Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
14/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estado español: Os recortes antisociais do Goberno do PP

O Goberno do PP, durante estes meses, reforzou e ampliou as medidas antisociais de axuste e austeridade. Amparado polas instrucións e orientacións das institucións europeas, con esta política regresiva aproveita a situación de crise económica para modificar os equilibrios de repartición de rendas e as garantías de protección social e servizos públicos en beneficio dos empresarios e as camadas altas e en prexuízo da maioría da sociedade, as camadas traballadoras e, particularmente, os sectores máis desfavorecidos e en desemprego.

 O Consello de Ministros do 13 de xullo aprobou un novo conxunto de medidas de axuste. Teñen un carácter profundamente antisocial e reducen dereitos sociais en tres áreas: protección ao desemprego, servizos públicos e condicións salariais e laborais dos empregados públicos. A elas hai que engadir a última reforma laboral e as medidas fiscais regresivas. Están inscritas nunha estratexia liberal-conservadora de ampliación da austeridade para as camadas populares e debilitamento do público e o Estado de benestar, son inxustas e teñen graves consecuencias sociais e un gran déficit democrático. Vexámolas de vagar.

1) Debilitamento da protección social ás persoas desempregadas. As principais medidas deste primeiro tipo son as seguintes. Rebáixanse dez puntos porcentuais (do 60% ao 50% das bases de cotización) o importe da prestación contributiva que se cobra a partir do sétimo mes de desemprego (mantense o 70% os primeiros seis meses); pode afectar a cerca un millón do total de 1,3 millóns que reciben prestacións contributivas. Elimínase o subsidio non contributivo dos maiores de 52 anos e até a idade de 55 anos en que se fixa agora o dereito, sendo obrigatoria a súa finalización á primeira idade posible de xubilación; do total de 1,3 millóns que perciben este subsidio asistencial ven prexudicados uns 300.000. Igualmente, restrínxese o acceso á renda activa de inserción que durante seis meses percibían as persoas desempregados maiores de 45 anos, con rendas inferiores ao 75% do salario mínimo interprofesional (SMI) de 641 euros, introducindo maiores esixencias de procura de emprego e eliminando os desempregados inscritos pero sen conseguir previamente dereitos contributivos; afecta a unhas 650.000 persoas. O tope da indemnización do FOGASA, para persoas despedidas de empresas insolventes, descende un 20% (de 150 días a 120) e o máximo do importe pasa de tres veces e media o SMI mensual (2.243 euros) a dúas veces (1.282 euros), é dicir, recórtase o 42%. Así mesmo, amplíanse as esixencias de “busca activa de emprego” ou reinserción laboral, así como os controis e as capacidades sancionadoras da administración para poder expulsar beneficiarios destas prestacións, só con “indicios” de fraude ou sen achegar todos os requisitos e documentos que demostren a mellora da súa empregabilidade.

 A todo iso hai que engadir o incremento das cotizacións á Seguridade Social pagadas polo beneficiario da prestación contributiva, que antes financiaba o INEM, co que a súa retribución neta se reduce un 3,4%. Até o ano 2014, soamente a redución do gasto en protección contributiva ao desemprego se calcula en preto de 14.000 millóns de euros.

 Doutra banda, o decreto-lei aprobado o 24 de agosto sobre a renovación o plan PREPARA aproba dúas medidas contraditorias, unha mellora parcial e un recorte significativo. Desde hai dous anos, unha media de 200.000 persoas desempregadas que esgotaban a prestación contributiva cobrou un subsidio, durante seis meses, debendo participar nun programa de inserción profesional. Agora, por unha banda, elévase de 400 euros a 450 o importe a percibir só polas persoas desempregadas que teñen responsabilidades familiares (parella e dous fillos menores de 26 anos) e sen ingresos. Por outra banda, a máis substancial, elimínase a súa percepción para moitos beneficiarios, especialmente novos, ao computar a renda familiar no canto da individual, e, ademais, endurécense os requisitos: constatación de que se busca activamente emprego e que a situación de paro sexa de longa duración (máis dun ano). O primeiro supón maiores controis administrativos perseguindo a baixa do sistema, xa que non hai expectativas de crecemento do emprego, dada a situación económica, e ao mesmo tempo, redúcense os recursos públicos para políticas activas de emprego. O segundo consiste en deixar sen acceso as persoas (novas) que non chegaron a estar empregadas durante tres anos, período de cotización necesario para cobrar doce meses a prestación contributiva previa, xa que este subsidio cóbrase unha vez finalizada a prestación contributiva e esíxese estar un ano en paro (dentro dos últimos 18 meses).

