Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
14/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estado español: Condenados a reforma perpetua

Non hai que ser moi agudo para comprender que nin estamos ante unha reforma equilibrada, nin esta é progresista. Un non atopa ningún indicio de mecanismos compensatorios cos que gustan encher a boca os modernos partidarios da flexiseguridade (flexibilidade con garantías de dereitos). Máis ben é unha nova mostra de que as políticas liberais simplemente se orientan ao desmantelamento de dereitos e da acción colectiva, e á individualización das relacións laborais...

I

Na España democrática hai cousas intocábeis (a Constitución, o Poder Xudicial, o Concordato coa Igrexa católica...) e outras sometidas a perpetua transformación. As regulacións laborais son o paradigma da actividade reformista dos nosos lexisladores. Cada década contou, polo menos, con dúas reformas importantes (aínda que o segundo gran intento de 1988 foi abortado pola Folga Xeral do 14 de decembro), e unha enorme variedade de microrreformas que cambiaron substancialmente a regulación institucional do mercado laboral.

Tan desmedido afán reformador deu en xustificarse na recorrente situación de desemprego masivo. Pero o elevado desemprego non xustifica por si só que as reformas deban centrarse no mercado laboral. Estas explícanse sobre todo pola ideoloxía económica dominante, pola forma en que son analizados os problemas laborais. Unha lectura rigorosa do pensamento económico permite observar que existen, basicamente, dúas formas de entender os problemas do desemprego. Para unha parte importante de pensadores trátase, fundamentalmente, dunha manifestación dolorosa das lóxicas de funcionamento das economías capitalistas, dos seus múltiples “erros” ou “contradicións”. Máis ou menos da mesma forma que a febre constitúe un efecto de moitas enfermidades aínda que as súas causas están noutro lugar. Desde esta perspectiva a loita contra o desemprego é, en gran medida, o campo para un amplo espectro de intervencións e regulacións públicas, un campo que inclúe propostas máis reformistas (como as dos economistas keynesianos e post-keynesianos) até outras máis radicais. Outra poderosa corrente, a que chamamos neoclásica, considera que o desemprego é, basicamente, o resultado do mal funcionamento dos mercados laborais, e por iso as reformas deben concentrarse neste ámbito. Trátase dun convencemento sustentado en modelos teóricos que en gran medida ven o funcionamento do mercado como unha engrenaxe social case perfecta e xa que logo a aparición de problemas laborais explícase precisamente pola existencia de pesadas regulacións laborais que impiden o seu bo funcionamento.

Esta última corrente impúxose no campo académico, cultural e político, coa contrarrevolución neoliberal dos anos setenta do pasado século e mantivo a súa hexemonía até o momento presente. Totalmente insensíbel ás múltiples evidencias que mostran que en case todos os parámetros de comparación (crecemento económico, emprego, pobreza, estabilidade económica, desigualdade, xestión ambiental....) o período neoliberal foi menos que mediocre. No Estado español, os seus partidarios argumentaron que os problemas do mercado laboral español se explican pola persistencia de moitas rixideces herdadas do franquismo. Rixidez que as sucesivas reformas non eliminaron porque se propuxeron como reformas “na marxe” e non reformas globais. Iso explica a súa insistencia en dar novos e substanciais pasos reformistas cada vez que as cousas se complican. Se cadra, a súa “revolución pendente” nunca teña lugar (á fin e ao cabo toda reforma sempre require algún tipo de compromiso, agás se se produce en réximes ditatoriais como o franquista, o pinochetista ou o chinés), pero non hai dúbida de que a insistencia conxunta de patronais e académicos avanzou moito treito en laminar dereitos individuais e colectivos dos traballadores.

II

Non volverei discutir os argumentos dos “reformistas neoliberais”. Moitos deles están xa contidos en anteriores entregas deste caderno. Voume limitar a comentar os aspectos cruciais da actual reforma e a discutir cales son os seus posíbeis efectos.

Basicamente a reforma laboral inclúe novidades que aínda que non chegan ao contrato único de emprego e á fragmentación completa da negociación colectiva avanzan substancialmente nesa dirección.

Máis aló dunha análise xurídica detallada, sempre necesaria, a reforma incide nunha serie de cuestións chave da regulación laboral en materias como a regulación dos despedimentos e a contratación temporal, a negociación da flexibilidade interna, a negociación colectiva e a intermediación no mercado laboral.

Na maioría destes eido a nova regulación tende a ampliar os poderes empresariais e a reducir as garantías xurídicas (por exemplo desaparece a consideración de despedimento nulo cando a empresa non entrega unha comunicación formal). Isto faise por vías diversas, especialmente por unha nova definición das circunstancias obxectivas de despedimento que amplía a marxe de manobra das empresas. Marxe que pode saír reforzada no trámite parlamentario onde posibelmente o Goberno acabará por realizar concesións a quen se ofereza a apoiarlo: CiU nunca perdeu oportunidade en anteriores reformas de sacar tallada para os seus intereses de clase e non é previsíbel que agora renuncie a iso.

