
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Vaise estreitando o cerco á caixa galega, nun proceso no que semella hai tempo que está decidido o acto final por parte do Goberno central: a bancarización. Sen dúbida as grandes mobilizacións cidadáns frearon o primeiro intento, cando xa se alentou a saída do SIP, o que conducía en cinco anos ao mesmo final.
En ambos os casos, malia que o noso país ten competencias neste tema, utilízase o Banco de España e o Ministerio de Economía como pancas que coas súas esixencias empurran polo camiño de despoxar a Galiza dun mecanismo importante de promoción da actividade económica.
Asemade semellan ocas as afirmacións do PSOE cando se di defensor da autonomía e, ao mesmo tempo, a valeira de contido, coincidindo na práctica coas esixencias centralistas do PP e o sector máis neoliberal e conservador do empresariado. Entre os dous grandes partidos españois só hai diferencias de formas, porén, con ambos foise estreitando a autonomía e chuchando competencias. Neste caso a crise dálles unha oportunidade argumental, ao que se suma o control sobre os maiores medios de comunicación de masas. Así, nuns casos, atribúese a responsabilidade das esixencias de novos requisitos ás caixas aos mercados (ou sexa, os capitalistas máis fortes e os seus representantes), e noutros, ás imposicións de Angela Merkel.
Segundo estas teorías hoxe en auxe, o Goberno central estaría atrapado, sen capacidade de manobra. Porén isto non xustifica que realice esixencias máis duras ás caixas que aos bancos, ou que preste todo tipo de axudas a estes últimos sen ningún tipo de requisitos e esixencia de responsabilidades. Tampouco se entende que aprobara e avalara a unión de Caixa Nova e Caixa Galicia, en función da súa viabilidade, e un mes despois mude de criterios.
Hai unha vara distinta de medir segundo o ente sexa privado ou semi-público, e o territorio que abranga. Apóstase claramente pola bancarización porén tamén pola desnaturalización territorial das caixas, para que deixen de ter un nexo coa nación ou rexión e adquiran un marco estatal. Iso foi o que se intentou coas SIP e o que agora se pretende coa intervención do Estado e a súa posta á venda posterior.
Non todo esta dito sobre este tema tan importante, xa que falamos da metade do aforro galego, e podemos e debemos mobilizarnos contra este novo despoxo. É difícil saber hoxe se teremos capacidade para evitalo. Depende de ata onde estean dispostas a chegar as clases dominantes para afogar as caixas galegas, sen dar máis alternativa que a súa bancarizacion e desgaleguización; porén tamén de cal sexa a actitude que manteñan os partidos con peso en Galiza e dependencia estatal.
En todo caso, pelexando sempre nos respectarán e ademais poderemos ollar claramente ata onde chega o amor por esta Terra e a súa xente de cada forza... que non é pouca cousa para poder construír sobre alicerces firmes.
[Artigo tirado do ‘Xornal’, do 14 de febreiro de 2011]