Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
Venezuela: O novo programa político de Hugo Chávez

O luns 11 o presidente Hugo Chávez explicou a unha inmensa marea humana os eixos do programa político para a súa candidatura á presidencia no período 2013-2019. O acto deu inicio ao proceso de consulta cidadá sobre o documento, do que xurdirá o Segunda Plan Socialista Simón Bolívar. A multitude ateigaba a Praza Diego Ibarra, próxima ao Consello Nacional Electoral (CNE), e estendíase ao longo da extensa Avenida Bolívar e as arterias e prazas contiguas seguindo o discurso en grandes pantallas.

 Chávez acababa de se inscribir ante o CNE como candidato ás eleccións do próximo 7 de outubro e de lle entregar a súa proposta política, un documento de gran valor histórico e político, sustentado nunha lúcida ollada ao presente e ao futuro desde a historia, o pensamento e a ética humanistas de raíz indolatinoafricana e universal (www.chavez.org.ve/Programa-Patria-2013-2019.pdf).

 O programa debulla numerosos obxectivos nacionais e estratéxicos que se deben cumprir para alcanzar 5 obxectivos históricos.

1) Consolidación da independencia “definitiva” a través dun conxunto de medidas no económico, político, social, cultural, militar e de seguridade nacional. Sostén que a independencia esixe romper totalmente cos lazos neocoloniais impostos polo imperialismo, sexan económicos ou de calquera tipo. Cómpre lembrar que Venezuela, xunto a Bolivia, Ecuador e Nicaragua denunciaron recentemente o Tratado Interamericano de Asistencia Recíproca, infame instrumento de subordinación a Estados Unidos dentro da OEA.

2) Continuar construíndo o socialismo bolivariano do século 21 para proporcionar “a maior suma” de seguridade social, de estabilidade política e de felicidade ao pobo, obxectivo que pasa, “en primeiro lugar, por acelerar o cambio do sistema económico” rentista petroleiro capitalista ao modelo produtivo socialista e tamén por “esnaquizar” a forma de Estado burguesa herdada que “reproduce as súas nefastas prácticas”. “Este é un programa de transición ao socialismo e de radicalización da democracia participativa e protagónica. Partimos do principio de que acelerar a transición pasa necesariamente por... acelerar o proceso de restitución do poder ao pobo”.

3) Converter a Venezuela nun país-potencia económica, política e social dentro da Gran Potencia Nacente de América Latina e o Caribe que garanta a conformación dunha zona de paz na nosa América.

4) Contribuír a unha nova xeopolítica internacional cun mundo multicéntrico e pluripolar, que -evocando a Bolívar- permita lograr o equilibrio do universo e a paz planetaria.

5) Preservar a vida no planeta e salvar a especie humana, que fai necesarios a construción dun modelo produtivo eco-socialista baseado na relación harmónica do home e a natureza desde a idea andina do bo vivir e impulsar un movemento mundial con ese obxectivo.

 Todo isto exposto por un Chávez que non só debullou as razóns que sustentan a súa proposta, tamén fixo brincadeiras co público, cantou, bailou, abrazou as súas fillas e a compañeiros da primeira hora hoxe en responsabilidades de goberno e concluíu cunha emotiva e vibrante alocución. As enquisas danlle unha cómoda vitoria electoral así que advertiu á apátrida oposición que non intente a violencia “porque se vai arrepentir”. A cada agresión do imperialismo e da burguesía responderemos con máis revolución, asegurou.

 A proposta inclúe metas moi ambiciosas como unha gran ampliación da industrialización dos hidrocarburos, diversificación industrial, importantes avances en infraestrutura e soberanía alimentaria, así como continuar desenvolvendo as exitosas misións sociais que xa levan a cabo en educación, saúde, vivenda e outros eidos. É de salientar o control pola nación sobre os recursos naturais, perfeccionando o que xa existe sobre os hidrocarburos, defender o fornecemento de auga como dereito humano e fortalecer o control da minaría por un ente estatal que evite a depredación típica das transnacionais.

 Necesitamos -di un elocuente parágrafo- dun poder popular capaz de desarticular as tramas de opresión, explotación e dominación que subsisten na sociedade venezolana, de configurar unha nova socialidade desde a vida cotiá onde a fraternidade e a solidariedade vaian parellas coa urxencia permanente de novos modos de planificar e producir a vida material do noso pobo.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 14 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com