Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
14/9/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A necesaria reforma fiscal: alternativas aos recortes innecesarios e contraproducentes

É abraiante que o Presidente Zapatero negue que o seu goberno estea recortando gasto social e reducindo dereitos sociais. A conxelación das pensións é unha redución dun dereito social, como tamén o é a redución do gasto nos servizos domiciliarios ás persoas con dependencias.

 Unha frase que está sendo utilizada teimudamente polos defensores dos recortes de gastos públicos sociais é que estes son inevitábeis e necesarios. Argumentan que, consecuencia da presión dos mercados, hai que equilibrar as contas do Estado e iso esixe os recortes de gasto público, incluíndo o gasto público social. Esta postura foise reproducindo nos maiores medios de información, de xeito tal que se converteu na sabedoría convencional do país.

 É doado de mostrar, porén, que tal postura é profundamente errónea. Abonda con ver os datos para ver que é insostíbel. Analizando o orzamento presentado polo goberno español, pódese ver que había outras alternativas a recortar os gastos públicos sociais, que serían moito máis populares que os recortes que o goberno está realizando e que, con todo, non se fixeron.

 Así, o goberno Zapatero conxelou as pensións de vellez, a fin de conseguir un aforro de 1.500 millóns de euros, cos cales poder reducir o déficit público do estado e así equilibrar as contas. Se se mira o capítulo de defensa (gastos militares) do orzamento, pódese ver que esta cantidade é aproximadamente igual ao capítulo “novos investimentos militares” que inclúen, entre outras medidas, a compra de 24 helicópteros de combate chamados Tigres. Estes investimentos poderían anularse e transferir os fondos a manter as pensións de vellez (que están, por certo, entre as máis baixas dos países da Eurozona). Non hai dúbida de que a maioría da cidadanía sería máis favorábel a recortar gastos militares que gastos sociais. Outro capítulo, dentro do gasto militar, que consome unha cantidade de euros semellante ao recorte de pensións, é o gasto de manter as tropas en Afganistán, O Líbano e Somalia, gastos que a poboación española xa indicou, a través de enquisas, que rexeita.

 Outro exemplo. Un dos servizos sociais máis populares e necesarios, os servizos domiciliarios a persoas dependentes con dependencias, foi recortado substancialmente, eliminando do seu orzamento 600 millóns de euros, unha cifra máis que respectábel. Pois ben, se se mira o orzamento, vese que esta é a mesma cantidade que o Estado supostamente aconfesional español gasta en salarios a profesores que dan clases de relixión católica nas escolas públicas e privadas concertadas. Dubido que se se preguntase á cidadanía que preferiría recortar, escollese o segundo -pagar os salarios dos profesores de relixión católica- sobre o primeiro, é dicir- sobre os servizos ás persoas con dependencia.

 Estes son dous exemplos que mostran que había alternativas aos recortes de gasto público social. O feito de que non se fixesen é que a Igrexa e o Exército son máis poderosos no Estado español que os pensionistas e as persoas con dependencias. En realidade, os recortes foron máis acentuados nas áreas sociais que nas área referidas no orzamento do Estado como defensa ou educación relixiosa. Por certo, é abraiante que o Presidente Zapatero negue que o seu goberno estea recortando gasto social e reducindo dereitos sociais. A conxelación das pensións é unha redución dun dereito social, como tamén o é a redución do gasto nos servizos domiciliarios ás persoas con dependencias. Unha observación semellante aplica aos gobernos autonómicos gobernados polo Partido Popular e por CiU, que están facendo enormes recortes de gasto social, negando á vez que estean reducindo tales dereitos sociais.

A REVERSIÓN DA BAIXADA DE IMPOSTOS

 Pero o feito é que mesmo  as alternativas que acabo de citar aos recortes de gasto público social, poderían evitarse se se fixese o que debería terse feito e non se fixo, é dicir, a reversión da redución de impostos que estivo ocorrendo durante os gobernos Aznar e Zapatero, e que favoreceron primordialmente ás rendas superiores. Para as persoas que ingresan 300.000 euros ao ano, os seus impostos sobre a renda diminuíron nada menos que un 37% (no período 1993-2008). Para as persoas que ingresan 22.300 (a mediana de renda da clase traballadora) foi só un 1,7%. A famosa baixada de impostos, que supostamente era de esquerdas, significou só unha redución dun 1,7% durante tal período para a maioría da clase traballadora. Estes datos, entre moitos outros, sinalan que foron as rendas superiores as que se beneficiaron máis de tal redución de impostos. En realidade, segundo unha institución nada sospeitosa de esquerdismo, o Fondo Monetario Internacional (que é o Vaticano do pensamento neoliberal), a metade do déficit estrutural do Estado español foi debida á redución de impostos que foi ocorrendo durante todos estes anos.

