Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
15/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: FMI : : Haití : : terremoto :
Altruísmos: o FMI e a desfeita de Haití

O presidente haitiano Jean-Baptiste Aristide foi novamente derrocado o 29 de febreiro do 2004 por non cumprir a imposición do FMI de privatizar bancos, a empresa cementeira e a telefónica. O método foi simple: o FMI e o Banco Mundial instauraron un bloqueo da “axuda” que estaba en perfecta consonancia co desexo do goberno de W. Bush.

Quen dixo que o Fondo Monetario Internacional non é altruísta, que impón máis pobreza aos países pobres e lles orixina catástrofes económicas, que lle importa máis o capital que o xénero humano (entre outras cousas)? Pois non: acaba de dar unha mostra cabal da súa xenerosidade, a súa esplendidez, enviando a Haití “unha axuda de urxencia” de 114 millóns de dólares. Como acontece algunhas veces, cómpre examinar o contido da palabra “axuda” neste caso.

Trátase dun empréstito que o FMI decidiu empezar a cobrar dentro de cinco anos e medio sen que se acumulen intereses durante o devandito período. Isto xa é magnanimidade. O señor Dominique StraussKahn, director xeral e presidente do consello da institución, sinalou que dese xeito participa no esforzo de reconstrución do país arrasado (www.imf.org, 27-1-10). Engadiu que “axudará as autoridades (haitianas) a preparar e levar a cabo un plan de reconstrución e de recuperación económica a mediano prazo”. Cellas de moitos países se engurraron: é o anuncio dun “plan de reforma estrutural”, segundo a terminoloxía en curso, que os castiga aínda.

O Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo (Cadtm) cualificou de escandalosa “esta nova manobra do FMI tendente a relexitimar a súa acción en Haití” (www.cadtm.org, 30-1-10). Subliñou “a responsabilidade abafadora” do Fondo, o Banco Mundial e outros organismos financeiros na violación dos dereitos humanos, a liquidación da autosuficiencia alimentaria do pobo haitiano e o endebedamento esmagador e progresivo do país. Isto último empezou hai moito.

Haití naceu endebedado: para recoñecer a independencia lograda en 1804, Francia obrigou o país recentemente nado a pagar 90 millóns de francos ouro como indemnización pola perda dos seus escravos. O pagamento desta débeda levoulle a Haití máis dun século: empezou en 1825 e terminou en 1947. No intre, EE.UU. ocupouno militarmente (1910-1934) e saqueou o tesouro nacional. Os ditadores que apoiou despois -François Duvalier e o seu fillo Jean-Claude, alias Bébé Doc- obtiveron do Banco Mundial, o FMI e o BID un empréstito tras outro que empregaron sobre todo en financiar escuadróns da morte, os tonton macoute primeiro, os Leopardos despois.

A conxunción militar-político-económica de EE.UU. e as institucións financeiras executaron políticas nefastas para o pobo haitiano. Por exemplo, cambiáronlle a alimentación, como sinala o Cadtm. O dumping de produtos estadounidenses subvencionados arrasou practicamente coa produción local: “Vítima desta competencia desleal, Haití converteuse nun sumidoiro de produtos agrícolas, avícolas e piscícolas de baixa calidade de EE.UU.”, observa o escritor Camille Loty Malebranche (www.michelcollon.info:80, 14-1-2010). O sucedido co gando porcino local é paradigmático.

Haití contaba con 1.300.000 cabezas de porco negro, unha variedade local vigorosa que se alimentaba de refugallos e vermes. Alimentábase: aproveitando un brote de febre porcina que estalou na República Dominicana en 1978 e a aparición dalgúns -poucos- casos en Haití, EE.UU. brandiu a pantasma dunha ameaza inminente de contaxio e logrou, vía o BID, que o Bebé Doc liquidase todo ese gando. Miles de familias quedaron sen un recurso fácil de manter. Beneficiáronse as empresas estadounidenses que venderon porcos demandantes de dieta e coidados especiais. Non foi o único golpe propinado á produción agrícola haitiana: o FMI e o BID lograron que Bébé reducise do 30 ao 10 por cento os aranceis impostos á importación de arroz. O subsidiado de EE.UU. asolagou o mercado provocando a migración a Porto Príncipe de numerosos campesiños. En 1970 o país era autosuficiente na materia.

O presidente Jean-Baptiste Aristide foi novamente derrocado o 29 de febreiro do 2004 por non cumprir a imposición do FMI de privatizar bancos, a empresa cementeira e a telefónica. O método foi simple: o FMI e o Banco Mundial instauraron un bloqueo da “axuda” que estaba en perfecta consonancia co desexo do goberno de W. Bush. Recorda o Cadtm que o economista Jeffrey Sachs, ex asesor dos dous organismos, manifestou respecto diso: “Os dirixentes estadounidenses eran perfectamente conscientes de que o embargo da axuda provocaría unha crise da balanza de pagamentos, o incremento abrupto da inflación e o derrubamento do nivel de vida, o que á súa vez encirraría a rebelión (contra Aristide)”. Un grupo paramilitar invadiu Haití e coñécese o resto: practicamente raptado por forzas estadounidenses, Aristide foi sacado de Haití e só foi reposto a condición de cumprir o “plan de reforma estrutural” do FMI, sempre espléndido, sempre xeneroso.

[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página12’, do 14 de febreiro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com