesmo descenso dos salarios da maioría da poboación traballadora (cun aumento, moi elevado por certo, do traballo subterráneo ou traballo negro).
O documento mostra como tal polarización das rendas afectou negativamente os ingresos ao sistema de pensións. Posto que en EEUU (tal e como ocorre en todos os países en que as pensións públicas se financian a base das cotizacións baseadas no traballo) os ingresos á Seguridade Social derivan das rendas do traballo, atopámonos que canto menores sexan as rendas do traballo como porcentaxe da renda total, menores son os ingresos á Seguridade Social. E a menores salarios e menor porción do salario que cotiza, menores son os ingresos á Seguridade Social.
O problema, pois, para a Seguridade Social é que, a non ser que a gran maioría dos salarios suban, os ingresos á Seguridade Social non soben. Non é suficiente con que o grupo minoritario de salarios altos suba, pois unha parte considerábel dos salarios altos quedan excluídos de cotizar á Seguridade Social (unha situación semellante ocorre no Estado español onde un dos banqueiros máis ricos de España, o Sr. Emilio Botín, paga á Seguridade Social unha porcentaxe do seu salario moito, moito máis baixo que o dun simple empregado do seu banco).
Se a contribución á Seguridade Social, porén, fose progresiva, en lugar de regresiva (como o é agora) e se os fondos do Estado á Seguridade Social fosen superiores (un 18%) aos existentes agora, tales ingresos serían equivalentes aos aforros que queren obterse a base de diminuír os beneficios, atrasando a idade de xubilación dous anos.
Estas observacións son aplicábeis ao Estado español, pois o noso país é un dos máis desiguais existentes na UE-15, como mostran os estudos da Luxembourg Study Groups (pero non os que se basean nos datos da OCDE que, ao estar baseados nas declaracións de renda dan unha visión moi optimista e pouco real da distribución da renda no Estado español).
Outra observación que fai o informe do EPI é que o cambio demográfico é sensíbel a intervencións públicas. O descenso tan notábel da natalidade do Sur de Europa débese ao pouco poder que a muller ten na sociedade, con escaso desenvolvemento dos servizos de axuda ás familias (como escolas de infancia e servizos de axuda ás persoas con dependencia) que permitan ás mulleres compaxinar as responsabilidades familiares (que debesen compartirse co home) co seu proxecto profesional.
O feito de que a natalidade no norte de Europa é moito maior que no Sur débese ás mellores condicións laborais e sociais nos países do norte que do sur da UE. Como di o informe do EPI o problema da xeración do baby boom non é o boom (a explosión), senón o bust (o descenso). Unha medida que facilitaría a solvencia das pensións futuras sería facilitar que as familias españolas tivesen o número de fillos que desexan, é dicir, 2 nenos. Pero, como ben sinala o informe do EPI, o impacto da xubilación do baby boom estase esaxerando, pois é transitorio e significaría só un ascenso do gasto relativamente menor (0.6% do PIB).
O que debería facerse é facilitar a integración da muller ao mercado de traballo esixindo ademais que se pague á muller como ao home (impedindo o crecemento das desigualdades que están empobreciendo á Seguridade Social) e asegurar que o crecemento da produtividade se traduza nun incremento salarial en lugar do crecemento das rendas do capital. O crecemento salarial determinaría o crecemento das contribucións da Seguridade Social.
Pero outra observación que fai o informe do EPI é a inxustiza que supón para moitos traballadores que se lles esixe que traballen dous anos máis. En realidade, sinala que o 40% da xente que tivo que xubilarse antes do que desexaban era por causas de enfermidade, ou por ter que coidar a outra persoa ou familiar, ou por perder o seu traballo. Os seus ingresos baixaron en picado.
É máis, a enorme discriminación que existe en EE.UU. (e no Estado español) verbo dos anciáns, fai moi difícil que poidan conseguir traballo de novo. En canto aos que continúan traballando, o 45% de traballadores con 65 anos traballan en traballos fisicamente esixentes, que consideran estresantes. Tal e como sinalei noutro texto, un gran erro (cun custo humano elevado) é asumir que o incremento da lonxevidade significa un atraso no proceso de envellecemento.
En realidade, para moitas persoas das clases populares, á idade de 67 anos, teñen agora menos anos de vida saudábel que hai vinte anos. Velaí que o informe do EPI sinale o profundamente inxusta que é esta medida de atrasar obrigatoriamente a idade de xubilación ao aplicarse por igual a todas as clases sociais.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 9 de febreiro de 2011