 Destes datos dedúcese que se hai que reducir o déficit do Estado español, deberíase comezar revertendo estes recortes de impostos que suporían cantidades moito maiores que os recortes de gasto social que están ocorrendo. De novo, vexamos os datos, e vexamos os recortes de impostos, un por un.

- Impostos de Patrimonio. Esta redución beneficiou primordialmente aos grandes patrimonios. A súa recuperación selectiva, gravándose os elevados patrimonios, suporía 2.100 millóns de euros.

- Imposto de Sociedades. Este imposto é sobre as rendas do capital derivadas das grandes empresas. Pois ben, se se recuperase o nivel de imposición que tiña este tipo de impostos para as grandes empresas (que facturan máis de 150 millóns de euros ao ano e que representa só o 0,12% de todas as empresas de España) antes de que se reducisen polos gobernos Aznar e Zapatero, recuperaríanse 5.300 millóns de euros.

- Impostos sobre as grandes riquezas. Se se recuperase, de novo, o nivel de imposición (que tiñan antes das reducións dos gobernos Aznar e Zapatero) das persoas que gañan máis de 120.000 euros ao ano, o Estado recuperaría 2.500 millóns de euros.

- Imposto de Sucesións. Este imposto, que grava as herdanzas, foi case eliminado. Se se recuperase, o Estado obtería 2.552 millóns de euros.

 Pódese ver, pois, que só revertendo as baixadas de impostos, que o Sr. Zapatero consideraba como característica de ser de esquerdas (o cal se pode facer tan rapidamente como se poden conxelar as pensións ou os fondos públicos para as persoas con discapacidades), o Estado recollería inmediatamente máis de 12.000 millóns de euros.

CORRIXINDO A FRAUDE FISCAL

 Mais hai outras dúas opcións para que o Estado recollese fondos e evitase así ter que reducir o xa escasamente financiado estado do benestar español.

Cando se fala de fraude fiscal, o primeiro que un pensa é no pagamento en metálico que a xente fai cando o fontaneiro vén reparar os canos e ao cirurxián na Sanidade privada que acaba de operar á nai do que paga a operación. Esta fraude fiscal debese corrixirse. Agora ben, este tipo de fraude, a incorrida polo que se chama autónomos -como fontaneiros, avogados nos grandes gabinetes, médicos na privada e outros- representa unha cantidade menor. Só o 8% da fraude fiscal, segundo os inspectores do Sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda, corresponde a este tipo de fraude. É importante sinalar, por certo, que segundo tales técnicos, a maioría de recursos da Axencia Tributaria se centra en resolver este tipo de fraude.

 A maioría (o 71%) da fraude no Estado español, con todo, realízano as grandes fortunas, as grandes empresas e a banca. Se se eliminase tal fraude, o Estado recollería 44.000 millóns de euros. Para corrixir esta fraude, o Estado dedica unha parte moi pequena dos seus recursos. En realidade, á vez que o daquela Presidente Aznar subliñaba que “os ricos non pagan impostos” reducía o número de inspectores de Facenda.

CORRECCIÓN DA POLÍTICA REGRESIVA ACTUAL

 O Estado español (que inclúe o central, o autonómico, e o local) é dos máis regresivos e menos redistributivos que existen na Unión Europea dos Quince. Esta observación é frecuentemente negada polas autoridades gobernamentais responsábeis das políticas tributarias do país, comezando polos Ministros ou Ministras de Economía, que son tamén de Facenda. Para probar que non é certo que a política fiscal sexa escasamente progresiva (en realidade, é regresiva) citan os niveis de imposición (os tipos) nominais (é dicir, os que aparecen na narrativa das leis e normas) que si que son progresivos, e mesmo (algúns deles)) comparábeis á progresividade media dos países da UE-15.

