Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
14/6/2010
Do xornal vasco Gara.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Grecia: Entrevista con Sotiris Zarianopoulos: “A clase traballadora será a gran vítima do capitalismo en todos os países"

Estas medidas foron decididas hai xa uns anos. A crise é a oportunidade para implementalas, pero non a súa orixe. Foron decididas cos tratados de Maastricht e de Lisboa, e foron apoiadas polos conservadores, os socialdemócratas e os partidos políticos oportunistas...

- Como está a situación económica en Grecia?

Desde que os socialdemócratas do PASOK chegaron ao poder incrementáronse os ataques contra os traballadores en Grecia até un nivel que non se deu despois da Segunda Guerra Mundial. Calquera simple dereito de calquera traballador, tanto do sector público como do privado, está sendo abolido. Os salarios estanse reducindo até un 50%, o mesmo que pasa coas pensións no sector público e privado.

- De canto diñeiro falamos?

A media salarial era antes de 740 euros, agora son 500 euros, especialmente nos novos traballadores, os máis novos. A media das pensións estaba en 660 euros, despois baixou a 360 euros. Respecto da Seguridade Social acordouse a semana pasada unha nova reforma de pensións en Grecia co visto e prace da Unión Europea. Aprobarase este mes no Parlamento. Para acceder a unha pensión completa haberá que cotizar 40 anos e a vida laboral prolongarase aos 70 anos. Moi poucos van poder acceder a unha pensión. Instauraron o despedimento libre, para todos, calquera empregador pode despedir os traballadores cunhas indemnizacións que se reduciron nun 50%. Xeneralizouse o traballo flexíbel e privatizáronse a Educación e a Sanidade. Aumentáronnos os impostos aos traballadores co IVE do 19% ao 23% e aos empresarios reducíronlles do 45% ao 20%. Os beneficios empresariais cotizan só ao 10% e os traballadores soportamos unha presión fiscal do 35%.

- Quen máis sofre é quen menos ten?

Está habendo un aumento de axudas para as empresas e bancos, mentres se privatiza todo. Grecia está en venda. Hai uns días asináronse axudas do Goberno grego e a UE que entregaron 380.000 millóns euros aos bancos. Saquean os nosos salarios e eles obteñen financiamento sen problemas. Outro dos cambios supuxo que haxa axudas á contratación de novos traballadores, que poden chegar á totalidade do salario e as cotizacións sociais pagadas polo Estado; pódelles saír gratis. Os traballadores con máis antigüidade van ser despedidos porque van contratar con menos dereitos laborais a xente nova. Practicamente todo o soldo vai ser pagado polo Estado grego de acordo co novo modelo de contratación.

- Farán folga se se aproba a reforma das pensións?

Calculo que en torno ao 20 ou 21 de xuño convocaremos unha folga dun ou dous días. Ademais, PAME está a propor novas folgas para o verán. Será a oitava ou novena folga xeral desde decembro.

- Europa sempre presumiu de modelo social, mais axiña empeza a descomporse; como se pode terminar con este sistema que fortalece o neoliberalismo?

Estas medidas foron decididas hai xa uns anos. A crise é a oportunidade para implementalas, pero non a súa orixe. Foron decididas cos tratados de Maastricht e de Lisboa, e foron apoiadas polos conservadores, os socialdemócratas e os partidos políticos oportunistas. Son medidas apoiadas no Parlamento grego polos conservadores de Nova Democracia, os socialdemócratas do PASOK e a coalición chamada de esquerdas, un conglomerado de reformistas e oportunistas, os que abrazaron o eurocomunismo. Estas medidas vanse xeneralizar en toda Europa.

- No Estado español e en Portugal van nesa dirección, os recortes esténdense a Alemaña, Gran Bretaña, Estado francés...

Non van ser só para paliar a crise e neses países, senón que se imporán en todos e para as xeracións vindeiras. Son estruturais, non o dubide.

- Como se poden frear?