A mesma “apertura” de criterios se produce en todo o que ten que ver co descolgamento da negociación colectiva. De feito os cambios apuntan tanto a facer automáticos os despedimentos (o que xa se coñece por despedimento “exprés”, vixente de feito desde as últimas reformas do PP) como os cambios de condicións laborais. Ao meu ver, esta unilateralidade é tanto ou máis importante que a redución do custo da indemnización, posto que pode permitir situar a indemnización por fin de contrato máis próxima aos 20 días por ano traballado (a través das múltiples fórmulas de despedimento procedente) que dos 33 días nos que trata de xeneralizarse o custo do despedimento improcedente. De feito, a definición ou non de procedencia depende crucialmente de como se formule o suposto. Unha definición laxa das razóns da procedencia, como apunta a nova norma, pode abrir o camiño á difuminación do despedimento improcedente. Se a iso se suma a anunciada asunción de 8 días de indemnizacíón por parte do Fondo de Garantía Salarial (é incríbel que en tempos de recortes orzamentarios se abra unha nova vía de subvencións ao despedimento) o resultado final podería ser próximo ao pretendido contrato único cun custo de despedimento de 12 días por ano, mantendo iso si a ficción dunha protección ao emprego practicamente inexistente.

Vistas así as cousas, sorprenden as críticas da patronal e os “combativos” representantes do manifesto dos 100. Quizais só sexa teatro político para axudar a presentar a reforma como unha proposta equilibrada, ou quizais sexa unha reacción de soberbia porque o Goberno non aplicou literalmente as súas propostas. É dicir, simple exercicio de forza para sacar novas talladas. Non deixa de ser indicativo que no prazo duns poucos días, froito da protesta patronal, unha das poucas medidas que melloraban dereitos -a limitación temporal dos contratos por obra ou servizo- viu estender a súa duración máxima de dous a tres anos (catro se os sindicatos ceden).

III

O outro gañador da reforma son as empresas de emprego temporal. O seu campo de actuación amplíase en dous sentidos: aumentan as actividades nas que pode intervir -especialmente construción e administración pública- e poden converterse vía convenios en intermediarios da contratación laboral. Pode parecer que isto é só unha nova variante das prácticas neoliberais ao uso: as regulacións públicas orientadas a garantir espazos aos negocios privados. Pero o seu alcance pode ir moito máis lonxe e constituír un vigoroso mecanismo que reforce a desigual repartición de poder e dereitos no mercado laboral.

No caso da intermediación privada, que existe hai anos, o novo é que as empresas de colocación poden alcanzar o estatus de colaboradoras da Administración, o que na práctica se traducirá en que realicen as súas mesmas funcións e teñan poder estatutario para iso. Sabemos o o suficiente sobre o significado da colaboración en eidos como a sanidade, a escola e os servizos de dependencia concertados como para saber que se pode esperar do novo modelo. Sobre todo tendo en conta o desprestixio que teñen os servizos públicos de emprego.

Deixar en mans dos xestores privados o control do proceso de colocación pode traducirse en prácticas moito máis coercitivas e discriminatorias nos procesos de procura de emprego. Á fin e ao cabo as posibilidades de rexeitar empregos indesexábeis depende da vontade do controlador de aceptar un criterio ou outro. E a experiencia das mutuas patronais de accidentes son unha boa mostra diso, un sistema institucional que permite por exemplo camuflar gran parte das enfermidades profesionais. Agora a experiencia destas mutuas poderá estenderse ao campo da contratación.

Non é despreciábel tampouco a creación de novos mecanismos de estigma baseados nos criterios que apliquen estas empresas (desde listas negras de traballadores rebeldes até a marxinación dos menos empregábeis). A empregabilidade pode transformarse así nun novo mecanismo de coacción laboral. Cando penso neste tema sempre me vén a referncia dos estudos de Beveridge, o primeiro economista académico que recoñeceu a posíbel existencia de paro involuntario a cal asociou ás prácticas das empresas de xestión portuaria londinenses. Por iso Beveridge foi un acérrimo promotor do sistema de colocación pública e universal. As receitas neoliberais retrotráennos ao século XIX.

Igual de desacougante é a ampliación dos espazos de intervención das ETT en espazos sensíbeis como a construción e o sector público. No primeiro dos casos isto xera un novo problema regulatorio nun sector onde a extrema subcontratación sempre estivo relacionada cos elevados niveis de accidente e as desigualdades salariais, e onde eses novos operadores xeran un novo reto aos intentos sindicais de regular o sector vía lei de subcontratas e delegados de prevención. No sector público constitúen sen máis un novo mecanismo de segmentación laboral e un intento de dinamitar unha cultura do público tanto máis necesaria que nunca.