 Agora ben, como sinalan, con razón, os inspectores de Facenda, hai unha distancia moi importante entre o nivel nominal e o nivel efectivo, é dicir, o nivel real que ao final pagan as empresas e os individuos, distancia que aumenta co nivel de ingresos. A maior renda, maior é a distancia entre o nivel nominal e o nivel efectivo. Así, segundo os técnicos do Ministerio de Facenda, o nivel nominal (o que se chama tipo xeral) dos impostos de Sociedades (que son os impostos sobre beneficios empresariais), é do 30% para as grandes empresas e do 25% para as medianas e pequenas empresas (o que se chama as PEMES). Agora ben, o nivel efectivo, é dicir, o real das grandes empresas é moito menor, pois os seus servizos técnicos especializados asístenos para que poidan beneficiarse dunha enorme cantidade de deducións e vantaxes fiscais (que hai unha gran cantidade) de maneira que o nivel real baixa de 30% a un 19,5%. Esta baixada é menor para as medianas empresas -que facturan de 6 a 12 millóns ao ano- (que baixan de 25% a un 21,2%) e pequenas empresas -que facturan de 6.000 a 60.000 euros- (de 25% a 23,9%).

 As grandes empresas pagan, pois, moito menos do que paga un traballador en nómina (37% para o salario medio do país -22.802 euros- o máis baixo da UE-15 que ten como media 33.997 euros) deducións dispoñíbeis a este traballador é moito máis limitado que o dispoñíbel ás grandes empresas.

 A iso deberiamos engadir a fraude fiscal que se concentra nas rendas superiores, como indiquei nos parágrafos anteriores. Pero, mesmo sen incluílo, é dicir, sen saírmos da legalidade, estes datos (todos eles procedentes de informe dos técnicos do Ministerio de Facenda) mostran que o sistema fiscal legal é enormemente regresivo. E unha razón moi importante para que iso sexa así é que as rendas do capital tributan moito menos que as rendas do traballo. Se unha persoa ou unha empresa ingresa diñeiro polo feito de ser propietaria dunha ben xenerosa renda (como as accións dunha sociedade limitada) paga menos impostos que se tal diñeiro o recibise coa suor da súa fronte, como coloquialmente se refire ao que traballa.

 Mírese como se mire, esta situación é profundamente inxusta e responde a un feito obvio na nosa sociedade: o mundo do capital (a xente súper rica derivan a maioría do seu diñeiro das rendas do capital) é moito mais poderosa que o mundo do traballo. Como escribía unha das persoas máis ricas do mundo, o Sr. Warren Buffet, nun artigo titulado “Stop Coddling the Super-Rich” [Os estados deben deixar de consentir aos súper ricos] (The New York Times, 14.08.11), é inxusto que el pagase en impostos só o 17% da súa renda mentres que os seus empregados pagasen un 38%. Ningunha declaración nestes mesmos termos se leu ou viu no Estado español. E iso non é porque non haxa súper ricos no noso país. O Estado español é un dos países que concentra (proporcionalmente) maior número de súper ricos (cuxa taxación é menor que a de Warren Buffet. No Estado español é só un 10%). Pero iso non consta nos informes de Facenda resultado da falta de credibilidade das declaracións de renda entre os súper ricos (e tamén, por certo, de todos aqueles que non están pagados en nómina).

 Este trato diferencial xustifícase en que hai que consentir o capital (chámaselle aforro e as súas institucións máis importantes son os bancos), posto que é o que ao investirse produce postos de traballo. Pero os datos, de novo, non avalan tal suposto. Como ben sinala o Sr. Warren Buffet (ao que a revista voceira do capital estadounidense, Wall Street Journal, define correctamente como un “traidor á súa clase”) no seu artigo, a taxa de creación de emprego, así como o emprego total foi maior en EEUU, durante o período 1950-1980 (período keynesiano) que no período 1980-2010 (período neoliberal), cando os impostos sobre o capital descenderon espectacularmente. En realidade, o desenvolvemento das políticas neoliberais que determinaron unha enorme concentración das rendas, cun incremento das rendas do capital á conta das rendas do traballo, foron moi ineficientes e causaron as crises económicas e financeiras que estamos experimentando.

 Non hai, pois, xustificación para que as rendas do capital graven menos que as do traballo. Por iso é polo que existen máis peticións de que se elimine este acto discriminatorio a favor das rendas do capital. De se corrixir, poderían incrementarse os ingresos ao estado en cantidades considerábeis.

