Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
14/6/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estado español: A persistencia do paro masivo

Cinco millóns de parados e subindo, persistindo, son moitos. Suscitan moitas preguntas sobre as causas, sobre as medidas que hai que tomar. Provocan unha interpelación permanente aos políticos e aos técnicos sobre que solucións adoptar, sobre como atallar a cuestión.

 Tamén ofrecen moitas oportunidades aos vendedores de receitas máxicas, aos engaioladores, aos ignorantes; son especies que abundan e proliferan cando o paro crece, como os cogomelos ou os caracois tras as choivas de outono.

 Non hai vía máis sinxela para eludir as interpretacións erróneas que a análise detida da realidade, iso que se lle debe esixir a toda ciencia seria. Unha guía para entender o mundo real, para axudar a atopar respostas. Pero o que se siga un bo método non garante a infalibilidade, pois os erros e os camiños errados forman parte do propio proceso de aprendizaxe e investigación. E, por outra banda, o propio quefacer científico está contaminado por inclinacións diversas: as que xeran as ideoloxías dos propios científicos, as que provoca o financiamento privado e as que produce o propio sistema académico, decote tan xerarquizado e organizado como outras institucións sociais. Unhas inclinacións que son máis evidentes nas ciencias sociais, nas que nin están dispoñíbeis moitos dos métodos de investigación das ciencias naturais nin o obxecto de estudo (as persoas, os grupos sociais) constitúe un obxecto pasivo de investigación.

 Todos estas inclinacións están particularmente presentes na que ás veces pretende ser a ciencia social por excelencia, a economía, e que, observada con lupa crítica, aparece como unha combinación de coñecementos reais, lugares comúns e ideoloxías. É por esta razón pola que sempre resulta necesario descodificar e analizar as afirmacións maxestáticas dalgúns individuos que falan desde o púlpito arrogándose un coñecemento verdadeiro. Tal é o caso do señor gobernador do Banco de España, arroupado polo coro dos cen (ou douscentos; un perdeu a conta) “mellores economistas teóricos do país”. Uns economistas tan bos que non souberon predicir os erros do sistema financeiro nin alertar dos perigos do noso modelo produtivo, que non explicaron por que as axudas ao sistema financeiro non se transmitiron ao sector real, e que simplemente levan anos limitándose a tratar de inculcarnos que todos os nosos problemas se reducen a dúas cuestións chave: as regulacións do mercado laboral e o excesivamente xeneroso sistema de protección social. Porén, eluden explicarnos como este sistema regulatorio -que, segundo suxestión de Fernández Ordóñez, “crea pánico a contratar”- puido no pasado recente xerar o maior crecemento de emprego da nosa historia, á vez que permitía que o peso das rendas do traballo se mantivese constante ao longo do tempo (e por baixo do 50% da renda nacional) a pesar de que o crecemento provocou un notábel aumento da porcentaxe de asalariados na poboación ocupada.

 E é que, como ocorre noutros eidos, ás veces un ve o que quere ver e obsesiónase en mirar as cousas desde un ángulo erróneo perdendo de vista outras posibilidades de percepción, deixando fóra outras hipóteses que nos permitirían detectar outro tipo de cuestións. A miña suxestión é que, para entender o desemprego, a mellor pista é analizar cales foron os elementos que explican o crecemento e a destrución de emprego, cal é a estrutura económica que sustenta este proceso.