IV

Non hai que ser moi agudo para comprender que nin estamos ante unha reforma equilibrada, nin esta é progresista. Un non atopa ningún indicio de mecanismos compensatorios cos que gustan encher a boca os modernos partidarios da flexiseguridade (flexibilidade con garantías de dereitos). Máis ben é unha nova mostra de que as políticas liberais simplemente se orientan ao desmantelamento de dereitos e da acción colectiva, e á individualización das relacións laborais. Como o mundo do XVII, onde un liberal compasivo como Adam Smith describe o mercado laboral na riqueza das nacións como un mercado entre desiguais. Os intelectuais liberais de agora ou son máis cínicos ou máis ignorantes (ou simplemente hai tanto tempo que forman parte dunha cultura sectaria que son incapaces de recoñecer o mundo real).

Hai que combater o modelo. Aínda sabedores de que a curto prazo as forzas están minguadas e hai pouco a gañar. E hai que o facer con argumentos que poñan en claro que esta regulación nin é boa como mecanismo para reducir as enormes desigualdades e inxustizas que existen no mercado laboral (xeradoras dunha enorme diferenciación das clases traballadoras) nin vai prestar apoio ao desenvolvemento dun novo modelo produtivo.

Do primeiro pouco hai que explicar. Despedimentos baratos e fáciles non só aumentan as prerrogativas empresariais e permiten introducir novas discriminacións entre empregados (leais e desleais, conformistas e rebeldes, entregados ou defensores da súa autonomía, individualistas e sindicalistas...). Son tamén a fonte de novas medidas de presión sobre o comportamento laboral da xente. Algo que se produce en todos os contextos nos que a desigualdade de poder é extrema, como podemos observar na situación laboral dos inmigrantes (na que o tema dos “papeis” é un elemento crucial na aceptación de condicións laborais inaceptábeis).

En contra do que preconizan os economistas neoliberais, alí onde hai moito poder patronal florece a desigualdade e a iniquidade. E disto xa temos moito no mercado laboral español. Agora teremos máis.

Do segundo, a experiencia internacional permite mostrar que un cambio de modelo produtivo como o que se preconiza só pode funcionar se se basea na cooperación, e esta esixe avanzar en eidos tan relacionados como os dereitos de participación laboral, o recoñecemento profesional (asociados a procesos formativos adecuados), ou a existencia de contextos igualitarios. Todo o contrario dun modelo deseñado para promover unha mobilidade ditada autoritariamente polos directivos empresariais, con pouco diálogo e poucas garantías de dereitos.

Alguén debería explicarnos cal é a racionalidade de subvencionar os despedimentos, unha subvención que pagarían en parte as empresas máis respectuosas co emprego. Non deixa de ser curioso que ningún liberal se laiase de que aquí pode producirse un clásico modelo de “risco moral” de transferencia de fondos aos empresarios aproveitados. Pero hai demasiado tempo que sabemos que a ollada de moitos deses liberais é estrábica e o que vale para outras cousas non serve para a análise das políticas liberais.

V

É tempo de resposta. Aínda con expectativas limitadas. De realizar un enorme esforzo de debate no seo das clases traballadoras. De xerar unha nova conciencia da dignidade e a racionalidade. Tempo tamén de saber diferenciar o inimigo principal das molestias secundarias. Algo que debería saber aplicarse todo o mundo. Desde as grandes organizacións sindicais, amiúdo tan despreciativas do resto, como dos sectores máis radicais, sempre proclives a tomar como inimigo principal o que está máis cerca.

Se queremos que non todo sexa unha desfeita, cómpre traballar por conseguir algunha mobilización importante. E iso require esforzo compartido, procura de compromiso e colaboración. Conseguímolo outras veces. Non podemos deixar que o próximo setembro sexa un nova nova autovía á desesperación. O reto é importante e require máxima unidade entre todas as persoas e forzas que cren que algunha vez poderemos saír do bucle da reforma laboral permanente.

O adversario ausente

Formulábao El Roto cun das súas sintéticas reflexións: “Fracasa o capitalismo e afúndese a esquerda, Hai quen o entenda?”. Hai sen dúbida moitas razóns para explicar esta aparente contradición. Só me centrarei no que me parece máis obvio: a inexistencia dun discurso político que realmente cuestione o marco social dominante. Un marco referencial sen o cal é difícil que as resistencias, o malestar, as demandas sociais insatisfeitas poidan traducirse nun verdadeiro movemento alternativo.

Os discursos que empregan a maioría de activistas debátense entre a proposta dun modelo de crecemento diferente (tal é o contido do novo manifesto elaborado polas direccións de CCOO e UGT), a apelación abstracta á inviabilidade do capitalismo que explicitan os sectores máis radicais, ou a simple formulación de propostas parciais como resposta á crise (como a que formulan os partidarios da renda básica).