 Ademais, dos 5,7 millóns de persoas desempregadas (segundo a EPA-2012-2º trimestre) só cobran unha prestación ou un subsidio de desemprego 2,9 millóns (segundo o paro rexistrado do INEM), polo que hai 2,8 millóns permanecen sen ningunha protección pública, e 1,7 millóns de fogares teñen todos os seus membros activos en paro.

 En definitiva, o paro masivo, a redución da protección pública e o desamparo das persoas desempregadas están xerando un maior empobrecimiento dos sectores máis desfavorecidos, un descenso nas súas traxectorias laborais e persoais e unha deterioración das súas capacidades humanas, académicas e profesionais, con especial repercusión entre a xente nova. A desprotección social leva o intento de esvaer a responsabilidade das institucións públicas e reafirmar a ideoloxía liberal-conservadora, culpando as persoas desempregadas da súa propia situación de paro. A ausencia de políticas de reactivación de emprego decente e estes novos recortes da protección ao desemprego están consolidando novas fendas sociais e dificultades para a integración social. É preciso ampliar a cobertura e intensidade da protección social ao desemprego e ao risco de pobreza e exclusión, fortalecer as axeitadas políticas de formación e cualificación profesional e estimular a creación de emprego con plenos dereitos sociais e laborais.

2) Deterioración da calidade de servizos públicos fundamentais (sanidade, educación, axuda á dependencia, servizos sociais...). Este decreto de xullo recorta 5.811 millóns de euros o gasto das Comunidades Autónomas, sendo o groso do seu orzamento estes servizos esenciais, que se verán afectados. Se se engade o recorte aprobado do gasto dos servizos ofrecidos polo Goberno central e os Concellos, a redución do gasto público chega a 9.220 millóns de euros.

 En particular, adopta unha medida que ten un impacto directo sobre a protección á dependencia. Redúcese o financiamento público estatal ao sistema de dependencia, posponse a ampliación ao grao moderado de dependencia, auméntase o copagamento que deberán realizar as persoas dependentes e redúcense os servizos que se ofrecen. As principais medidas concretas son: redución dos importes medios das prestacións económicas asociadas aos graos de dependencia, pola vía de eliminar a subdivisión nos dous niveis de cada un dos tres graos de dependencia; rebaixa dun 15% da prestación por coidador familiar que determina o Estado, descenso ampliábel polas comunidades autónomas se así o deciden, e o coidador pasa a asumir a cotización social en vez do Estado como antes.

 Este recorte acumúlase ás primeiras medidas aprobadas polo Goberno do PP, en decembro pasado (recorte de 9.000 millóns no orzamento dos ministerios e paralización do calendario de aplicación da lei de dependencia), así como as adoptadas en abril: aumento do copagamento farmacéutico, incluído o novo pagamento polos pensionistas, exentos até daquela; a exclusión dos inmigrantes sen papeis da tarxeta sanitaria; o aumento da cociente de alumnos por aula, co consecuente despedimento de interinos e a menor calidade do ensino, e a subida das taxas universitarias con maiores dificultades para o acceso á educación superior dos sectores menos podentes. E igualmente súmase a de xuño: o chamado medicamentazo, coa exclusión da subvención pública de 417 medicamentos básicos e de gran consumo.

 3) Rebaixa dos salarios dos empregados públicos e aumento da súa xornada laboral coa consecuente expulsión de persoal interino e contratado. Suprímese a paga extra do Nadal para a gran maioría dos 2,7 millóns de empregados do sector público, o que supón aproximadamente a redución dun 7% dos ingresos salariais e podendo prorratear os descontos nas nóminas mensuais anteriores a esa data; só quedan exentos os que cobran menos de 962 euros (1,5 veces o salario mínimo interprofesional). Diminúese entre un 50% e un 25% a cantidade percibida en situación de incapacidade temporal por enfermidade común, que terá un máximo do 50% do salario nos tres primeiros días de baixa por enfermidade e un máximo do 75% entre os días 4 e 20. Redúcense de seis a tres os días dispoñíbeis para asuntos particulares. O persoal laboral (0,7 millóns) da administración poderá ver modificados ou suspendidos os seus convenios colectivos, co pretexto de insuficiencias orzamentarias. Hai que engadir a xeneralización do aumento de xornada laboral de 35 a 37,7 horas semanais, aprobado en decembro pasado, incluíndo a súa posíbel ampliación, co que supón de non renovación de contratos temporais ou interinos, redución de emprego e incremento do paro. Favorécese a mobilidade dos empregados públicos nos distintos ámbitos da administración, e evítase que persoal de empresas contratadas adquiran unha relación laboral co Estado.

