O procesamento de Baltasar Garzón semella ser unha boa ocasión para que algúns esquezan a historia da que foron actores principais nos anos inmediatamente posteriores á morte do ditador que gobernou con man de ferro o estado español despois do golpe de estado do 1936.
Durante moito tempo aqueles que esixían xustiza para as vÍtimas do franquismo, a depuración dos corpos xudiciais e policiais, etc… eran acusados de antidemócratas e extremistas; dado que a chamada transición democrática era o pacto imprescindíbel entre os dous bandos para deixar de mirar cara atrás e camiñar unidos pola senda da democracia e desa nova España que se quería integrar en Europa. Durante anos ese tema considerouse pechado e os maiores defensores de que non se tocara foron a dereita herdeira do franquismo por interese lóxico e o PSOE e o PCE que agardaban actuando así eliminar aos adversarios á súa esquerda e ao nacionalismo e facerse coa hexemonía da representación política.
E son agora moitos deses que pactaron a transición desde unhas supostas posicións de esquerda os que están laiándose e botando as mans á cabeza polo feito de que un partido político legal como Falange ou un suposto sindicato tamén legal como Manos Limpias denuncien ao superxuíz Garzón.
Está claro que nas denuncias contra Garzón hai intereses dos sectores máis reaccionarios e dunha xudicatura que se leva auto-reproducindo desde a ditadura, pois non houbo unha depuración de todos aqueles que tiveron responsabilidades na represión, e non é menos certo que esa institución sigue sendo sustento da dereita e da reacción, unha reacción que se nega a que se investigue o pasado e se faga xustiza; pero de aí a erguer un movemento popular en defensa do xuíz estrela hai un abismo, pois son moitas as sombras que hai sombras na súa traxectoria.
Si algo vén caracterizando a Baltasar Garzón é a súa atracción polos focos e a deficiente instrución de moitos dos seus casos, nos que na maioría das veces sobran efectos especiais e falla seriedade, tal e como amosan os resultados finais. Podemos poñer exemplos de operacións espectaculares e moi mediáticas como o caso Nécora cando o 12 de xuño de 1990 chegou á ría de Arousa subido a un helicóptero con centos de policias e gardas civís para rematar coas redes do narcotráfico, xerando unha grande espectación e convertíndose no santo máis avogoso de nais que sofrían o inferno de ter aos seus fillos enganchados, pero finalmente as condenas foron escasas debido fundamentalmente a erros e excesos na súa instrución e quedou en moita xente a idea de que os narcos eran intocábeis. Algo semellante se pode decir do caso Al Kassar, da fraude do liño ou da mediática petición de extradición de Pinochet. Todos quedaron finalmente en nada.
Pola contra si que foi efectivo no aspecto político sendo perfecto executor da estratexia dos diversos ministros do interior en todo o referido a Euskadi. Foi Garzón quen cometeu un grave ataque á liberdade de expresión co peche do xornal Egin, e foi el quen enviou a prisión a centos de persoas que despois na maioría dos casos sairon absoltas, pero ás que ninguén lles indemnizou polo tempo pasado na cadea; a súa grande eficiencia nestes casos permitiu inviabilizar durante anos un debate que moitos trataban de dar na esquerda abertzale, pois as súas actuacións enchían de argumentos a aqueles que defendían o uso da violencia como único xeito de acadar obxectivos políticos fronte aos que defendían a vía da actuación política e da mobilización social.
Nunha verdadeira democracia non se poden esquecer crimes como os que cometeu a ditadura de Franco, e nunha verdadeira democracia os herdeiros ideolóxicos dos ditadores non deberían ter dereito a impedir que se faga xustiza, pero tampouco se pode convertir en heroe a alguén que ao longo da súa traxectoria ten amosado moitas veces o seu interese por alimentar o ego persoal fronte á súa pouca preocupación por impartir unha verdadeira xustiza.
Non me vale que os que se enchen a boca falando dos logros da transición democrática veñan agora a pedir contas porque algúns estean aproveitándose do pacto ao que eles chegaron; un pacto que permitiu a importantes cargos do rexime fascista ser considerados pais da democracia, e diso por desgraza sabemos moito en Galiza.
[Galiza, 13 de abril de 2010]