Ao meu ver, ningunha delas resulta demasiado operativa para xerar o que require un proceso mobilizador: ideas de fondo, proxectos de transformación que situén un horizonte de reorganización desexábel, por unha banda, e propostas de acción a curto prazo nas que poida avanzarse cambios ou cando menos xerar un espazo de confrontación fronte ás propostas neoliberais, por outra. Sen dúbida pesa a non asumida crise do “socialismo real”, e pesa tamén a pluralidade de pensamentos alternativos da esquerda (o postmodernismo non foi só unha cuestión dos intelectuais de dereitas se nos atemos á dispersión de formulacións que conflúen nos movementos sociais). E pesa moito (especialmente nos movementos sociais máis tradicionais) a hexemonía neoliberal amplamente propagada polos medios de comunicación e boa parte da academia.

Sen xerar un espazo referencial alternativo, compartido, é difícil que se acaben por desenvolver movementos sociais de longo alcance e que o neoliberalismo teña que facer fronte a unha verdadeira presión de cambio.

E iso é máis urxente cando se constata a pluralidade de “crises” ou “graves cuestións sociais” ás que temos que facer fronte e aos que resulta evidente que as respostas neoliberais son do todo punto inadecuadas. Desde a perspectiva da análise económica crítica detectamos a superposición de tres grandes vías de fractura: En primeiro lugar a que poderiamos chamar económica convencional, que ten como reflexo o desemprego, a precarización social, a inseguridade económica para amplos sectores da poboación, etc. A segunda é a crise ambiental, xerada polo propio modelo de produción-consumo e dunha gravidade que crece a diario (con efectos tamén en termos de desigualdade). E a terceira é a crise social ou dos coidados que se traduce na persistente desigualdade de xénero (especialmente en termos de carga de traballo entre homes e mulleres, pero tamén en termos de desigualdades salariais, de poder, etc.) e que está así mesmo relacionada coa incapacidade da esfera capitalista de reproducirse por si mesma e de oferecer condicións laborais (por exemplo na cuestión dos tempos) que permitan a todas as persoas xestionar unha vida social plena.

Unhas crises que só poden resolverse cambiando o marco organizativo e os obxectivos da actividade económica. E que é o que esixe construír un marco cultural alternativo onde as apelacións ao crecemento, a competitividade, a rendibilidade sexan substituidos pola necesidade de garantir a cobertura de necesidades básicas, a sustentabilidade económica e social, a seguridade económica a todo o mundo, a democracia social, o igualitarismo, a cooperación humana. Un marco que esixe non só defender valores senón tamén pensar e defender formas de organización social acaídas a estes obxectivos, que esixe reformular as vellas demandas socialistas tendo en conta todo o aprendido de propostas erradas de “socialismo real” (máis ben de proxectos burocráticos protosocialistas), de patriarcado e desigualdades de xénero, de ecoloxismo e sustentabilidade, de experiencias de participación social, de cooperativismo...

Contar cun proxecto alternativo non abonda. Cómpre tamén desenvolver un espazo de reivindicacións concretas específicas que avancen nesta dirección. Estas están xa presentes en moitas das loitas actuais, pero requiren unha certa posta en común e unha clara confrontación coas políticas de reestruturación en marcha. Hai que insistir no fracaso real das propostas neoliberais e propor unha liña alternativa. A curto prazo paréceme evidente que o fortalecemento do sector público constitúe o eixo sobre o que poden pivotar moitas das demandas. E aí non só hai boas razóns ideolóxicas senón tamén a evidencia empírica de cales son as sociedades existentes que mellor garanten dereitos sociais. Nun país como o Estado español, con pouco peso do público (en termos de impostos e de gasto), este debería ser un campo de demanda e reflexión esencial.

Defender o público non significa nin apostar polo estatismo nin ignorar os perigos das burocracias públicas. Supón tamén desenvolver boas propostas de xestión democrática do público, de novas formas de participación e control social. Pero é a vía máis clara de confrontación cun proxecto neoliberal que descansa no uso sostido da accion do Estado en beneficio propio.

Imos sendo derrotados desde que se iniciou a crise. O programa neoliberal segue marcando o ritmo das políticas. Aínda que agoira poucos éxitos en cuestións substantivas. Por isto existe unha oportunidade de resposta en clave tanto de proxectos de transformación radical como de políticas concretas. Pero para que estas se encarnen fai falta ganas de facelo, xeración de organización e vontade de traballo unitario. Todos temos responsabilidade en que non se profunde a grave crise social, pero é obvio que son as organizacións máis consolidadas as que deben abrir as posibilidades para que iso sexa, cando menos, posíbel de intentar.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 13 de xullo de 2010]

cig.prensa@galizacig.com