No Estado español, onde a palabra democracia esta baleirada de contido, a decisión está tomada. É preferíbel ser socio de Mohammed VI e participar no exterminio do pobo saharauí antes que defender a dignidade, a xustiza e a liberdade. É lamentábel que o reino de Estado español renuncie deliberadamente a converterse nun país abandeirado das loitas democráticas no Sahara occidental e acabe sucumbindo aos cantos de serea dunha das tiranías máis abxectas que existen na actualidade.
Mentres a represión do reino alauita continúa, o Estado español olla para outro lado. Postos en situacións límite, o goberno de Rodríguez Zapatero decántase por unha posición timorata. Os máis de 4.500 feridos, 2.000 detidos e polo menos unha ducia de mortos non son razón suficiente para cuestionar o réxime de Mohammed VI.
A ministra de Relacións Exteriores, Trinidad Jiménez, estréase no cargo como a portavoz da ignominia. Neste desatino, emprega un eufemismo diplomático para non caer no esperpento. Lamentan o ocorrido, entristécense e cualifican as mortes e a violación dos dereitos humanos como un cúmulo de sucesos desacertados. É o xeito de baixar a cabeza.
Marrocos é un socio estratéxico e non lle importa ren apoialo. Por este motivo, pasarán por alto a mordaza informativa, a expulsión de xornalistas. Neste caso non se pedirán explicacións nin se falará de censura á liberdade de información. Un lacónico comunicado sinalando que sería bo que deixasen entrar os informadores. Para o goberno do PSOE e o principal partido da oposición, non hai motivos de preocupación. As vidas dos saharauís non están en perigo e magnificáronse intencionadamente as repercusións das accións militares no Aiún.
Que hai tras esta política? A resposta é de Perogrullo. Son os intereses pesqueiros, os acordos agrícolas e as "boas relacións económicas" entre os empresarios españois e Mohammed VI. Debemos subliñar que o Estado español é a gran exportadora de armas ao exército marroquí. Armas que se están utilizando para o xenocidio do pobo saharauí. Así mesmo, os vínculos que unen a Xoán Carlos I con Mohammed VI son "entrañábeis", ambos considéranse estreitos colaboradores persoais. Os seus negocios e intereses se solapan baixo a autocracia e a represión.
Noutras palabras, o goberno do PSOE non vai molestar os amigos do Rei, porque sería un acto descortés. Os súbditos deben ser leais á coroa. Por conseguinte, é mellor dar credibilidade ás explicacións das autoridades marroquís e facer a vista gorda ás imaxes e declaracións dos habitantes do Aiún. Calquera outra posición sería arriscada. Así se renuncia a defender o dereito de autodeterminación do pobo saharauí, aliándose cos seus verdugos e postergando as demandas de democracia e referendo en favor da colonización marroquí.
Non hai vontade política de pedir responsabilidades. É máis rendíbel ser colega dun ditador, ao cal se considera un aliado no Magreb. En Marrocos non hai motivos para pensar nun réxime despótico e tiránico. Os que así o cualifican son esquerdistas e inimigos da democracia representativa. Todo cadra. O pragmatismo aprópiase do proceso de toma de decisións.
Neste momento vén ben un exercicio de política comparada. Mentres a monarquía alauita resulta ser intocábel por razóns de Estado, acusar á República Bolivariana de Venezuela de apoiar a ETA outórgalle, ao goberno do PSOE, excelentes plusvalías políticas. Neste caso, non importa que as declaracións dos detidos non se axusten a dereito, restando credibilidade ás denuncias. A fiscalía xeral do Estado non ten dúbidas e comeza unha campaña onde se desprestixia, acusa e condena o presidente Hugo Chávez e o seu goberno. Así de paso desestabilízase o goberno venezolano.
Neste caso, prima o apoio político e económico a unha oposición golpista e antidemocrática. Ás empresas que configuran o cártel español como o Banco Santander, Repsol, Iberdrola, Endesa ou BBVA non lles importa reducir os seus beneficios a curto prazo. A súa estratexia ten en mente outro escenario no cal non se contempla a permanencia do proxecto bolivariano no poder. Cando isto se produza, o cártel recibirá o seu premio por financiar e dar cobertura aos partidos e dirixentes da oposición.
Porén, cando falamos de Marrocos a cousa cambia. Existe un acordo de principios. Nin ven nin falan das violacións de dereitos humanos e do dereito internacional. O autismo faise presente e córrese un tupido veo. Mudos, xordos e cegos ante as denuncias de torturas e o masacre do pobo saharauí, a balanza inclínase en prol da monarquía alauita. A chantaxe de Mohammed VI é evidente: se Estado español condena, enfadámonos e rompemos a baralla. O Estado español ten máis que perder, esgrimen as autoridades en Rabat.
No Estado español, onde a palabra democracia esta baleirada de contido, a decisión está tomada. É preferíbel ser socio de Mohammed VI e participar no exterminio do pobo saharauí antes que defender a dignidade, a xustiza e a liberdade. É lamentábel que o reino de Estado español renuncie deliberadamente a converterse nun país abandeirado das loitas democráticas no Sahara occidental e acabe sucumbindo aos cantos de serea dunha das tiranías máis abxectas que existen na actualidade. Esa é, lamentabelmente, a realidade. Por sorte miles de cidadáns de todo o Estado español se manifestaron manifestan en apoio do pobo saharauí pedindo unha rectificación a un goberno que os avergoña. Oxalá escoiten as súas demandas.
[Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 14 de novembro de 2010]