Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
Inventario das técnicas para socializar as perdas dos bancos

A reestruturación "ordenada" do sistema financeiro potenciará o oligopolio no sector, cando os apoloxetas deste sistema capitalista falaron do saudábel que é a competencia. Os clientes terán máis difícil darlle as costas, porque as opcións que dá o sistema son igual de amábeis á entrada e igual de antipáticas na saída.

 O atraco dos 100 mil millóns de euros é o último, pero antes as axudas públicas e as argalladas dos bancos para tapar os buracos xa alcanzaran unha cantidade e complexidade que intento reducir a unhas ideas.

 Antes da picada da burbulla financeira, inmobiliaria, construtiva, os bancos endebedáronse con outros bancos internacionais para manter a febre especulativa e constructura. As súas garantías eran activos inmobiliarios sobrevalorados polo efectos especulación. Tivéronse que tragar promocións e vivendas devaluadas e inconvertíbeis en líquido para afrontar os xuros e a amortización do capital da súa débeda. Desde aquela, lembro todos estes capítulos para "sanear" a estas entidades enfermando o corpo social:

 - Antes mesmo da creba de Lehman Brothers os bancos lanzáronse a unha guerra de depósitos, posibelmente polos efectos da contracción do crédito, aínda non anunciada. Precisamente para tranquilizar os depositarios durante o medo por esa creba aumentouse a cantidade asegurada polos Fondos de Garantías de Depósitos de 20.000 a 100.000. Por aquela época, a cantidade de depósitos era varios centos de miles de millóns a cantidade do FGD era duns poucos miles. O importante era dar confianza con palabras ocas e non analizábeis pola poboación en xeral.

 - O Fondo para a Adquisición de Activos Financeiros (FAAF) foi creado por Real Decreto-Lei 6/2008. O Estado pasáballe liquidez ás entidades bancarias. Actualmente, ese diñeiro estase devolvendo ou xa se devolveu.

 O Fondo para a Adquisición de Activos Financeiros (FAAF) é un Fondo creado coa finalidade de apoiar a oferta de crédito á actividade produtiva de empresas e aos particulares.

 Está administrado, xestionado e dirixido polo Ministerio de Economía e Facenda, e contará cunha achega inicial de 30.000 millóns de euros, ampliábeis até 50.000 millóns de euros.

 Este Fondo adquirirá das Entidades de Crédito, con criterios de mercado, activos de máxima calidade, primando os apoiados por novo crédito para garantir que o financiamento chegue a empresas e cidadáns.

 - Antes da crise da débeda soberana grega a finais de 2009 e principios de 2010, xa se creou un novo instrumento para contentar as entidades bancarias, o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que se vai converter nos próximos meses/anos en algo tan familiar para a poboación en xeral como a prima de risco. Era unha ferramenta para favorecer a privatización das caixas, unha das privatizacións máis graves da historia deste país.

 Ten por obxecto xestionar os procesos de reestruturación de entidades de crédito e contribuír a reforzar os recursos propios das mesmas, nos termos establecidos no devandito Real Decreto- lei.

 En principio, nove mil millóns procedentes dos contribuíntes e do fondo que se creou para garantir que lles devolven aos depositarios o diñeiro depositado. Xa sabemos que ocorreu con 4.465 millóns, que Bankia non os devolveu ao Estado.

 - Rescatáronse a Caja Castilla La Mancha (6.000 millóns), Cajasur (1.100 millóns), CAM (6.000 millóns), Unimm (3.000 millóns), Novacaixagalicia (3.500 millóns), Banco de Valencia (3.000 millóns), xa sexa con empréstitos fáciles ou xa sexa con accións xa sexa con débeda convertíbel en accións.

 -En todo este tempo déronse cantidades enormes de avais a emisións de débeda das entidades financeiras. Cada Orzamento Xeral do Estado desde hai anos abría unha liña de avais até os 200.000 millóns deste ano. Se houbese unha creba de entidades de crédito o Estado teríase que facer cargo dese volume xigantesco de débeda. Para que se fagan unha idea do seu desenvolvemento, vexan as emisións avaladas este ano, até xuño.

 - É estimábel toda esa transferencia de capital do Estado aos bancos e a súa fianza. Pero quizais a maior das axudas veña da facilidade de crédito do BCE. Falamos de centenas de miles de millóns que foron parar a mans destas entidades de crédito a baixos tipos de xuros. Sempre criticamos que estes créditos se volvían contra o interese xeral, xa que esas mesmas entidades logo usaban a axuda contra o interese xeral, participando na especulación sobre as emisións de débeda pública, nun caso evidente de ingratitude.

 - Pero ademais de todos eses empréstitos e adquisicións de accións procedeuse a unha facilitación da corrección da súa situación permitindo irregularidades que tiveron graves consecuencias. O cambio das normas contábeis para falsificar os balances e anotar o valor dos activos inmobiliarios a prezos anteriores á súa caída provoca unha falta de credibilidade nos “mercados”, o que é castigado dentro da súa lóxica con operacións de encarecemento do custo da débeda, co que ao final a débeda pública crece mentres destas entidades descende.

 - Tamén se permitiron dúas grandes fraudes: as preferentes, sen devolución ou con vencemento a longo prazo a persoas que crían contratar un simple depósito a prazo fixo. A outra estafa é a oferta pública de accións ocultando a realidade que había detrás da entidade. Co escaso control nesas dúas técnicas dos bancos por obter fondos, o Estado ou unha institución como o BCE non perden recursos públicos, senón que o banco con enganos conségueos directamente da poboación.

 - Despois de referirme aos contribuíntes e os aforradores-investidores, faltan por identificar outras vítimas sociais do proceso de socialización das perdas das entidades de crédito. Refírome aos beneficiarios das actividades sociais e culturais da Obra Social. Sen ter en conta a súa elevación nos anos da burbulla, anos non significativos, poderiamos calcular que a poboación en xeral perde uns mil millóns de investimento social e cultural.

 - Outros damnificados serán os traballadores, que seguramente recibiron as presións para enganar os clientes empurrándoos a contratar créditos, plans de pensións, plans de investimento, preferentes... Dentro da reestruturación "ordenada" do sistema financeiro os expedientes de regulación de emprego serán o pan de cada día.

 - Esa mesma reestruturación potenciará o oligopolio no sector, cando os apoloxetas deste sistema capitalista falaron do saudábel que é a competencia. Os clientes terán máis difícil darlle as costas, porque as opcións que dá o sistema son igual de amábeis á entrada e igual de antipáticas na saída.

 En resumo, contribuíntes, aforradores, traballadores, clientes e beneficiados da Obra Social custearán a configuración do capitalismo que vén, máis excluínte, máis dominante, máis dependente dos capitais exteriores.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 14 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com