NOVOS IMPOSTOS

 Existen outros impostos que, como os anteriores non afectarían á maioría da cidadanía, e que significarían menos ingresos ao Estado. Como exemplos temos:

- Impostos ecolóxicos. Chámaselles ecolóxicos porque desincentivan a contaminación de medio ambiente, aínda que é pouco probábel que as cantidades que estou citado desincentiven moito tal contaminación, pero para se decatar do enorme potencial de redución, abonda con ver que se cada pasaxeiro pagase ao estado cinco euros por cada voo aéreo (a aviación aérea é dos sistemas de transporte máis contaminantes) que partise dun aeroporto español, o Estado (central, autonómico ou local) ingresaría case 1.000 millóns máis (985 millóns de euros).

- Mellorar a progresividade nas multas (tales como as de tráfico), dependendo do nivel de renda do sancionado. Isto faise en Finlandia e é sumamente popular, posto que esixir o mesmo pagamento por multa (tanto ao rico como ao pobre) é enormemente regresivo. A aplicación de tal práctica fiscal permitiría recoller 862 millóns de euros máis.

- Impostos sobre o turismo, que se fai na maioría de países e cidades que atraen turistas, aínda que non no Estado español. Se vostede vai a Nova York, mire a súa factura hostaleira e verá que indica que o 7% da factura vai á cidade, máis 3 dólares por cada noite. Aquí, ningún concello tivo a coraxe política de pedir nin sequera un euro por noite. Esta debería ser unha das maiores fontes de ingreso de cidades como Barcelona, altamente turísticas. As dereitas que constantemente esixen un copago aos usuarios da sanidade pública, manteñen un silencio xordo sobre o copago hostaleiro. Este imposto podería recoller 2.300 millóns de euros para as autoridades locais.

- Impostos finalistas para a sanidade, tal como fai a provincia de Ontario, coa recollida, aplicada ao Estado español, de 6.900 millóns de euros.

Estes son exemplos do que se podería facer para, non só evitar os recortes, senón tamén reducir o déficit público e o enorme déficit de gasto público social do Estado español.

O ERRO DAS REFORMAS APROBADAS POLAS CORTES ESPAÑOLAS SOBRE O EQUILIBRIO ORZAMENTARIO

 Estes datos que expoño neste artigo mostran unha realidade raramente presentada nos maiores medios de información do país. Acabo de escribir estas notas o 3 de setembro de 2011, días despois da aprobación pola maioría das Cortes Españolas dunha medida que terá un enorme impacto negativo sobre o escasamente financiado Estado do Benestar español. A incorporación na Constitución Española da obrigatoriedade do Estado de alcanzar un equilibrio orzamentario, é un instrumento poderosísimo para desmantelar o Estado do Benestar español.

 Voces socialistas negan esta realidade, argumentando que a lei orgánica permite un déficit do 0,4% do PIB (un déficit que case ningún país da Eurozona alcanzou durante os últimos vinte anos). Tales voces negaron que tal medida prohiba que aumente o gasto público social, pois sinalan que os ingresos ao Estado poderían incrementarse a base de aumentar os impostos, e con iso aumentar o gasto público, ademais de reducir o déficit (...). Este argumento que, teoricamente, é certo, ignora que na práctica, a propia historia fiscal do Estado español mostra que a redución do déficit se fixo historicamente primordialmente a base de redución do gasto en lugar do aumento dos impostos ou da súa progresividade. E o que está ocorrendo en Catalunya e no resto do Estado español é un exemplo diso. Tanto o goberno español, que se define socialista, como o goberno catalán, que é conservador-liberal, están reducindo o seu déficit a custa, primordialmente de reducir o gasto público social.

 Non é correcto desmerecer esta observación, como fai frecuentemente, co insulto de considerar as críticas a tales recortes como “demagoxia”, epíteto que até o de agora utilizaba a dereita para evitar ter que contestar aos argumentos e os datos presentados polos que estamos sinalando o erro de tales políticas.

 Pero ademais de innecesarias, tales políticas son enormemente negativas, non só para o Estado do Benestar, senón tamén para a economía do país. Está a contribuír enormemente ao estancamento da economía española e o crecemento do desemprego. A evidencia que apoia este argumento é fonda e a realidade, por desgraza, estao demostrando

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 9 de setembro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com