 Oficialmente, o recorte de gasto público previsto por estas medidas, para o ano 2012, é de 5.430 millóns de euros, aínda que o saldo neto derivado dos menores ingresos por cotizacións sociais do persoal adscrito ao Réxime Xeral (24,4% desa cantidade) e por IRPF (por riba do 24,75%), será moi inferior (algunhas estimacións sitúano nuns 3.000 millóns), e sen contar o impacto negativo sobre o consumo.

 A todo iso hai que engadir a conxelación do soldo para 2012 dos empregados públicos decidida en decembro polo goberno do PP e a prevista para o ano 2013, acumuladas á redución do cinco puntos do salario no ano 2010 e a súa conxelación para o ano 2011, aprobadas polo anterior goberno socialista.

4) Unha reforma laboral inxusta e antisocial. O Goberno do PP aprobou o pasado mes de febreiro unha reforma laboral profundamente regresiva: abarata e facilita o despedimento, recorta dereitos e condicións laborais, precariza o emprego e debilita a regulación laboral e a negociación colectiva. Os seus obxectivos son dobres: por unha banda, a subordinación de traballadores e traballadoras, o abaratamento dos custos laborais e asegurar unha inserción laboral na inseguridade, e, doutra banda, o incremento dos beneficios empresariais e o fortalecemento da capacidade empresarial para dispor arbitrariamente das persoas empregadas e en paro. O resultado é un forte desequilibrio nas relacións laborais: por unha banda, maior indefensión para as capas traballadoras e marxinación dos seus representantes sindicais, e por outra banda, maior poder e control empresarial.

 Lonxe de constatar o fracaso das anteriores reformas laborais para crear emprego, asegurar a súa calidade e atender as demandas cidadás de superar o paro e garantir a protección ao desemprego, esta contrarreforma laboral do PP profunda o seu contido regresivo e desenvolve o seu impacto antisocial. Esta agresiva contrarreforma das dereitas (PP e CIU) afonda no retroceso laboral imposto polas dúas reformas do Goberno socialista anterior: a reforma laboral de xuño de 2010, co abaratamento do despedimento, e a reforma da negociación colectiva de xullo de 2011, co debilitamento da capacidade contractual dos sindicatos. No seu conxunto é un recorte xeneralizado das garantías colectivas e individuais de traballadores e traballadoras, unha marxinación do sindicalismo na regulación das relacións laborais, un incremento do poder empresarial.

5) Medidas fiscais regresivas. A principal é a elevación desde o 1 de setembro do tipo reducido de IVE desde o 8% ao 10% e do tipo normal do 18% ao 21%. Xunto co incremento decidido polo anterior goberno socialista no ano 2010, nos dous últimos anos o tipo xeral incrementouse 3 puntos e o tipo normal 5 puntos. Ademais, algúns produtos pasan do tipo reducido ao normal, é dicir, increméntanse 13 puntos. É o imposto máis regresivo porque afecta ao consumo da poboación e, proporcionalmente, é superior para as capas populares. O impacto oficial é dun incremento impositivo de 2.300 millóns de euros no ano 2012 (aplícase só no último trimestre do ano), 10.130 millóns en 2013 e 9.670 millóns en 2014. É un importe significativo que se detrae dos recursos da maioría da sociedade, e diminúe o consumo e o emprego. Doutra banda, auméntase a fiscalidade do tabaco e retíranse algunhas deducións do Imposto de Sociedades. O conxunto das medidas aprobadas en xullo supón unha redución de 1,2 puntos do déficit no ano 2012 e 0,9 puntos adicionais no ano 2013, aínda que os compromisos adquiridos polo Goberno coas institucións comunitarias son unha redución practicamente o dobre.