 Cando se realiza o devandito exercicio, o que se percibe é outra interpretación da historia. E o que emerxe é que o problema do paro no Estado español está indisolubelmente ligado a unha historia de especialización produtiva que non podía acabar doutra forma. Unha historia que inclúe un proceso paulatino de desindustrialización, iniciado por mor da crise de 1975 e da internacionalización da nosa economía, e que se agravou en cada recesión. Unha desindustrialización que, ao non estar asociada a un cambio substancial no noso modelo de consumo (na vía dunha sociedade máis “desmaterializada”), xera problemas sistemáticos na balanza de pagamentos que se traducen nun endebedamento externo. Un desenvolvemento insuficiente do sector público asociado ao éxito das elites económicas á hora de impor a hexemonía das políticas de baixos impostos. Neste contexto, gran parte do impulso económico asociouse ao binomio turismo-construción. Ao final da expansión, o peso deste último sector no Estado español era case o dobre que a media europea, e a súa desfeita inevitábel permite entender gran parte do problema actual: a destrución de emprego na construción explica, por si soa, máis do 52% de todos os postos de traballo destruídos entre o terceiro trimestre de 2007 e o primeiro de 2011. O resto son maioritariamente empregos industriais, especialmente concentrados en sectores vinculados á propia construción (madeira, moble, estruturas metálicas, cemento e materiais de construción), e iso sen perder de vista o impacto que tiña o sector nalgunhas actividades de servizos (inmobiliarias, transporte, empresas de enxeñería e arquitectura, etc.). O pánico a crear emprego non se debe ás regulacións laborais, senón ao colapso dun sistema produtivo que é necesario transformar. Ninguén vai crear emprego na construción cando hai millóns de pisos baleiros, nin tampouco nas empresas industriais pechadas.

 Os economistas neoclásicos adoitan traballar con modelos de “pizarra”, en que a economía sobe e baixa respondendo inmediatamente a pequenos cambios nas variábeis económicas. Por desgraza, a economía real é moito máis complexa: a actividade produtiva e os investimentos requiren tempo para materializarse, a información é imperfecta, moitos mercados están controlados por oligopolios, o tamaño importa, os comportamentos das persoas son complexos... E cando a economía se deprime, os investidores paralízanse, como explicaron moi ben os economistas keynesianos. Hai vinte anos púxose de moda o concepto de “histérese”. Reflectía un feito empírico relevante: cando se xeraba paro masivo, este tendía a manterse durante longo tempo (xa que logo, debía tratar de evitarse a caída masiva do emprego). A destrución dunha estrutura produtiva con motivo das crises e a dificultade de recompola a curto prazo son, sen dúbida, as explicacións máis verosímiles do fenómeno.

 Se este diagnóstico é acaído, saír do desemprego masivo esixe un cambio estrutural que require clareza de ideas, vontade de reformas e... tempo. Trátase en todo caso dunha transformación difícil de realizar que, dado o que sabemos acerca dos retos ambientais, as desigualdades, as características da poboación etc., require un complexo armazón de políticas orientadas a cambiar, para mellor, o noso modelo de produción e consumo. E que deberá facer fronte á resistencia dos intereses dominantes, internos e externos, que seguen conspirando para que todo siga igual. É evidente que MAFO e os seus rapaces forman parte destas forzas reaccionarias que impiden que discutamos en serio como reorientar a situación.

 Por certo, os cinco millóns de parados non se explican só polos 2,3 millóns de empregos destruídos, senón tamén pola chegada dun millón de mulleres adultas ao mercado laboral, feito que en gran medida pon de manifesto a enorme inseguridade económica que padece gran parte da poboación traballadora, e que é unha expresión adicional dun modelo social que non protexe a subsistencia da maioría da poboación. Os exabruptos do señor gobernador poden lerse de varias formas, como resultado da súa ignorancia ou da súa mala fe, ou como simple cortina de fume para ocultar a súa responsabilidade e a dos seus na xeración dun enorme problema social.

P.D.: Nun panorama negro ás veces hai ledicias. ‘El País’ do sábado 28 de maio dá noticia dun manifesto de personalidades israelís favorábeis a un Estado palestino. Entre os asinantes figura o premio Nobel de Economía Daniel Kahneman. Kahneman, un psicólogo cognitivo, mostrou nos seus traballos que os nosos comportamentos difiren dos da economía estándar. A pesar do Premio Nobel, é unha das voces silenciadas do que se ensina como “ciencia económica”. Conforta comprobar que alguén de quen un aprendeu cousas interesantes é tamén unha persoa con coraxe moral e clarividencia empírica. Se cadra tamén por isto sigo pensando que a crítica á mala economía non pode levarnos a desprezar o esforzo de coñecemento científico do funcionamento económico.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 8 de xuño de 2011]

cig.prensa@galizacig.com