Chamamos a todos os traballadores a alzarse, a erguerse, porque a situación será dramática nas próximas décadas. Os próximos anos van ser duros e vai haber moitos sacrificios, pero en calquera caso desde PAME pensamos que a loita supón moitos sacrificios. Por exemplo, por participar nas folgas estase despedindo a traballadores, pero son sacrificios necesarios porque coa nosa forza podemos cambiar a situación. Non aceptamos que nos digan que nos sacrifiquemos polo país na redución do déficit das políticas que practicaron os poderosos. En calquera caso, o sacrificio que supón a loita sempre será mellor que o sometemento que pretenden facer coa clase traballadora.

- Que é o que se debe facer?

O máis importante para nós é cambiar a forma de pensar dos traballadores, que superen o medo aos despedimentos. Deben ser conscientes da súa habilidade e capacidade de cambiar as cousas, porque somos maioría na sociedade, producimos todo e os capitalistas, nada. Queremos ter o dereito de facernos co que producimos. Pensamos que os sindicatos deben dirixirse aos traballadores e chamar para que non voten a estes partidos que apoiaron estas medidas regresivas para a clase traballadora. É necesario golpear a estas políticas e aos partidos políticos que as apoian, alí onde se produzan, nas eleccións xerais, as municipais e, especialmente, aos sindicatos que apoian esas medidas.

- Por que triunfou o PASOK nas últimas eleccións?

O PASOK foi aprobado, déronlle o visto e prace os capitalistas e os empresarios porque sabían que controlaba os sindicatos, o conglomerado que forma o GSE. A socialdemocracia é a que fai o traballo sucio do poder económico. En PAME estamos impulsando folgas que si están pondo nerviosos ao poder. O que hai que ter en conta é que o ataque é xeneralizado en toda Europa. O poder apóiase no rol que xogan os sindicatos conciliadores, como a CES europea, para avanzar na agresión contra os traballadores.

- Onde está a saída segundo o PAME?

O noso obxectivo é continuar nesta loita, sostela no tempo. Os traballadores e os sindicatos deben decidirse a loitar por un novo modelo de desenvolvemento social, de socialización das empresas estatais gregas e avanzar a unha economía planificada e controlada polos traballadores. Este momento de crise é unha oportunidade para o movemento de orientación de clase para conseguir eses logros máis rápido.

- En vista de que a crise grega se estende pola UE, os gobernos rendéronse aos poderes económicos?

Os gobernos non fracasaron, senón que un dos seus obxectivos era implementar estas políticas para que a UE sexa tan competitiva como Estados Unidos e China. É un vello problema que o capital europeo está obrigado a resolvelo agora á conta dos traballadores. En PAME temos claro que a crise non está custeada polos capitalistas, senón polos salarios dos traballadores. O diñeiro público non vai aos salarios nin á Seguridade Social, senón que se destina neste momento ás empresas. Deste xeito, as empresas obteñen beneficios e os traballadores empobrécense. A clase traballadora será a gran vítima do capitalismo en todos os países se non é capaz de reaccionar ante estas agresións continuas.

- Os traballadores deben ser as vítimas?

Non. O noso reto principal é cambiar esa situación, porque se non será dramática para os traballadores. É o momento para radicalizar a loita, de que os traballadores e sindicatos discutan, debatan e decidan a favor dun novo modelo de desenvolvemento e outro poder político á fronte dos estados.

- PAME ten o apoio do Partido Comunista?

O KKE, partido comunista de Grecia, apoia a PAME. A nosa organización non é só de comunistas, pero nos apoia. Os nosos detractores atacan a PAME para atacar o KKE. Demostra que o Estado e o capital teñen medo da capacidade dos traballadores que loitan por un novo modelo socioeconómico. Falan xa de debilitar as liberdades sindicais e sociais, de modificar a lexislación sobre as folgas para endurecelas. Están tratando de golpear os folguistas e encausarnos aos de PAME e os nosos delegados. Teño tres ou catro xuízos pendentes

___________________________________________________________

Sotiris Zarianopoulos é membro Comité Executivo de PAME, central sindical grega de orientación marxista.

___________________________________________________________

[Entrevista tirada do xornal vasco ‘Gara’, do 14 de xuño de 2010]

cig.prensa@galizacig.com