 A presión fiscal no Estado español é moi inferior á media da Unión Europea. No ano 2011 era do 35,1% do PIB, 9,5 puntos menos que a media europea (44,6%), tendo baixado cinco puntos desde o máximo do ano 2007 (41,1%). Esa menor presión fiscal está distribuída en todos os tipos de impostos. Con datos desagregados do ano 2010 (en que a diferenza existente era de 7,8 puntos), respecto da media europea no Estado español ingresábase menos en impostos indirectos (2,4 puntos dos que 1,4 eran no IVE), en impostos directos (2,1 puntos), en cotas sociais (2,3 puntos) e en taxas e prezos públicos (1 punto). Hai pois marxe para un incremento da fiscalidade. A cuestión, para que aumente a equidade do sistema, é que medidas se adoptan. Alén da loita contra a fraude fiscal e contando co incremento do IRPF (menos regresivo que o do IVE) adoptado polo goberno do PP en decembro pasado, existe unha marxe ampla para o incremento do imposto de sociedades, particularmente ás grandes empresas cun tipo de gravame do 30% pero cuxo tipo efectivo é a metade, debido ás múltiples deducións existentes até o de agora. Este imposto de sociedades foi rebaixado cinco puntos na reforma fiscal do goberno socialista no ano 2006. Para ter unha idea do impacto desa rebaixa, entre os anos 2007 e 2010, o descenso máis pronunciado dos ingresos fiscais foi o derivado do imposto de sociedades que se recortou un 64% (17.521 millóns de euros nun ano segundo o Ministerio de Facenda); máis da metade desa cantidade (uns 8.000 millóns) correspondía á redución impositiva, e preto da outra metade á diminución da actividade económica. O novo do Goberno do PP confirmou esa rebaixa regresiva do tipo de gravame do imposto de sociedades realizada polo Executivo do PSOE. Igualmente, poderíanse incrementar outros impostos, algúns recentemente eliminados como os de sucesións (máis de 2.500 millóns anuais) ou simbólicos como o do patrimonio (incluído as SICAV) e outros practicamente inexistentes, como os ambientais ou ás transaccións financeiras, ademais do imposto especial ás grandes fortunas que propón o partido socialista.

 Ao mesmo tempo, o gasto público no Estado español, no ano 2011, é o 43,6%, inferior en 5,8 puntos á media europea (49,4%). No período 2007-2009 produciuse un significativo aumento do 39,1% do PIB ao 46,3%, máis de sete puntos, derivado fundamentalmente do incremento de 3 puntos porcentuais do gasto en prestacións sociais (desemprego e pensións) e 1,8 na remuneración dos empregados públicos. Porén, xerado polos distintos recortes sociais de maio de 2010 (conxelamento de pensións e rebaixa salarial dos empregados públicos), nese ano o gasto público baixou ao 45,6% e no ano 2011 ao citado 43,6%, é dicir, un total de tres puntos en dous anos. Ademais, hai que contar que, ultimamente, a partida do pagamento por xuros da débeda pública é a que ten maior incremento sen que, por suposto, supoña un beneficio para a poboación senón, sobre todo, para os especuladores e acredores estranxeiros.

 Unha das medidas problemáticas adoptadas polo último decreto de xullo é a rebaixa de dous puntos nas cotizacións sociais das empresas (uns 5.000 millóns de euros) que constitúen un aforro de custos laborais das empresas. Lonxe da versión oficial de que reverterá en maior investimento e competitividade para as nosas empresas exportadoras, van ir parar, fundamentalmente, ao aumento dos beneficios empresariais sen mellorar o emprego. Ao mesmo tempo, pon en perigo os ingresos da Seguridade Social e pode ser un pretexto para un novo recorte das pensións.

 A conclusión é que non estamos ante un excesivo gasto público que se deba conter senón que aínda resta unha gran diferenza, particularmente de gasto social, respecto da media europea. O problema fundamental é a limitada presión fiscal no Estado español, moi inferior á da Unión Europea e a Eurozona, causante principal do elevado déficit público. A solución pasa por incrementar os ingresos fiscais cunha reforma fiscal profunda, progresiva e equitativa, aínda máis necesaria para impulsar políticas de reactivación económica, renovación do aparello produtivo e creación de emprego decente, así como para soster e consolidar o noso débil Estado de benestar.

 En resumo, o Goberno do PP, durante estes meses, reforzou e ampliou as medidas antisociais de axuste e austeridade. Amparado polas instrucións e orientacións das institucións europeas, con esta política regresiva aproveita a situación de crise económica para modificar os equilibrios de repartición de rendas e as garantías de protección social e servizos públicos en beneficio dos empresarios e as camadas altas e en prexuízo da maioría da sociedade, as camadas traballadoras e, particularmente, os sectores máis desfavorecidos e en desemprego. Esta política liberal-conservadora supón un plan sistemático para cambiar profundamente o modelo social e avanzar nunha saída regresiva á crise. Supón ante a cidadanía un xusto descrédito da clase política, empeñada en facer recaer os maiores custos da crise na maioría popular.

 O reto para as esquerdas, o sindicalismo e os grupos e movementos sociais progresistas é impedir os recortes antisociais, facer fracasar esa estratexia, reactivar a cidadanía e conformar un bloque social unitario, en defensa do emprego decente, os dereitos sociais e laborais e o reforzo do Estado de benestar. As convocatorias de protestas colectivas [...] e a participación masiva na consulta popular contra os recortes e os axustes, xunto coas distintas mobilizacións en marcha, son unha boa canle para manifestar a indignación cidadá e esixir un cambio da política social, laboral e económica que garanta unha saída máis xusta e equitativa da crise.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 14 de setembro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com